XI Trofeo Porto de Vigo. Última proba.

BALEA DOUS REMATA SEGUNDO NA CLASE CRUCEIRO-REGATA

Sábado, 12 de Decembro de 2009.-

Celebrouse este sábado a última proba desta clásica regata de Outono, despois de teren que ser suspendidas dúas probas por causa dos temporais que pasaron no último mes.

Presentábase un día de sol, boa temperatura e previsión de pouco vento, co que temiamos pola suspensión tamén, desta proba.

Deste xeito o Comité de Regata do Náutico de Vigo estableceu un percorrido curto entre Vigo e Domaio con viradas en Lousal, Vigo, Guixar, e entrada en Vigo.

En principio mantense un vento duns oito nós de Nordés, que move sen dificultades aos barcos. O Balea fai unha saída moi axustada, con risco de ser botado fóra da liña polas orzadas dos barcos de sotavento que se vían apurados ante a proximidade da boia de sotavento.

A pouco da saída, tendo a zona de barlovento libre, viramos a estribor e decidimos polo bordo sur.

Por esta opción tamén se deciden Arroutado, Reira, Menudeta,… , nós prolongamos máis o bordo ata Punta Lagoa e entramos no vento da Guía co que facemos unha proa 15º mellor cos demais barcos que van máis polo medio do canal.

Viramos Lousal por detrás de Reira e Baltea e comezamos unha empopada ata Vigo. Achegámonos a Baltea amurados a estribor e cando trasluchamos quedamos ao seu barlovento e non tardamos en superalo. Continuamos por popa do Reira ata a baliza de Vigo. Apuramos o spí ata a mesma baliza e nunha virada axustada pasamos por dentro ao Reira que perde bastante na arriada de spí.

Tras unha ceñida rápida de 0,75 mn ata Guixar e igual distancia de empopada ata a meta conseguimos manter a vantaxe sobre o Reira e facer un segundo posto detrás do Arroutado que nos vale para ascender un posto na clasificación xeral da clase e rematar así este trofeo en segundo lugar.

Rematamos así un ano máis sen baixar do podio en ningunha das regatas en que participamos.

Crónica en www.rcnauticovigo.com

2.554 Km, nova marca en recepción AIS de Borneira.

Bótanse de menos neste período xa case invernal as aperturas de propagación que eran tan habituais no verán.
Parece incrible as distancias a onde poden chegar as pouco potentes emisións de datos AIS, que utilizan a banda marina de VHF, cando as condicións troposféricas son favorables.
O sinal máis lonxano recibido pola Estación Borneira, situada en Cangas, chegou dende a distancia de 2554 Km, ou sexa, bastante máis ao sur das Illas Canarias.
Se no mes de Marzo parecíanos extraordinario recibir sinais dende Madeira, agora agardamos as próximas aperturas de propagación para chegar a recibir sinais de Cabo Verde.
Será o próximo obxectivo.

 www.localizatodo.com

Balea Dous, probador oficial de GPS Race Driver.

O Balea Dous entrou a formar parte dos probadores oficiais do GPS Race Driver, un novo sofware táctico para regatas de uso en PDA, e está deseñado para axudar a mellorar as decisións tácticas e o rendemento en regata.

Este programa permite definir un percorrido, optimizar un procedemento de saída, coñecer o bordo bo e o lado favorecido da saída, obter datos de VMG durante a regata, roles, rumbos, velocidade, estatísticas, tempo e distancia para chegar ao layline,…

Máis información en GPS Race Driver

 

XI Trofeo Porto de Vigo

Sábado, 14 de Novembro de 2009.-

Celébrase a primeira proba da tradicional serie de Outono que este ano está patrocinada polo Porto de Vigo, e pódese facer porque coincide xustamente na tarde do sábado, unha ventá meteorolóxica de relativa tranquilidade entre dúas frontes moi activas que nos deixan os primeiros temporais do outono, con fortes ventos e abundantes precipitacións. Así pois, atopámonos cunha tarde de condicións excelentes para a vela, con vento de SW que oscila entre os 15 e os 20 nós con algunha racha de algo máis, e unha boa marexada que deixou na ría o temporal de vento das últimas horas.

Con estas condicións, o Comité de Regata do R. C. Náutico de Vigo dispón que se faga o percorrido nº 1 previsto nas Instrucións de Regata: saída situada entre Trasatlánticos e O Con, baliza de desmarque nas proximidades do porto de Bouzas (Br), Lousal (Er), Bouzas (Er), Salgueirón (Br) e chegada en Bouzas.

