Balea Dous vence na clase Cruceiro da I Interclubes da Ría de Vigo

A primeira edición da Regata Interclubes Ría de Vigo xa coñece aos seus vencedores. Tras superar as tres etapas da competición, o «Aceites Abril» (Pérez Canal, RCN Vigo) na clase Regata-Cruceiro e o «Balea Dous» (Luís Pérez, RCN Rodeira) na división Cruceiro concluíron a regata na primeira posición das respectivas clasificacións xerais. A embarcación viguesa logrou conservar o liderado obtido na segunda etapa na proba final, na que volveu ser primeiro cun tempo de 1:57:50. Pola súa banda, a embarcación patroneada por Luís Pérez cedeu na proba da tarde de onte o primeiro posto ao «Náutico Cormorán» (Iván Pérez, CN Panxón); aínda así, o segundo posto permitiu aos de Cangas facerse co título da Interclubes.

Na división Cruceiro, non faltou a emoción. En cada unha das tres etapas houbo diferente gañador: Margem do Azul III (José Frederico Lopes, MRCYB), Balea Dous (Luís Pérez, RCN Rodeira) e Náutico Cormorán (Iván Pérez, CN Panxón). A maior regularidade da embarcación canguesa (3-1-2) permitiulle finalizar a regata líder con 6 puntos.

Tripulación do Balea recibindo o 1º premio da regata.

Clasificación xeral Cruceiro:

1- Balea Dous (Luis Pérez, RCN Rodeira) 6 puntos

2- Margem do Azul III (José Frederico Lopes, MRCYB) 8 puntos

3- Deep Blue (Vicente Cid, RCN Vigo) 11 puntos

4- Escola Vela RCN Vigo (Javier Juncal, RCN Vigo) 16 puntos

5- Náutico Cormorán (Iván Pérez, CN Panxón) 17 puntos

 

Eolo xogou contra o Balea

Na liña das actuacións deste ano, o Balea Dous asinou unha magnífica participación na clásica Regata Guardiamarina que organizan conxuntamente a Escola Naval Militar de Marín e o RCN de Vigo. Na primeira etapa, Marín-Vigo, o Balea xa encabezaba a clase na saída da ría de Pontevedra, con vantaxe que foi aumentando ata dúas escasas millas da meta, momento en que unha caída total do vento causou a perda da grande distancia cos de atrás, que foron chegando e xuntándose todos á altura de Salgueirón.

Na segunda etapa, parecida historia. Moi boa saída da ría de Vigo, escaso vento na Costa da Vela, volta a despegarse coa entrada dun NW fresquiño ata pasado o Morrazán en que se producíu a súbita caída do vento e posterior cambio a SW, dando de novo vantaxe aos de atrás e perdendo a regata por 8 segundos.

Satisfeitos coa regata polas boas prestacións e superioridade amosadas polo Balea e a súa tripulación. Contra os caprichos de Eolo non temos nada que facer.

Saída da Ría de Pontevedra

Alcanzando ao Limay (Bramador 34)

Entrando na Ría de Vigo

Disputando a posición ao Youkounkoun (One Design 35)

Recibindo o 2º premio da Case Cruceiro-Regata

Manuel, Julián, Luis e Mauro, unha tripulación satisfeita.

Agradecemos as fotos a J. R. Louro (http://www.regatistas-virtuales.net/)

Balea Dous, 2º no Trofeo Repsol de Baiona

Fonte: MRCY Baiona
Baiona, 1 de maio de 2017. O Oral Group Galimplant do Real Club Náutico de Sanxenxo conquistou esta tarde en Baiona o Trofeo Repsol, na cuadraxésima edición da tradicional Regata de Primavera do Monte Real Club de Iates.

Na clase Cruceiro foi onde máis rifado estivo o podio, xa que o primeiro e segundo barco quedaron empatados a puntos e o terceiro separado por apenas un punto dos dous primeiros. A vitoria levoulla o Fend la Bise do Monte Real Club de Iates, liderado por Jean Claude Sarrade; e o Balea Dous de Luís Pérez, do Real Club Náutico Rodeira; e o Santiago Roma Rías Baixas de Iñaki Carbajo, do Club Náutico Beluso, quedaron en segunda e terceira posición.

