Regata Open de Inverno 2009 – Última proba.

21 de marzo de 2009

REGATÓN DO BALEA DOUS QUE REMATA FACENDO UN PRIMEIRO

As previsións de vento para esta tarde eran bastante pesimistas. Non máis de 4 nós de NW rolando a NE. Fallaron outra vez. Tivemos un SW moi estable de 8 a 10 nós durante toda a regata.

O Comité de Regata repite percorrido por terceira vez consecutiva, montando unha Vigo-Tofiño-Vigo-Tofiño-Vigo, de unhas 10,5 Mn. O que sería aconsellable, é que este clásico percorrido, que con ventos de SW ben suple a un barlovento-sotavento, tivera a virada de Tofiño por babor para evitar os a veces complicados cruces nas proximidades da torre.

Moi boa saída do Balea Dous, con boa posición e velocidade, que dende os primeiros compases colócase na cabeza da súa clase e navegando á par de barcos de maior porte. Facemos un bordo longo pola zona de Rodeira que da moi bo resultado, virando en Tofiño á par do Reira e por diante do resto da clase.

A brisa fresquiña permite facer unha popa a case 150º con boa velocidade. Neste tramo, cara a metade, hai unha leve caída do vento. Alongamos o bordo a estribor, o que en principio nos vai ben, pero cara o final volve aumentar o vento aos que van máis ao norte, e perdemos algunha posición.

Segunda ceñida co mesmo vento que a primeira, facemos o mesmo bordo polo norte da ría e volve ser o bordo bo, pois viramos Tofiño por diante do Reira e co resto da clase bastante descolgada. Só faltaba facer unha boa popa, só preocupándose de sacar o máximo do barco e manter a posición. Coa baixada do vento, temos que navegar co aparente nos 120º, polo norte, conseguindo manter ao Reira, compañeiro inseparable nestas últimas regatas, na mesma posición, aínda que nos supera trala última trasluchada, para entrar en meta escasos segundos diante de nós.

O resultado da boa navegación realizada foi acadar o primeiro posto da clase e terceiro de toda a flota. Un premio que barco e tripulación merecíamos despois dunha segunda metade da serie, navegando a moi alto nivel.

CLASIFICACIÓNS:

Crónica de www.rcnauticovigo.com

Regata Open de Inverno 2009 – Sétima proba.

14 de marzo de 2009

Tocaba regata costeira para esta proba, en en vista do estable que parece o vento de SW, o Comité monta o seguinte percorrido: Saída, Tofiño (Eb), Vigo (Bb), Tofiño (Eb) e chegada. 10 millas e media en total.
Na seguinte imaxe pódese ver o percorrido real do Balea Dous, recollido por www.localizatodo.com

A saída convértese en clave para o resultado da regata, pois nos últimos cinco minutos o vento fai das súas. Unha caída radical do vento fai que os barcos que enfilan a liña de saída pola zona do barco o fagan con dificultade. Máis ao sur, pola boia os barcos saen navegando ben.

No Balea Dous saímos perto do barco e vémonos tapados por varios barcos. Á primeira oportunidade viramos a estribor e tratamos de buscar vento limpo. En seguida o vento refresca e rola a NW o que permite xa facer rumbo de baliza nada máis virar a babor. Comezamos a navegar rápido e con boa proa, levamos por diante ao Arroutado e ao Reira e por detrás ao Baltea. Pronto podemos apreciar que o grupo que vai polo sur leva outro vento e van quedando detrás dos que imos pola parte norte da ría. Deste xeito o Maracaná perdeu aí a súa oportunidade.

Viramos Tofiño sen moitas diferencias entre os do noso grupo e facemos rumbo de popa cara a Vigo. Ao final do tramo descolgámonos algo dos nosos competidores, pero nada máis virar e comezar a segunda ceñida, podemos facer mellor proa e volvémonos a colocar por diante de Reira e Baltea. O Arroutado vai por diante sen posibilidade de alcanzalo.

Na segunda popa mantémonos perto do Reira para evitar sorpresas e chegamos uns corenta segundo detrás del. Valeunos para voltar a ser segundos da clase e asegurar a mesma praza na xeral, polo momento.

A falta da última regata, non hai nada asegurado. Imos seis puntos por diante do Reira, pero matematicamente todo é posible. Haberá que saír a por todas. Como sempre.

CLASIFICACIÓNS:


Ata 28 clasificados.
Crónica en www.rcnauticovigo.com

Chegamos a Madeira: 1.176 Km.

A excelente propagación da mañá do sábado día 14 de marzo, fixo que a estación Borneira estivera recibindo sinais de barcos ata as mesmas costas da illa de Madeira.
A 1.176 Km estaba o barco Columbia, que ía en rumbo a Panamá, cando deixamos de recibir a súa emisión AIS.
Esta é ata o momento a máxima cobertura acadada dende a estación de Cangas:

Nesta outra imaxe pódese apreciar a elevada densidade de tráfico marítimo polo Dispositivo de Separación de Tráfico de Finisterre e resto da costa atlántica:

www.localizatodo.com

Regata Open de Inverno 2009 – Sexta proba.

7 de marzo de 2009

A regata deste sábado foi un Barolvento-Sotavento de pouca lonxitude, 0,9 Mn entre boias, percorrendo un total de 5,5 Mn.
Vento frouxo de NW con algunhas roladas segundo as zonas.
A saída do Balea foi boa, controlando dende ese momento a posición dos rivais da clase, agás o Arroutado que se nos marchou, como xa e habitual.
Fixemos un segundo posto na clase e un sexto na global da etapa, exactamente igual que na anterior proba, quedando a pouco máis de un minuto do Cormorán 05, e por diante de barcos tan superiores como o Altamar, Caixanova ou Shoghun. Outra moi boa regata do Balea Dous.
Despois de esta etapa, e xa cunha proba descartada, afincámonos na segunda praza da clase, que haberá que defender nas dúas probas que faltan.

CLASIFICACIÓNS:

Ata 28 clasificados.