Na ceñida de desmarque cóllennos a dianteira o Arroutado, Palanquín e Reira, e tras virar a boia a flota lánzase en popa cara o Lousal, con spís arriba e facendo boas puntas de velocidade. Viramos Lousal por diante do Reira e na ceñida de volta, preséntanse en principio dúas alternativas. Facer o bordo por Moaña, elección de Palanquín, Reira e Menudeta, entre outros, ou tirar cara o sur pola zona da Guía, opción que segue Arroutado e Balea detrás. Resultou ser esta a boa opción pois no primeiro cruce xa cruzamos por diante de Palanquín, Menudeta e Reira.

Tras dura ceñida ata Bouzas sen variacións entre os da clase, un descuartelar a Salgueirón e outro máis aberto de volta a Bouzas, remata a regata sen lugar a máis alternativas.

Entra diante o Arroutado que fai primeiro na clase e na xeral, detrás o Balea que non consegue suficiente vantaxe sobre Palanquín para evitar que este faga o segundo posto da clase.

Semana do Atlántico 2009. Regata A Dous.

Por fin decidímonos a participar nunha regata a dous, modalidade na que o Balea estaba por estrear, así que para a Semana do Atlántico a tripulación se reduciría ao patrón habitual, Luis Pérez xunto con Jesús Martínez (Suso).

O sábado 17 de outubro celébrase a primeira proba co seguinte percorrido: Saída, Lousal (Er), Salgueirón (Br), Lousal (Er) e chegada en Vigo. A distancia percorrida será dunhas 14 millas.

A saída dase ás 13 h., cun ventiño fresco de terra (ESE). Saímos amurados a estribor, ben colocados e con vento limpo. Imos andando ben e escollemos o bordo do norte da ría que resultaría ser o bordo malo, pois o grupo que fixo o bordo sur, pola zona da Lagoa, pasaría por diante sacando unha boa vantaxe.

Viramos Lousal e tomamos rumbo de popa con spí arriba. O vento vai baixando e desaparecendo case totalmente, tendo que buscar avanzar algo por medio das bateas de Moaña. Polo Con de Pego salta o novo vento, que nos leva de ceñida ata Salgueirón, na que viramos para volver a montar spí cara o Lousal. Queda unha longa popa cun 8 nós de vento que os que nos preceden plantean pola costa norte da ría. Non vemos mal a opción contraria, un bordo que nos leva a Guixar para logo subir a Lousal por A Lagoa, e no que só nos acompaña o Sailway 31.

 

Efectivamente, este bordo sae moi ben, colándonos por diante do Arroutado II en Lousal.

A pesar de problemas na izada de génova que nos fan perder algún minuto, conseguimos rematar unha boa ceñida en Vigo entrando por diante do Arroutado II.

 

A segunda proba, ao día seguinte, con saída ás 11 h., que nos leva a Subrido, Bondaña e regreso a Vigo, comeza con bo vento do fondo da ría pero con previsión de caida total a mediodía o que nos fai temer que a regata non se remate.



Rápido tramo de desmarque e empopada cara a Subrido facendo moi boa velocidade. Pasamos a Borneira, sen significativas diferenzas entre o grupo ata que, pasando Liméns o vento comeza a baixar un pouco. Chegamos a Subrido e cando estamos virando, todos bastante agrupados menos os tres de cabeza, Bosch, Terras e Cativos, que colleran certa vantaxe, cae de súpeto o vento quedando o resto da flota aboiados a velas vir, mentres curiosamente os tres de cabeza non perden o vento en ningún momento, vento fresco que os leva en rápida ceñida ata Bondaña e Vigo.

Pasa o tempo e non se albisca brisa que nos poida sacar de alí e comezan os abandonos. Con caalma, Palanquín, Arroutado II, Burlanegra,… e cando case imos seguir o mesmo camiño vemos que por detrás ven o Pitufo co spí inflado. Levántase unha lixeira brisa de NO que nos pon a traballar de novo, izar spí e tratar de chegar a meta antes do tempo límite.

Terminamos a proba no posto sexto o que nos leva a unha moi boa clasificación xeral das dúas probas: 6º na clasificación xeral “A dous” e 1º da clase Cruceiro-Regata.

Por suposto, dámonos por moi satisfeitos da nosa primeira participación en regatas de tripulación reducida.

Ata 21 clasificados.

 

Trofeo Vila de Bouzas

29 de setembro e 3 de outubro de 2009

Balea Dous, segundo da clase detrás do Arroutado II.

Celebrouse esta clásica da Ría de Vigo fóra das datas habituais de comezos do verán en que se viña facendo habitualmente, e notouse. De ser frecuente realizarse con nortes frescos pasamos ventos frouxos e variables, ou sexa: “¡imos ver se acabamos!”.

A primeira proba, unha costeira, con saída fronte ao porto de Bouzas e pasos por Subrido e Bondaña, con volta a Bouzas.

Saída con brisa frouxa de Oeste que a pouco de pasar a Borneira empeza a escasear. Arroutado tírase a Liméns, posiblemente agardando que saltara o NO, e falla na táctica pois queda aboiado por esa zona e superado polos que fan o bordo polo medio da ría, Baltea e Reira, que se colocan á cabeza da flota nun excelente bordo. No Balea, máis pola ría que por terra, non quedamos descolgados dos 35s5 de Bouzas e viramos Subrido por detrás deles e con bastante vantaxe sobre o Arroutado.

Empopada cara Bondaña polo bordo exterior que nos leva ao grupo de cabeza a caer nun pozo que evitan os que veñen atrás facendo o bordo interior, e resultando un cambio total nas posicións. No paso de Bondaña, Arroutado e os que se colaron polo interior, Druida e Iumar, xa se colocan á cabeza da regata.

O vento rola e ponse de terra, un ESE moi frouxo que fai que uns busquen camiño por Samil e outros pola ría, con diferentes resultados. Nun momentos ían ben os da ría e noutros os de terra.

Acabamos entrando por detrás de Baltea e Reira, e sen saber se os tempos compensados nos darían para estar diante deles na clasificación da etapa.

A segunda proba é un barlovento-sotavento, con pouco vento de OSO, e con pouca historia.

O Arroutado II colle a cabeza de saída e o Balea disputa a regata co Reira, sen conseguir achegarse o suficiente para facer valer o rating. Facemos un terceiro posto.

Na clasificación global das dúas etapas quedamos en segundo lugar, detrás do Arroutado de Rodolfo R., un posto co que non contabamos despois da mala posición acadada na primeira proba, pero que foi posible polos desiguais puntos obtidos polos outros barcos da clase nas dúas probas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Balea vai,… Arroutado ven.

 

 

 

Virando Barlovento detrás do Reira.

 

XVII Regata Guardiamarina 2009

 

SEGUNDO CLASIFICADO DE CLASE E CUARTO GLOBAL

Os días 19 e 20 de setembro o Balea Dous participou na Guardiamarina comezando así a tempada de regatas 2009-2010.

Nesta ocasión a regata modificouse en relación ao que era habitual, facendo a primeira proba na Ría de Ponteverda co fin de facilitar a participación aos barcos que na semana anterior competiran no Desafío de Sanxenxo. Loxicamente este formato favoreceu aos barcos que estaban en Sanxenxo pero non aos que estaban na Ría de Vigo que tiveron que contar cun día máis para trasladar o barco a Marín.

Non parece que esta medida favorecera a participación pois este ano non pasaron de 25 os barcos, contra os case 40 que eran habituais. É posible que moitos barcos de Vigo desistiran de participar por falta de tempo para trasladarse a Marín e pola contra non se contou con participación da flota da Ría de Pontevedra, agás os da Escola Naval e algún de Aguete.

Primeira proba.-

Consiste nunha costeira con saída nas proximidades da Escola Naval, virada por babor en Mourisca e regreso a Marín, cun vento de SW frouxo pero bastante entablado na ría.

Non facemos unha boa saída e toca remontar. De seguido buscamos o norte da ría e nun par de bordos estamos por diante da nosa clase. O Zamora bastante descolgado e o Enxuto seguindo a nosa estela. A brisa é das que o Balea saca mellor rendimento en ceñida polo que mantemos aos seguidores controlados e mellorando a posición.

Pasando Morrazán hai que decidir se ir ao NO ou ao Sur. Non vemos clara a opción NO e decidimos xogala polo sur a pesar de que o Enxuto e o Iumar proban por aí e deciden non seguirnos. Pronto temos a sensación de que polo norte non andan tanto coma no sur e confírmase que foi a boa opción cando viramos Mourisca coa única ameaza por detrás do Zamora que tamén escollera opción sur.

Na popa mantemos en principio a vantaxe sobre o Zamora, ao que lle hai que dar tempo, pero un bordo de estribor que fixemos algo largo ata Mogor, fainos perder a vantaxe e só logramos entrar un minuto por diante do Zamora. Salvamos a regata que a punto estivemos de perder e facemos primeiros da clase.

Segunda proba.-

O domingo celébrase a clásica Marín-Vigo, e coma é habitual sen vento á hora da saída. Acaba entrando unha brisa de NO e dase a saída á altura do Morrazán. Mala saída de novo e volta a remontar dende atrás pero esta vez collendo todos vento largo será máis difícil gañar algún posto. Agasallos destes non se poden facer na nosa clase, onde o máis tonto fai reloxos. A nosa táctica redúcese a facer o percorrido por barlovento da flota buscando o NO máis fresco e afastándono o posible de Soavela, polas sorpresas que poida gardar. Andamos ben e xa fronte á Ría de Aldán izamos spí e navegamos nun través pechado. Os de máis adentro vanse quedando á altura do Facho, todos os demáis forzan o rumbo en dirección ao Norte de Cíes, e aínda así caen case todos nun pozo na boca norte da ría de Vigo. Por barlovento de toda a flota conseguimos pasar sen que se veña abaixo o spí e chegamos á altura do Zamora e deixando a moitos grandes a sotavento. Alongamos o bordo ata a Punta Muxieiro e trasluchamos poñendo rumbo a Vigo. Entrando na ría, o vento vai afrescando e lanzámonos nun través con spí no que mantemos uns 8 – 9 nós de velocidade, pero o Zamora tamén o fai ben e entra un minuto diante de nós.

Unha gran regata onde o Zamora fai primeiro absoluto e o Balea segundo, por diante de todos os grandes.

Na clasificación da clase, das dúas probas, quedamos empatados co Zamora. Os dous temos un 1º e un 2º, pero como desempata o posto da última proba, o Zamora gaña a clase e o Balea queda segundo.

Na xeral das dúas probas e de toda a flota, facemos un 4º posto.

 

Carta de protesta ao Ministerio de Fomento

Nestes días estase a facer un envío masivo de cartas a Fomento, por parte de navegantes de recreo de todo o litoral español, para manifestar a indignación ante a excesiva e irracional normativa de obrigado cumprimento, que non ten en conta a realidade da navegación de recreo senon que máis ben parece ter un afan recaudatorio.

Báixate a Carta a Fomento e remítea canto antes por correo postal, correo electrónico ou fax.

Ministerio de Fomento
Secretaría de Estado de Transportes
Paseo de la Castellana, 67
28071 Madrid

Os enderezos de E-mail son:

atencionciudadano@fomento.es
portal@administracion.es

Enviar copia a ANAVRE:

juridico@anavre.org

¡ENVÍA A CARTA E DIFÚNDEA ENTRE NAVEGANTES COÑECIDOS!

Asóciate a ANAVRE

Querido amigo visitante deste blog:

Se eres navegante, propietario ou usuario de embarcación de recreo, creo que che interesa asociarte a ANAVRE se aínda non te apuntaches.

ANAVRE é a unión de todos os navegantes de recreo, dende windsurfistas a regatistas de alto nivel, pescadores deportivos, ou simplemente, os que só pretenden saír un rato ao mar. É a voz que dará a coñecer os problemas e opinións dos particulares que practicamos esta actividade, é a entidade que, en colaboración con todos os demais axentes do sector, proponse modificar a actual dinámica da náutica de recreo, que asfixia e grava a todos os que aspiramos a practicar o noso soño de disfrutar do mar.

¡FAITE SOCIO/SOCIA!

Entra en www.anavre.org e apúntate.

Xorde ANAVRE, a Asociación de Navegantes dee Recreo.

 

ANAVRE, siglas que definen á Asociación de Navegantes de Recreo é o resultado dun soño e da vontade dun grupo de persoas, unidas por unha idea básica: Facer da Náutica de Recreo en España unha actividade accesible, pracenteira e rexida por unhas normas sensatas, específicas e similares aos países da nosa contorna.

É, con toda seguridade, un caso único no panorama asociativo español e, tamén, probablemente fóra de España. Trátase dunha iniciativa que xorde no seo dun dos Foros Náuticos en español con maior antigüidade e participación, “La Taberna del Puerto”, no que tradicionalmente debátense e expoñen todo tipo de cuestións referidas á Náutica de Recreo.

Unha vez lanzada a idea, a luva foi recollida por unha serie de “cofrades” (término empregado para os usuarios do foro), que formaron un GRUPO DE TRABALLO e asumiron a tarefa de redactar os Estatutos e constituír a 1ª Xunta Directiva, para rexistrar a Asociación a nivel nacional.

O verdadeiramente excepcional desta xénese é que toda a comunicación, confección e debate dos Estatutos, Logos, Manifestos, Páxina Web,….levouse a cabo “online”, ata a afiliación e votación.

O resultado foi acadar máis de douscentos socios nun prazo de 15 días e unha ilusión crecente nun proxecto tantas veces desexado pero nunca culminado.

Todo isto demostra que os Navegantes de Recreo queren unirse, pretenden ter voz propia en todo aquilo que teña que ver co seu dereito a navegar e desexan ser escoitados polas diferentes Administracións antes que esta importante actividade lúdica e deportiva se converta nun sector elitista e inaccesible.

www.anavre.org