Regata Interclubs 2008 – Trofeo Porto de Vigo – Terceira etapa.

Sábado 29 de Novembro de 2008
3ª Etapa: Vigo-Cangas

Día que se presentaba incerto e difícil para regata xa que a situación de Noroeste con chuvascos pode complicar bastante as cousas pola inestabilidade e variacións repentinas de vento e precipitacións.

Dirixímonos cara a liña de saída, situada na zona de Guixar, e xa no traslado desde Cangas comprobamos as diferentes situacións de vento que se suceden en media hora. Achegándose a hora de saída, 15,30 h., o vento vai aumentando de xeito que a falta de vinte minutos, xa hai puntas de máis de vinte nós. Decidimos meter un rizo na maior e montar o foque 3. Nas primeiras probas de velas, vemos que a elección parece acertada. O barco ten velocidade, a escora é asumible e pódese manobrar sen dificultade.

Anúnciase o percorrido: Saída, Salgueirón (Bb), Tofiño (Bb), Vigo (Bb), Salgueirón (Eb), Cangas.

Comeza o procedemento de saída coa bandeira de preparación a cinco minutos, momento en que o vento comeza a arreciar con máis forza, chegando a 34,8 nós, Forza 8 na Escala Beaufort. O mar ponse branco, moitas das embarcacións de vela lixeira que adestraban nas proximidades volcan, dando no mar cos tripulantes que con dificultade aférranse aos cascos. A nosa saída estaba lanzada e algúns barcos atópanse con dificultades polo excesivo trapo con que os pillou o vendaval.

No Balea Dous buscamos posición para saír procurando evitar complicacións. A cousa non está para pelexar por un posto preferente na liña. Saímos por detrás da flota, algo retrasados por unha complicación na última virada, pero navegamos con seguridade e imos recuperando.

Pola zona de Rodeira, o vento cae o que obriga a facer cambios de velas. Maior a tope e xénova medio. Viramos Salgueirón adiantando aos Clase Cruceiro e enfilamos Tofiño cun vento do través que se mantén nos vinte nós de intensidade, rumbo e vento que se manterá ata Vigo tras trasluchar en Tofiño. O tramo faise rápido, con puntas de 9,2 nós de velocidade. Hai que cambiar de vela de proa antes de virar en Vigo pois agarda outra ceñida con vento forte.

Na ceñida a Salgueirón xa estamos a barlovento do Trasto e andando máis, ata que cae o vento pouco antes da boia. Obríganos a facer outro cambio de xénova mentres se nos escapa o Trasto que ía con máis trapo.

Ao final, non fixemos un bo posto, quintos da clase, pero si que rendibilizamos o día pois amarramos o terceiro posto da clase xa que os que nos poderían remover do posto, Palanquín e Reira, víronse obrigados a retirar. Tras esta proba asentámonos na terceira praza aumentando a nove puntos a diferenza co cuarto.

Queda a última proba, 13 de decembro, na que deberemos saír non só a conservar o posto terceiro, senón a intentar saltar ao segundo que se ben está difícil, non é imposible.

CLASIFICACIÓN DA 3ª PROBA:

CLASIFICACIÓN XERAL DA CLASE:

CLASIFICACIÓN XERAL GLOBAL:



 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fotos de www.rcnauticovigo.com

Regata Interclubs 2008 – Trofeo Porto de Vigo – Segunda etapa.

Sábado 22 de Novembro de 2008

 2ª Etapa: Bouzas-Vigo

 Preséntase un día interesante, con un vento de Norte que anda entre os 15 e 20 nós, antes da saída. Móntase a saída diante do Berbés para facer o percorrido número 1 das Instrucións de Regata: Saída, Lousal (Eb), Vigo (Eb), Rodeira (Bb). Vigo.

 Máis de trinta barcos en liña de saída, o cal dado o vento, fixo andar moi atento ás preferencias para evitar colisións e buscar unha boa posición.

O Balea Dous sae amurado a estribor pola dereita da liña axustado en tempo e limpo de velas collendo pronto boa velocidade. Neste primeiro bordo pasa pola proa a varios rivais de clase ademais de outros barcos máis grandes. Pronto hai que tomar decisións. Continuar co bordo a estribor e facer a subida a Lousal pola costa de Moaña ou virar e facelo pola costa de Vigo. En principio facemos un par de bordos polo centro da ría pois van connosco varios barcos da clase e deberemos evitar que os grandes, aproveitando o día de vento, nos saquen moita vantaxe. Un par de cruces axustados co Palanquín, Arroutado e Reira, ata que prolongamos máis que o resto o bordo norte, que sae ben e escapamos do Palanquín, ao que xa non volveremos a ver, e do Arroutado. Polo momento saímos ben do bordo norte, por diante dos que escolleran a mesma opción. Faltaba saber como lles fora a regata aos que navegaron pola parte sur, e iso veriámolo ao entrar no estreito da Guía onde nos xuntariamos todos.

 Dous barcos, Maracaná e Trasto, coláronse diante polo bordo sur e entramos nunha zona onde sempre que hai nortada, as roladas e as rachas son caprichosas e poden facer que en menos dunha milla perdas ou gañes a regata. Tivemos a sensación de que polo norte había menos vento, por aí ían Arroutado e Reira, así que continuamos polo sur ata que deu a virada para Lousal. No cruce cos que fixeran pola outra banda, aínda pasamos por diante, así que a opción non foi mala.

 Virada en Lousal ao tempo que Arroutado, e subida de spí para ir ata Vigo. Escoitamos un golpe seco e ao ver cara atrás, vemos ao Reira e ao Davila enganchados. Non sabemos que tipo de manobra provocou o incidente, xa que estabamos atarefados coa nosa manobra de izado de spí.

 Na empopada pasamos ao Arroutado e viramos boia de Vigo tras do Trasto. Rumbo a descuartelar ata Rodeira, tramo no que mantemos disputa pola posición co Trasto que amosando unha boa velocidade a este rumbo consegue entrar na boia con interior. O tramo final ata Vigo é outro descuartelar un pouco máis pechado, podendo nós aquí pasar ao Fortuna e reducir distancia co Maracaná.

 A entrada en meta faise por esta orde: Maracaná, Balea Dous, Trasto, Arroutado.

 Trala entrada o Comité de Regata comunica que hai varias protestas presentadas nas que aparecen implicados o Maracaná e o Reira. Agardaremos á publicación das clasificacións para saber como quedou a regata.

…………………….. ………………….. …………………….. ………………….. …………………

Coa corrección de tempos a clasificación da etapa quedou como segue:

Quedando a Clasificación Xeral tras as dúas primeiras probas do seguinte xeito:

Proxecto AIS

Dende esta semana entrou en funcionamento, aínda con instalación provisional en fase de probas, a estación colaboradora do Proxecto AIS, Borneira, ubicada en Cangas do Morrazo.
Neste ambicioso proxecto, faise o seguemento e localización de todos os barcos que navegan polas costas ibéricas, proporcionando datos sobre o tipo de barco, situación, ruta que realiza e incluso pódese ver a imaxe do barco de que se trata.
Chegaranse a almacenar situacións e rutas efectuadas para utilizalas en localización, rescate, aclaración de incidentes, etc.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ver Proxecto AIS
Se estás interesado/a en colaborar no proxecto, infórmate aquí.

Cobertura da costa galega polas estacións Colambre de Baiona, Borneira de Cangas e OCV de A Coruña.
Os barcos que saen de Matosinhos xa son localizados e identificados dende a estación de Cangas.

 

Regata Interclubs 2008 – Trofeo Porto de Vigo – Primeira etapa

1ª etapa. Sábado 15 de Novembro.

A primeira etapa desta Interclubes da Ría de Cangas, sae de Vigo e ten chegada en Bouzas co seguinte percorrido: Saída, Tofiño (Eb), Bouzas (Bb), Salgueirón (Bb), Tofiño (Bb) e chegada en Bouzas.

Interesante o número de barcos que se xuntan na saída, uns trinta. Na nosa clase teremos que controlar a Arroutado, Palanquín e Trasto (Fortunas), Reira e Baltea (35.5), Airola e Iumar (First 31), como os máis perigosos dos doce que somos. Curiosamente, ao ver as clasificacións enterámonos de que o Baltea entra na clase superior. Ao Reira e ao Baltea, barcos xemelgos, colleulles o corte das clases, a un, un segundo arriba e a outro, un segundo abaixo. O mellor é que o que máis anda, comprobado na práctica en todas as regatas celebradas, entra no grupo dos lentos e viceversa. Misterios dos sistemas de medición aos que xa estamos acostumados.

