Regata Open de Inverno 2009 – Quinta proba.

28 de febreiro de 2009

Saída ás 16 h. para realizar o seguinte percorrido: Saída, Tofiño (Eb), Vigo (Bb), Rodeira (Bb), chegada en Vigo.
O percorrido real feito polo Balea Dous recollendo posicións cada 30 segundos co programa WayTRKR e enviado con teléfono mobil a www.localizatodo.com, o que permite visualizar en tempo real a ruta do barco, foi este:

Para ver o track en detalle, con tempos e velocidades: Aquí

A regata comeza cunha brisa de Oeste duns 6 a 8 nós. O Balea sae polo barco pero vese tapado por un grupo de barcos que buscan un oco, formando un bo tapón entre el e o barco. Ao quedar un pouco relegado, tan pronto vese libre das popas de barlovento, vira a estribor buscando ventos máis limpos e contando que a posible rolada irá á dereita. Neste rumbo cara ao Con do Pego vai á par do Palanquín, mentres os demais continúan no outro bordo.

Imos andando moi ben e superamos ao Palanquín en velocidade e barlovento, o que fai que decida virar para evitar ir á nosa popa. Prolongamos o bordo xa que a brisa refresca e buscamos a rolada do norte da ría. Neste rumbo, como se comproba no track da navegación, facemos máis de 5 nós.

A virada xa case nos da coa proa en Tofiño, e ao pouco unha pequena rolada permítenos facer rumbo á baliza sen apreturas. Imos moi ao norte do resto da flota pero coa sensación de ir navegando moi ben e de que a arriscada opción non vai saír mal.

Chegamos a Tofiño entre o grupo dos grandes, viramos por dentro do Menudeta (41 pes), e primeiros do noso grupo cunha vantaxe importante sobre a maioría. Na empopada cara Vigo mantemos a vantaxe e ao final do tramo Arroutado e Maracaná descólganse un pouco máis, co que comezamos a nova ceñida cara Rodeira con total control dos seguidores, e por unha vez, con posibilidade de facer primeiros, pois o Arroutado ven varios minutos por detrás.

Non podía ser tan fácil. A falta de trescentos metros para virar Rodeira, cae o vento case por completo, e tras virar, xa co spí arriba, parada total. Pero non para todos, porque nestas situacións é onde o Arroutado aproveita o seu “potencial”, e ao pouco xa o temos a sotavento. Nada que facer.

Recuperamos unha leve brisa que nos chega para entrar segundos, metendo ademais un barco ao Palanquín, o que nos vale para subir á segunda praza da clase. Posto que posiblemente perdamos cando se rexeite o peor resultado, pero é bo ir sumando, neste caso, o menos posible.

En conclusión, fenomenal regata do Balea Dous que foi durante toda a proba en primeiro lugar da súa clase, lugar que só perdeu pola caída total do vento e a pesar do que, fixo un sexto posto na clasificación global, quedando por diante de barcos de regata como o Shoghun, Cormoran 05, Unus ou Altamar, polo que hai que destacar o bo facer da tripulación e a excelente navegación deste barco.

Próximo sábado, unha dura proba para a tripulación: un barlovento-sotavento.
CLASIFICACIÓNS:


Crónica da regata en www.rcnauticovigo.com

Regata Open de Inverno 2009 – Cuarta proba.

14 de febreiro de 2009

Realizouse este sábado unha regata costeira de 10 millas con saída nas inmediacións do porto de Vigo e con pasos por Tofiño (Eb), Guixar (Eb), Vigo (Eb), Rodeira (Bb) e chegada en Vigo.

Excelente día de sol e boa brisa de WSW que non chegou a rebasar os 10 nós pero que se mantivo bastante constante toda a regata, con algúns roles e pequenas variacións de intensidade segundo zonas da ría.

O Balea sae pola boia coa intención de coller rumbo amurado a babor na primeira oportunidade, pois faise unha proa próxima á Torre de Tofiño que hai que virar, pero vese obrigado por varios barcos que veñen a estribor a seguir ata o peirao de trasatlánticos.

Na virada cara a fóra a proa é boa e navégase ben, pero apréciase que os que van máis ao norte, aínda facendo peor proa parecen ter mellor vento, polo que hai un grupo que vai polo centro da ría que colle unha lixeira vantaxe. Por aí navegan ben o Baltea e o Arroutado que se escapan do grupo.

