Regata Interclubs 2008 – Trofeo Porto de Vigo – Segunda etapa.

Sábado 22 de Novembro de 2008

 2ª Etapa: Bouzas-Vigo

 Preséntase un día interesante, con un vento de Norte que anda entre os 15 e 20 nós, antes da saída. Móntase a saída diante do Berbés para facer o percorrido número 1 das Instrucións de Regata: Saída, Lousal (Eb), Vigo (Eb), Rodeira (Bb). Vigo.

 Máis de trinta barcos en liña de saída, o cal dado o vento, fixo andar moi atento ás preferencias para evitar colisións e buscar unha boa posición.

O Balea Dous sae amurado a estribor pola dereita da liña axustado en tempo e limpo de velas collendo pronto boa velocidade. Neste primeiro bordo pasa pola proa a varios rivais de clase ademais de outros barcos máis grandes. Pronto hai que tomar decisións. Continuar co bordo a estribor e facer a subida a Lousal pola costa de Moaña ou virar e facelo pola costa de Vigo. En principio facemos un par de bordos polo centro da ría pois van connosco varios barcos da clase e deberemos evitar que os grandes, aproveitando o día de vento, nos saquen moita vantaxe. Un par de cruces axustados co Palanquín, Arroutado e Reira, ata que prolongamos máis que o resto o bordo norte, que sae ben e escapamos do Palanquín, ao que xa non volveremos a ver, e do Arroutado. Polo momento saímos ben do bordo norte, por diante dos que escolleran a mesma opción. Faltaba saber como lles fora a regata aos que navegaron pola parte sur, e iso veriámolo ao entrar no estreito da Guía onde nos xuntariamos todos.

 Dous barcos, Maracaná e Trasto, coláronse diante polo bordo sur e entramos nunha zona onde sempre que hai nortada, as roladas e as rachas son caprichosas e poden facer que en menos dunha milla perdas ou gañes a regata. Tivemos a sensación de que polo norte había menos vento, por aí ían Arroutado e Reira, así que continuamos polo sur ata que deu a virada para Lousal. No cruce cos que fixeran pola outra banda, aínda pasamos por diante, así que a opción non foi mala.

 Virada en Lousal ao tempo que Arroutado, e subida de spí para ir ata Vigo. Escoitamos un golpe seco e ao ver cara atrás, vemos ao Reira e ao Davila enganchados. Non sabemos que tipo de manobra provocou o incidente, xa que estabamos atarefados coa nosa manobra de izado de spí.

 Na empopada pasamos ao Arroutado e viramos boia de Vigo tras do Trasto. Rumbo a descuartelar ata Rodeira, tramo no que mantemos disputa pola posición co Trasto que amosando unha boa velocidade a este rumbo consegue entrar na boia con interior. O tramo final ata Vigo é outro descuartelar un pouco máis pechado, podendo nós aquí pasar ao Fortuna e reducir distancia co Maracaná.

 A entrada en meta faise por esta orde: Maracaná, Balea Dous, Trasto, Arroutado.

 Trala entrada o Comité de Regata comunica que hai varias protestas presentadas nas que aparecen implicados o Maracaná e o Reira. Agardaremos á publicación das clasificacións para saber como quedou a regata.

…………………….. ………………….. …………………….. ………………….. …………………

Coa corrección de tempos a clasificación da etapa quedou como segue:

Quedando a Clasificación Xeral tras as dúas primeiras probas do seguinte xeito:

Deixa unha resposta