Regata Interclubs 2008 – Trofeo Porto de Vigo – Cuarta etapa.

Sábado, 13 de decembro de 2008

4ª Etapa: Cangas-Vigo.

O día para esta última proba do X Trofeo Porto de Vigo preséntase cunhas características moi similares ás da anterior proba de hai dúas semanas. Situación de Noroeste con chuvascos, aínda que nesta ocasión o vento está máis estable, oscilando entre os 15 e os 22 nós, polo tanto unhas condicións excelentes para a regata, salvo polas constantes variacións de dirección, típicas deste vento.

A saída móntase nas inmediacións da boia de Rodeira, para facer un tramo de desmarque rumbo a Cangas para logo de virar a baliza por babor, tomar rumbo a Tofiño, Vigo, Salgueirón e chegada en Vigo. 9,4 millas en total que a maior parte da flota realizou entre hora e cuarto e hora e media.

Para o Balea Dous a regata presentábase tranquila e sen moita emoción, pois aínda facendo un mal posto, poderíase descartar, mantendo cos resultados das anteriores probas o terceiro posto da clase. Acadar o segundo, estaba, salvo debacle, fóra do alcance. Así pois, o obxectivo era disfrutar dun bonito día de navegación e tratar de facelo ben.

A saída non é boa, e neste caso non hai escusas, toda a responsabilidade é do patrón. Con isto de que a saída é na casa, non chegamos con tempo de poder situármonos axeitadamente e hai que saír a sotavento da flota, con boa velocidade pero perdendo barlovento por ir recollendo vento sucio ademais dunha rolada desfavorable. Mellorar a posición facendo unha virada non é posible cando levas ao teu barlovento unha vintena de barcos lanzados e con preferencia. Estaba claro que na baliza de desmarque non iamos estar cos de cabeza.

De aí a Vigo, virando en Tofiño, quedaban dous tramos de través onde o único que se podía facer era sacar o máximo de velocidade ao barco, e non se fixo mal, pois viramos a baliza de Vigo pisando os talóns a Arroutado, Iumar e Baltea. A estes tres xa os tivemos pola popa tras virar Salgueirón.

De Salgueirón a Vigo, unha empopada con spí e vento fresco. Man a man co Arroutado que esixe a máxima atención, pois con ese vento e as roladas continuas, entre o 110º e o 150º, o mínimo despiste pode dar con todo o aparello no mar, e non precisamente para coller unha boa pesca. O barco colle puntas de nove nós e medio e non baixa de oito mentres deixa unha mar branca tras de si. Unha gozada que durou, o pouco que tardou en achegarse a liña de meta.

Chegada en terceiro lugar da clase, que será cuarto en tempo corrixido, pois ao Arroutado hai que sacarlle bastante máis dos trinta segundos que conseguimos afastalo neste último tramo.

Remate das regatas de Outono, remate deste X Trofeo Porto de Vigo, no que o Balea Dous, do Náutico Rodeira, acada a terceira praza da Clase Cruceiro-Regata. Un novo podio, e xa van seis ocasións consecutivas, nas que a tripulación de Cangas coloca nos Taboleiros de Honra o nome do seu barco, do seu Club e da súa vila.

CLASIFICACIÓN PROBA 4-CLASE CRUCEIRO-REGATA.-
CLASIFICACIÓN FINAL-CLASE CRUCEIRO-REGATA.-
CLASIFICACIÓN FINAL TOTAL.-
FOTOS


 

Deixa unha resposta