Viramos Tofiño por detrás do Reira, do Palanquín e do Maracaná e comezamos unha empopada na que o vento vai a menos pola parte de Rodeira, optando os que o vemos dende atrás por trasluchar cara Bouzas. Neste tramo botámonos enriba de Maracaná e Reira. Forzamos ao primeiro a orzar gañando sotavento que nos da a vantaxe na trasluchada, na que o superamos.

En Guixar vira Reira e Balea detrás, comezando unha ceñida ata Vigo e logo un descuartelar ata Rodeira. O vento é o que lle gusta ao Balea e ao que lle saca o máximo partido, pasando ao Reira, ao que, como barco máis grande, o vento fáiselle pouco. O Maracaná nesta ceñida perde moito terreo, mentres o Palanquín mantense á par do Balea.

O tramo Rodeira-Vigo é un rumbo aos 60º de vento que se fai con spí un pouco forzado pero necesario. Chegada á par do Palanquín e facendo un cuarto posto, que permite subir unha praza na clasificación da clase.
CLASIFICACIÓNS:

Crónica de www.rcnauticodevigo.com

Mellora a cobertura da costa atlántica en LocalizaTodo.com

A estación Borneira que dende Cangas colabora co Proxecto AIS de www.localizatodo.com unha vez mellorada a antena está acadar un óptimo rendemento na localización de barcos na costa atlántica da Península Ibérica.
Coas melloras introducidas o seu alcance medio está nos 300 Km na dirección S-SW, nestes días de boa propagación, chegando a marcar o seu tope nos 556 Km. Con estes alcances, está habitualmente situada entre as estacións españolas que reciben maior número de barcos.

Coa magnífica cobertura que ofrece actualmente www.localizatodo.com na costa atlántica do NW, grazas a un bo grupo de estacións receptoras, OCV en A Coruña, Barquiña en Noia, Borneira en Cangas, Colambre en Baiona e Miño en A Guarda, calquera visitante da web pode observar a densidade de tráfico marítimo que hai permenentemente no Dispositivo de Separación de Tráfico de Finisterre e resto da autopista do mar que discurre a unhas 40 millas da costa galega. A auténtica Autopista do Atlántico.
www.localizatodo.com

 

Regata Open de Inverno 2009 – Terceira proba.

7 de febreiro de 2009

Hoxe tocaba a agardada regata longa: Vigo-Morrazán (Ría de Pontevedra)- Vigo

Empezamos a regata bastante ben, afundímonos na Costa de Soavela e ao final, salvamos os mobles.

Primeira saída sobre as 13 horas que ten que ser anulada por fóra de linea masivo. A nosa saída foi moi boa, pero houbo que volver.

Tras a saída boa fomos sempre bastante ben colocados, cos do noso grupo. Á altura dos Castros agás o Baltea que ía diante, iamos todos xuntos. En varios pasamos por diante de Arroutado, Reira e Maracaná, en outros pasaban eles. Había moita diferencia ao facer o bordo a terra coa rolada que che favorecía pero o perdías ao ir ao mar. En Subrido non fixemos o bordo a terra e os demais se nos colaron, saíndo diante pola porta norte.

O vento empezou a caer e quedamos todos parados na Costa de Soavela. Os doldrums non fallan. Saímos do pozo de últimos así que tóca levar o faroliño. Incluso o Schtroumpf que fóra por Cíes colle vento antes que nós e pasa diante. Tal como se agardaba o día, podería volver a caer o vento pola tarde, polo que non perdemos a esperanza de coller ao grupo.

Entramos na ría de Vigo co solpor e unha brisiña de NW que co spí de través, levounos rápido a coller ao Schtroumpf, nada máis pasar Subrido. Podiamos ver que os de diante xa estaban parando entre a Borneira e Tofiño e apuramos o bordo o máis posible polo Norte da ría, levando case sempre o spí a 60º.

Pasando a Borneira, estabamos xa diante de Maracaná, Reira e Palanquín que se veían máis perto de Alcabre, e aquí tivemos que decidir se seguir polo norte co Schtroumpf, que en principio tampouco avanzaba moito, ou marcar aos do noso grupo. Recuperáramos o perdido pero se a eles lles entraba vento polo sur, volveríamos a quedar tirados. As previsións indicaban entrada de vento SW para esas horas e parecía o máis correcto. Erro. O Schtroumpf, polo norte da ría entrou detrás do Arroutado. O resto foi un suplicio con case nada de vento, rolando en cada bordo. Chegamos a Vigo rascando as pedras do Berbés e logo entablouse Norte. Aí pasaron o Palanquín e o Maracaná.

En total, un quinto posto que non resolve nada pero tampouco o empeora. Quedan moitas regatas para seguir metendo a pata.

CLASIFICACIÓNS: