Regata Open de Inverno 2009 – Cuarta proba.

14 de febreiro de 2009

Realizouse este sábado unha regata costeira de 10 millas con saída nas inmediacións do porto de Vigo e con pasos por Tofiño (Eb), Guixar (Eb), Vigo (Eb), Rodeira (Bb) e chegada en Vigo.

Excelente día de sol e boa brisa de WSW que non chegou a rebasar os 10 nós pero que se mantivo bastante constante toda a regata, con algúns roles e pequenas variacións de intensidade segundo zonas da ría.

O Balea sae pola boia coa intención de coller rumbo amurado a babor na primeira oportunidade, pois faise unha proa próxima á Torre de Tofiño que hai que virar, pero vese obrigado por varios barcos que veñen a estribor a seguir ata o peirao de trasatlánticos.

Na virada cara a fóra a proa é boa e navégase ben, pero apréciase que os que van máis ao norte, aínda facendo peor proa parecen ter mellor vento, polo que hai un grupo que vai polo centro da ría que colle unha lixeira vantaxe. Por aí navegan ben o Baltea e o Arroutado que se escapan do grupo.

Viramos Tofiño por detrás do Reira, do Palanquín e do Maracaná e comezamos unha empopada na que o vento vai a menos pola parte de Rodeira, optando os que o vemos dende atrás por trasluchar cara Bouzas. Neste tramo botámonos enriba de Maracaná e Reira. Forzamos ao primeiro a orzar gañando sotavento que nos da a vantaxe na trasluchada, na que o superamos.

En Guixar vira Reira e Balea detrás, comezando unha ceñida ata Vigo e logo un descuartelar ata Rodeira. O vento é o que lle gusta ao Balea e ao que lle saca o máximo partido, pasando ao Reira, ao que, como barco máis grande, o vento fáiselle pouco. O Maracaná nesta ceñida perde moito terreo, mentres o Palanquín mantense á par do Balea.

O tramo Rodeira-Vigo é un rumbo aos 60º de vento que se fai con spí un pouco forzado pero necesario. Chegada á par do Palanquín e facendo un cuarto posto, que permite subir unha praza na clasificación da clase.
CLASIFICACIÓNS:

Crónica de www.rcnauticodevigo.com

Deixa unha resposta