Regata Open de Inverno 2009 – Terceira proba.

7 de febreiro de 2009

Hoxe tocaba a agardada regata longa: Vigo-Morrazán (Ría de Pontevedra)- Vigo

Empezamos a regata bastante ben, afundímonos na Costa de Soavela e ao final, salvamos os mobles.

Primeira saída sobre as 13 horas que ten que ser anulada por fóra de linea masivo. A nosa saída foi moi boa, pero houbo que volver.

Tras a saída boa fomos sempre bastante ben colocados, cos do noso grupo. Á altura dos Castros agás o Baltea que ía diante, iamos todos xuntos. En varios pasamos por diante de Arroutado, Reira e Maracaná, en outros pasaban eles. Había moita diferencia ao facer o bordo a terra coa rolada que che favorecía pero o perdías ao ir ao mar. En Subrido non fixemos o bordo a terra e os demais se nos colaron, saíndo diante pola porta norte.

O vento empezou a caer e quedamos todos parados na Costa de Soavela. Os doldrums non fallan. Saímos do pozo de últimos así que tóca levar o faroliño. Incluso o Schtroumpf que fóra por Cíes colle vento antes que nós e pasa diante. Tal como se agardaba o día, podería volver a caer o vento pola tarde, polo que non perdemos a esperanza de coller ao grupo.

Entramos na ría de Vigo co solpor e unha brisiña de NW que co spí de través, levounos rápido a coller ao Schtroumpf, nada máis pasar Subrido. Podiamos ver que os de diante xa estaban parando entre a Borneira e Tofiño e apuramos o bordo o máis posible polo Norte da ría, levando case sempre o spí a 60º.

Pasando a Borneira, estabamos xa diante de Maracaná, Reira e Palanquín que se veían máis perto de Alcabre, e aquí tivemos que decidir se seguir polo norte co Schtroumpf, que en principio tampouco avanzaba moito, ou marcar aos do noso grupo. Recuperáramos o perdido pero se a eles lles entraba vento polo sur, volveríamos a quedar tirados. As previsións indicaban entrada de vento SW para esas horas e parecía o máis correcto. Erro. O Schtroumpf, polo norte da ría entrou detrás do Arroutado. O resto foi un suplicio con case nada de vento, rolando en cada bordo. Chegamos a Vigo rascando as pedras do Berbés e logo entablouse Norte. Aí pasaron o Palanquín e o Maracaná.

En total, un quinto posto que non resolve nada pero tampouco o empeora. Quedan moitas regatas para seguir metendo a pata.

CLASIFICACIÓNS:

 

Deixa unha resposta