Balea Dous gaña o 1º Trofeo Comunica que organiza o MRCY de Baiona

O Balea Dous impúxose no Trofeo Comunica, organizado polo Monte Real Club de Iates de Baiona e disputado a pasada fin de semana sobre unha distancia de 12 millas entre Vigo e Baiona e coa participación dun total de 32 tripulacións. A embarcación canguesa foi a mellor na clase Cruceiro, aventaxando ao local Margem do Azul III de Frederico Lopes, que foi segundo, e ao Santiago Roma Rías Baixas de Iñaki Carbajo (Náutico de Beluso), que quedou na terceira posición desta clase.

Ademáis a gran regata do Balea Dous valeulle para liderar a clasificación absoluta de todas as clases ORC.

Balea Dous gaña a Regata Open de Inverno do RCN de Vigo

“Balea Dous» (Luís Pérez, RCN Rodeira) conquista a clase Cruceiro ao desbancar ao «Deep Blue» na regata final.

A xornada final do Trofeo Repsol resultou plena de vinganzas deportivas. Tampouco o líder provisional da clase Cruceiro, o «Deep Blue» (Vicente Cid, RCN Vigo), puido acabar campión. O percorrido era de 7,34 millas e Cid xogábase o título co «Balea Dous» (Luís Pérez, RCN Rodeira), descartado o «QTalento» ao non participar na proba decisiva.
Como no Trofeo Veneziani, en decembro, Cid e Pérez buscaban o título, e esta vez foi para o barco do Morrazo, que sumou o seu segundo triunfo de regata consecutivo, resolvendo coa última vitoria o empate a puntos co «Deep Blue». Pérez investía un tempo de 1:22.57 fronte aos 1:33.55 do Yatlant 24 de Cid. En compensado, case catro minutos de marxe a favor do Sun Fast 32. (Fonte: RCN de Vigo)

Balea Dous, segundo na 53ª Rías Baixas

“Balea Dous” empatado a puntos co “Arroás” na cabeza da clasificación final.

O «Arroás» soubo defender o título, aínda que hai un ano gañouno coa grímpola do Náutico vigués e agora coa do Mar de Arousa. Con todo, a Pombar custoulle: chegou á xornada final empatado a puntos con «Deep Blue» (Vicente Cid, RCN Vigo) e o «Ai Carmela» (Juan M. Martínez, Liceo de Bouzas), e co «Balea Dous» (Luís M. Pérez, CN Rodeira) a un punto.

Pois ben: Pombar e o seu Ro 330 controlaron aos dous rivais vigueses, coándose un posto por diante o «Balea», que acabou empatado a puntos co veleiro de grímpola arousá. Como o «Arroás» sumou un triunfo de etapa, na segunda, por ningún o seu adversario, o segundo título para Pombar é unha realidade. Para José Manuel Pombar xa é este o seu quinto Rías desde 2004.

O ano máis emocionante das últimas edicións polo número de candidatos ao título final tamén serviu para sumar un novo duelo entre «Arroás» e «Balea Dous», que en 2014 gañoulle as Rías a Pombar por unha vantaxe de dous puntos (5 a 7). Medra a sa rivalidade deportiva. (Fonte: Nota de prensa oficial)

Balea Dous, segundo na 19ª Regata de Cruceiros de Aguete.

Celebrouse a pasada fin de semana, a clásica regata de cruceiros na ría de Pontevedra, cunha participación de 32 barcos entre as diferentes categorías, e dun nivel moi aceptable.

O Balea Dous, na clase Cruceiro, competiu contra outros dez barcos entre os que se atopaban o Arroas, Chispa Nejra, Deep Blue, Grifo, Margem do Azul, Pitoucho, entre outros, o que facía unha clase moi competida e con posibilidades para todos en función da méteo que se presentara.

A primeira manga, una costeira ata Camouco con volta por Mourisca, desenvolveuse cun vento de W-SW, duns 14 nós, dando lugar a unha regata rápida sen máis de 3 millas de cinguida das 18 que compoñía o total, polo que houbo poucas alternativas tácticas. O Balea por mor duns arranxos de última hora non fixo unha boa saída, polo que tivo que remontar na primeira cinguida ata Morrazán, ao paso da cal, xa era segundo da súa clase. Non houbo moita máis historia e rematou cun terceiro posto en compensado, por segundos de diferenza cos primeiros.

