Regata Interclubs 2008 – Trofeo Porto de Vigo – Primeira etapa

1ª etapa. Sábado 15 de Novembro.

A primeira etapa desta Interclubes da Ría de Cangas, sae de Vigo e ten chegada en Bouzas co seguinte percorrido: Saída, Tofiño (Eb), Bouzas (Bb), Salgueirón (Bb), Tofiño (Bb) e chegada en Bouzas.

Interesante o número de barcos que se xuntan na saída, uns trinta. Na nosa clase teremos que controlar a Arroutado, Palanquín e Trasto (Fortunas), Reira e Baltea (35.5), Airola e Iumar (First 31), como os máis perigosos dos doce que somos. Curiosamente, ao ver as clasificacións enterámonos de que o Baltea entra na clase superior. Ao Reira e ao Baltea, barcos xemelgos, colleulles o corte das clases, a un, un segundo arriba e a outro, un segundo abaixo. O mellor é que o que máis anda, comprobado na práctica en todas as regatas celebradas, entra no grupo dos lentos e viceversa. Misterios dos sistemas de medición aos que xa estamos acostumados.

Sorprendeunos a entrada dunha brisa duns 8 nós de W, cando a previsión era moito máis pesimista, o que permitiu un ritmo alegre, con roladas por ambas marxes da ría que obrigaron a ir moi atentos para non perder a regata nun bordo excesivo. Estas roladas marcaron xa as posicións na primeira ceñida. O Balea negociou axeitadamente os rumbos deixando xa atrás a Airola, Iumar, Palanquín e Trasto entre outros. No tramo de popa de Tofiño a Bouzas fomos achegándonos aos de diante amosando moi boa velocidade con spí. Nova ceñida de Bouzas a Salgueirón onde foi determinante prever de lonxe a rolada que había no final do tramo e buscar a mellor posición para afrontar o cambio de vento. Deste xeito o Balea pasou ao Reira e ao Baltea, a este na mesma boia de Salgueirón.

Xa só quedaba por diante o Arroutado e así seguiría ata o final.

 

Clasificación 1ª Etapa-Clase Cruceiro-Regata:

1.- Arroutado

2.- Balea Dous

3.- Palanquín

4.- Trasto

5.- Reira

Balea Dous regresando a porto trala regata.
Rematada a regata a tripulación amósase satisfeita da tarde de navegación.

Deixa unha resposta