Regata Open de Inverno 2009 – Primeira proba.

17 de xaneiro de 2009

A tarde presentábase un tanto estraña polas predicións contraditorias que daban as distintas fontes consultadas.

Pasadas as tres da tarde preparábase unha proba con saída cara Lousal dado que o vento establecido era do ESE, vento que cae momentos antes da saída obrigando a izar gallardete de aprazamento. Media hora máis tarde móntase de novo a liña de saída pero en dirección contraria xa que o vento que entra ven de SO.

O percorrido do día lévanos a Tofiño (Eb), Vigo (Bb), Rodeira (Bb) e chegada en Vigo, facendo un total de 8,5 millas. Na saída rola o vento a Sur tendo que facer unha virada na liña e saír amurado a babor. O Balea Dous mantense neste tramo no grupo dos máis directos rivais, Maracaná, Reira, Arroutado, entre outros, pero á altura de Bouzas cae a brisa que estaba levando bastante rápida á flota e hai un parón xeral. Os barcos buscan avanzar, uns cara o medio da ría, outros cara o dique de Bouzas agardando que por algún lado se levante unha brisa. E a brisa levantouse, aínda que máis que brisa, vento frescachón do Sur, rolón e racheado, e nuns instantes o anemómetro pasou de 0 a 18.

Foi o momento decisivo da regata pois aos que primeiro entrou o vento levounos a distanciarse do grupo e ao revés. Aquí o Balea non tivo sorte e veuse superado no paso de Tofiño por gran parte dos barcos do seu grupo. Pouca historia houbo máis. O tramo a Vigo era complicado pois un vento rolón e racheado que entraba entre os 60º e 90º, facía un rumbo difícil para facer con spí e demasiado tranquilo para ir coa xénova.

Crónica do RCN Vigo

Deixa unha resposta