O segundo día, celebráronse dous barlo-sota, con menos vento e máis rolón. O Balea, nestas condicións amosou boa velocidade e mantívose navegando á cabeza da súa clase e entre os cruceiro-regata, conseguindo a victoria no primeiro bastón. Ao remate da segunda proba, o Balea era primeiro da clase, na xeral.

A terceira proba, comezou cunha baixada significativa do vento, que escaseaba por algunhas zonas do campo de regata. Ao paso pola boia de sotavento, tras recuperar a posición na empopada, o Balea viraba primeiro da clase, cando o Raygrass, barco da clase superior, tratando de meterse por dentro do Balea, sen ter preferencia para facelo por non estar en compromiso antes das dúas esloras, provocou unha colisión e o correspondente barullo en plena manobra de cambio de velas e cando se anunciaba un cambio de percorrido. A ocasión foi ben aproveitada polo segundo da clase que vindo de atrás collía vento limpo e pasaba a ocupar a cabeza e lograba gañar a proba.

RESULTADO FINAL DA CLASE CRUCEIRO:

1º .- Arroas.             2º .- Balea Dous.                3º .- Grifo.

A regata foi puntuable para a Copa de España de Cruceiros quedando así a clasificación:

Balea Dous gaña a XII Regata das Illas

Celebrouse un ano máis unha nova edición da clásica regata de cruceiros que organiza o Náutico Rodeira de Cangas, cunha participación algo inferior á de anos anteriores. A ponte de fin de semana, ou o desprazamento doutra regata das rías baixas a esta data, tradicionalmente ocupada por esta regata, puideron influír na participación, aínda que vén sendo tónica xeneralizada nas regatas que se realizan nos últimos meses. O que é seguro que non influíu, foi a meteoroloxía, cun excelente día de verán, con sol, calor e sobre todo, un vento óptimo para a práctica da navegación e o goce da competición.

O vento mantívose constante toda a tarde, con leves roles e aumentando de intensidade na zona exterior da ría, onde os anemómetros chegaron a rexistrar máis de 25 nós, facendo que o primeiro en completar o percorrido fixéseo en pouco máis de dúas horas cunha velocidade media de 7,5 nós.

Deuse a saída ás 15:30 h., con vento Norte fresquiño de máis de 15 nós, para facer un percorrido que levaba a virar Bondaña, Subrido, de novo Bondaña e chegada. Unhas 15 millas, 10 millas para os menores de 23 pés, que non repetían o paso por Bondaña.

Tras o paso de boia de desmarque tomou a dianteira o Balea Dous que en rápida empopada con spí plantouse primeiro en boia de Bondaña, fronte a Toralla. De aí a Subrido un bordo de cinguida con vento en ascenso e pouca onda. O Gran Fisgón facendo valer a súa gran eslora tomou a dianteira e virou Subrido en primeiro lugar, seguido de Balea Dous e Unus, posicións que xa non cambiarían até cruzar liña de meta. O Balea Dous, barco do Náutico Rodeira, alzouse coa vitoria absoluta en tempo compensado.

Entre os menores de 23 pés, o Mariavera e o Coveliño, ambos os do RCN Rodeira, tiveron que empregarse a fondo cun vento por momentos excesivo para o seu tamaño, completando o seu percorrido nunhas dúas horas e media, con vitoria clara para o segundo.

Finalizada a regata as tripulacións compartiron animadamente as experiencias da xornada ante un buffet frío ofrecido polo club organizador no seu local social e procedeuse á entrega de premios, consistentes en reproducións da escultura A Buguina, realizadas nos talleres da Asociación Xoán XXIII de Cangas.

Clasificacións:

ORC 1
1º.- UNUS. M.R.C.Y. de Baiona
2º.- GRAN FISGÓN. R.C.N. de Palma
3º.- ATRIA. R.C.N. de Vigo
ORC 2
1º.- BALEA DOUS. R.C.N. Rodeira
2º.- NAVIDAD. R.C.N. Rodeira
3º.- DROOPY UNO. L.M. de Bouzas
MINI 23
1º.- COVELIÑO. R.C.N. Rodeira
2º.- MARIAVERA. R.C.N. Rodeira