Sorprendeunos a entrada dunha brisa duns 8 nós de W, cando a previsión era moito máis pesimista, o que permitiu un ritmo alegre, con roladas por ambas marxes da ría que obrigaron a ir moi atentos para non perder a regata nun bordo excesivo. Estas roladas marcaron xa as posicións na primeira ceñida. O Balea negociou axeitadamente os rumbos deixando xa atrás a Airola, Iumar, Palanquín e Trasto entre outros. No tramo de popa de Tofiño a Bouzas fomos achegándonos aos de diante amosando moi boa velocidade con spí. Nova ceñida de Bouzas a Salgueirón onde foi determinante prever de lonxe a rolada que había no final do tramo e buscar a mellor posición para afrontar o cambio de vento. Deste xeito o Balea pasou ao Reira e ao Baltea, a este na mesma boia de Salgueirón.

Xa só quedaba por diante o Arroutado e así seguiría ata o final.

 

Clasificación 1ª Etapa-Clase Cruceiro-Regata:

1.- Arroutado

2.- Balea Dous

3.- Palanquín

4.- Trasto

5.- Reira

Balea Dous regresando a porto trala regata.
Rematada a regata a tripulación amósase satisfeita da tarde de navegación.

Regata de entreno

REAL CLUB NAUTICO DE VIGO
CRUCEIROS ORC
REGATA ENTRENO

PRE-INTERCLUBS PORTO DE VIGO
Sábado 8 de Novembro de 2008 – Percorrido costeiro

DIVISIÓNS PARTICIPANTES: Serán a base para o Trofeo Porto de Vigo

División ORC REGATA
Barcos cuxo GPH está entre 490 y <618 sg/milla

División 0RC REGATA / CRUCEIRO
Barcos cuxo GPH está entre 618 y <662.5 sg/milla

División ORC CRUCEIRO / REGATA
Barcos cuxo GPH está entre 662.5 y <720 sg/milla

División ORC CRUCEIRO E EXTRA
Barcos cuxo GPH está entre 720 y <790 sg/milla

      ————————————– 

CRÓNICA DO DÍA

Previa, 08/11/08

Levabamos xa moito tempo sen competir e a tripulación xa tiña mono de regata, así que non perdemos a oportunidade. O Náutico de Vigo convocou unha regata de adestramento, previa á serie do Porto de Vigo, e alá fomos sen máis interese que navegar de novo en equipo e facelo en compañía doutros barcos, pois o Balea aínda non estaba en condicións óptimas para a regata. Aínda con parte do equipamento de verán e coa obra viva en moi mal estado, tan malo que ata a motor custáballe moverse. Era o de menos. Agradecemos a convocatoria e quedamos para facer a primeira saída da tempada.

De seguido comprobamos o pouco que andabamos. Na saída o Menudeta pásanos por sotavento coma se foramos un zapato aboiado e sen deixarnos repoñer o Iumar por barlovento e tripulado en solitario por Rui Peixoto. Empezamos ben!

Así que os nosos esforzos foron todos a conseguir non selo faroliño do pelotón.

Non iamos mal, loitando co Furaventos e o Fecht, que por certo, saíra dez minutos tarde, cando por diante do Peirao de Trasatlánticos, xa chegamos ao colmo da lentitude. Cun aparente de 14 nós, o barco escorado e andando 2 nós. ¿Que pasou? ¿Escarallamos a corredeira? Pois non, o barco non anda e fai pola popa uns remuíños raros. Pasou por alí o monitor dos 420 na zodiac e lle pedimos que vira se levabamos algo no timón. Non, no timón non, pero mirando ben,…. puff, o que levades na orza! ¿Que é? ¡Unha rede ou algo así!

Pois nada, aproar, parar o barco a ver se baixa. Nin con esas. E o Independence of the Seas que quere saír pero o Balea está parado e facendo cousas raras ao seu costado. Hai que arrancar motor e dar marcha atrás, e ao pouco vemos un gran plástico azul que segue o seu camiño entre augas.

Impresentable o estado de limpeza desta ría. Moito gabarse de que recalan os maiores cruceiros do mundo e logo navegamos entre plásticos, caixas aboiadas ou troncos, ás veces nada desdeñables.

¡E que non se che ocorra protestar nin moito menos a insubmisión de deixar de pagar as “equiscincos” e demais taxas que pagamos supostamente polo uso dunhas augas limpas e seguras!

Aaaah! Tempos aqueles en que os piratas andaban polo mar e subían a bandeira negra cando te ían asaltar! Xa se perderon as maneiras!
Ao regreso a porto, entrada dunha fronte que decargou toda a noite.
De regreso a porto, entraba unha fronte que descargou abundante chuvia toda a noite.