Regata Open de Inverno 2009 – Quinta proba.

28 de febreiro de 2009

Saída ás 16 h. para realizar o seguinte percorrido: Saída, Tofiño (Eb), Vigo (Bb), Rodeira (Bb), chegada en Vigo.
O percorrido real feito polo Balea Dous recollendo posicións cada 30 segundos co programa WayTRKR e enviado con teléfono mobil a www.localizatodo.com, o que permite visualizar en tempo real a ruta do barco, foi este:

Para ver o track en detalle, con tempos e velocidades: Aquí

A regata comeza cunha brisa de Oeste duns 6 a 8 nós. O Balea sae polo barco pero vese tapado por un grupo de barcos que buscan un oco, formando un bo tapón entre el e o barco. Ao quedar un pouco relegado, tan pronto vese libre das popas de barlovento, vira a estribor buscando ventos máis limpos e contando que a posible rolada irá á dereita. Neste rumbo cara ao Con do Pego vai á par do Palanquín, mentres os demais continúan no outro bordo.

Imos andando moi ben e superamos ao Palanquín en velocidade e barlovento, o que fai que decida virar para evitar ir á nosa popa. Prolongamos o bordo xa que a brisa refresca e buscamos a rolada do norte da ría. Neste rumbo, como se comproba no track da navegación, facemos máis de 5 nós.

A virada xa case nos da coa proa en Tofiño, e ao pouco unha pequena rolada permítenos facer rumbo á baliza sen apreturas. Imos moi ao norte do resto da flota pero coa sensación de ir navegando moi ben e de que a arriscada opción non vai saír mal.

Chegamos a Tofiño entre o grupo dos grandes, viramos por dentro do Menudeta (41 pes), e primeiros do noso grupo cunha vantaxe importante sobre a maioría. Na empopada cara Vigo mantemos a vantaxe e ao final do tramo Arroutado e Maracaná descólganse un pouco máis, co que comezamos a nova ceñida cara Rodeira con total control dos seguidores, e por unha vez, con posibilidade de facer primeiros, pois o Arroutado ven varios minutos por detrás.

Non podía ser tan fácil. A falta de trescentos metros para virar Rodeira, cae o vento case por completo, e tras virar, xa co spí arriba, parada total. Pero non para todos, porque nestas situacións é onde o Arroutado aproveita o seu “potencial”, e ao pouco xa o temos a sotavento. Nada que facer.

Recuperamos unha leve brisa que nos chega para entrar segundos, metendo ademais un barco ao Palanquín, o que nos vale para subir á segunda praza da clase. Posto que posiblemente perdamos cando se rexeite o peor resultado, pero é bo ir sumando, neste caso, o menos posible.

En conclusión, fenomenal regata do Balea Dous que foi durante toda a proba en primeiro lugar da súa clase, lugar que só perdeu pola caída total do vento e a pesar do que, fixo un sexto posto na clasificación global, quedando por diante de barcos de regata como o Shoghun, Cormoran 05, Unus ou Altamar, polo que hai que destacar o bo facer da tripulación e a excelente navegación deste barco.

Próximo sábado, unha dura proba para a tripulación: un barlovento-sotavento.
CLASIFICACIÓNS:


Crónica da regata en www.rcnauticovigo.com