Semana do Atlántico 2009. Regata A Dous.

Por fin decidímonos a participar nunha regata a dous, modalidade na que o Balea estaba por estrear, así que para a Semana do Atlántico a tripulación se reduciría ao patrón habitual, Luis Pérez xunto con Jesús Martínez (Suso).

O sábado 17 de outubro celébrase a primeira proba co seguinte percorrido: Saída, Lousal (Er), Salgueirón (Br), Lousal (Er) e chegada en Vigo. A distancia percorrida será dunhas 14 millas.

A saída dase ás 13 h., cun ventiño fresco de terra (ESE). Saímos amurados a estribor, ben colocados e con vento limpo. Imos andando ben e escollemos o bordo do norte da ría que resultaría ser o bordo malo, pois o grupo que fixo o bordo sur, pola zona da Lagoa, pasaría por diante sacando unha boa vantaxe.

Viramos Lousal e tomamos rumbo de popa con spí arriba. O vento vai baixando e desaparecendo case totalmente, tendo que buscar avanzar algo por medio das bateas de Moaña. Polo Con de Pego salta o novo vento, que nos leva de ceñida ata Salgueirón, na que viramos para volver a montar spí cara o Lousal. Queda unha longa popa cun 8 nós de vento que os que nos preceden plantean pola costa norte da ría. Non vemos mal a opción contraria, un bordo que nos leva a Guixar para logo subir a Lousal por A Lagoa, e no que só nos acompaña o Sailway 31.

 

Efectivamente, este bordo sae moi ben, colándonos por diante do Arroutado II en Lousal.

A pesar de problemas na izada de génova que nos fan perder algún minuto, conseguimos rematar unha boa ceñida en Vigo entrando por diante do Arroutado II.

 

A segunda proba, ao día seguinte, con saída ás 11 h., que nos leva a Subrido, Bondaña e regreso a Vigo, comeza con bo vento do fondo da ría pero con previsión de caida total a mediodía o que nos fai temer que a regata non se remate.



Rápido tramo de desmarque e empopada cara a Subrido facendo moi boa velocidade. Pasamos a Borneira, sen significativas diferenzas entre o grupo ata que, pasando Liméns o vento comeza a baixar un pouco. Chegamos a Subrido e cando estamos virando, todos bastante agrupados menos os tres de cabeza, Bosch, Terras e Cativos, que colleran certa vantaxe, cae de súpeto o vento quedando o resto da flota aboiados a velas vir, mentres curiosamente os tres de cabeza non perden o vento en ningún momento, vento fresco que os leva en rápida ceñida ata Bondaña e Vigo.

Pasa o tempo e non se albisca brisa que nos poida sacar de alí e comezan os abandonos. Con caalma, Palanquín, Arroutado II, Burlanegra,… e cando case imos seguir o mesmo camiño vemos que por detrás ven o Pitufo co spí inflado. Levántase unha lixeira brisa de NO que nos pon a traballar de novo, izar spí e tratar de chegar a meta antes do tempo límite.

Terminamos a proba no posto sexto o que nos leva a unha moi boa clasificación xeral das dúas probas: 6º na clasificación xeral “A dous” e 1º da clase Cruceiro-Regata.

Por suposto, dámonos por moi satisfeitos da nosa primeira participación en regatas de tripulación reducida.

Ata 21 clasificados.

 

Deixa unha resposta