Regata Interclubs 2008 – Trofeo Porto de Vigo – Terceira etapa.

Sábado 29 de Novembro de 2008
3ª Etapa: Vigo-Cangas

Día que se presentaba incerto e difícil para regata xa que a situación de Noroeste con chuvascos pode complicar bastante as cousas pola inestabilidade e variacións repentinas de vento e precipitacións.

Dirixímonos cara a liña de saída, situada na zona de Guixar, e xa no traslado desde Cangas comprobamos as diferentes situacións de vento que se suceden en media hora. Achegándose a hora de saída, 15,30 h., o vento vai aumentando de xeito que a falta de vinte minutos, xa hai puntas de máis de vinte nós. Decidimos meter un rizo na maior e montar o foque 3. Nas primeiras probas de velas, vemos que a elección parece acertada. O barco ten velocidade, a escora é asumible e pódese manobrar sen dificultade.

Anúnciase o percorrido: Saída, Salgueirón (Bb), Tofiño (Bb), Vigo (Bb), Salgueirón (Eb), Cangas.

Comeza o procedemento de saída coa bandeira de preparación a cinco minutos, momento en que o vento comeza a arreciar con máis forza, chegando a 34,8 nós, Forza 8 na Escala Beaufort. O mar ponse branco, moitas das embarcacións de vela lixeira que adestraban nas proximidades volcan, dando no mar cos tripulantes que con dificultade aférranse aos cascos. A nosa saída estaba lanzada e algúns barcos atópanse con dificultades polo excesivo trapo con que os pillou o vendaval.

No Balea Dous buscamos posición para saír procurando evitar complicacións. A cousa non está para pelexar por un posto preferente na liña. Saímos por detrás da flota, algo retrasados por unha complicación na última virada, pero navegamos con seguridade e imos recuperando.

Pola zona de Rodeira, o vento cae o que obriga a facer cambios de velas. Maior a tope e xénova medio. Viramos Salgueirón adiantando aos Clase Cruceiro e enfilamos Tofiño cun vento do través que se mantén nos vinte nós de intensidade, rumbo e vento que se manterá ata Vigo tras trasluchar en Tofiño. O tramo faise rápido, con puntas de 9,2 nós de velocidade. Hai que cambiar de vela de proa antes de virar en Vigo pois agarda outra ceñida con vento forte.

Na ceñida a Salgueirón xa estamos a barlovento do Trasto e andando máis, ata que cae o vento pouco antes da boia. Obríganos a facer outro cambio de xénova mentres se nos escapa o Trasto que ía con máis trapo.

Ao final, non fixemos un bo posto, quintos da clase, pero si que rendibilizamos o día pois amarramos o terceiro posto da clase xa que os que nos poderían remover do posto, Palanquín e Reira, víronse obrigados a retirar. Tras esta proba asentámonos na terceira praza aumentando a nove puntos a diferenza co cuarto.

Queda a última proba, 13 de decembro, na que deberemos saír non só a conservar o posto terceiro, senón a intentar saltar ao segundo que se ben está difícil, non é imposible.

CLASIFICACIÓN DA 3ª PROBA:

CLASIFICACIÓN XERAL DA CLASE:

CLASIFICACIÓN XERAL GLOBAL:



 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Fotos de www.rcnauticovigo.com

Deixa unha resposta