XIII Trofeo Vila de Bouzas

Participaron uns 35 barcos, divididos en varias clases: Solitarios, A dous, Cruceiros-A, Cruceiros-B e Sub-23.

Os cruceiros con tripulación eramos uns 16, polo que fixeron dous grupos por GPH. Tocounos no grupo B, sendo o segundo barco «máis pequeno». Ou sexa que competimos contra barcos de clase 2 e 3 de moita calidade como o Sun Legend 41, Menudeta, o D34,  «La Burla Negra», o X332, Unus, un J80, e o caso insólito, un J70, o Marnatura, competindo como cruceiro ORC. Isto non gustou entre os cruceiros pois é un barco que non cumpre o Regulamento Técnico de Cruceiros nin, que conste, está entre os barcos autorizados a exhibir publicidade no nome e no casco. Xa rozando o ridículo, a burda chapuza montada con ventosas de ducha para simular un púlpito de proa e un pasamanos que en ningún caso sería legal pois nin é de aceiro, nin é contínuo ao longo do costado, nin ten a altura mínima esixida. Pois nada, competiron, gañaron a clase, levaron o trofeo, saiu a marca comercial nos titulares,… Por vergoña allea non vou dicir o nome que ten isto.

Con estes rivais, o sábado fixemos unha regata discreta, quedando no posto que nos correspondía. Complicáronnos o tramo de desmarque entre varios barcos grandes e quedamos algo descolgados. Ao ser tanta a diferenza entre barcos, fóronsenos pronto e tratamos de buscar sorte fóra do seu ronsel pero non saíu a rolada que nos podería beneficiar.

O domingo foi outra historia. Boa saída e boa elección de rumbo co que a 3 millas da saída con 10 nd de vento, xa tiñamos a todo o noso grupo por detrás. Nun cambio de vento á altura de Salaiño, rolada a dereita e aumento a 14 nd, pasáronnos o SL41 e o D34, pero seguimos no seu ronsel e sen que se largasen moito. Través con spi, que tivemos que arriar ao sur de Cíes por refachos que chegaban aos 20 nd.  e subida ata Bouzas con bo vento ao descuartelar. Faltando pouco para meta, pasounos o J70 e practicamente na linea, o X332. Total: Primeiros. No global do trofeo, quedamos 3º o que nos soubo a vitoria, dado o grupo que tiñamos.

32º Trofeo Príncipe de Asturias

Este ano tocou facer o programa de regatas do Monte Real Club de Iates de Baiona, que remataba co clásico Principe de Asturias.

Estabamos todos os importantes e xa falabamos entre nós que podería ser un auténtico campionato galego de ORC 4, pero fallou o fundamental: o vento. Foron dous días de vento moi escaso, rolón e inestable. Déronnos a saída da primeira proba con 4 nós de vento e o NW previsto nunca entrou. Pola contra entrou un SW frouxiño que non se chegou a establecer na ría co que nunhas zonas si e noutras non. Estabamos á par do Margem cando entrou o SW, trasluchamos para ir ao centro da ría esperando que afrescara pero pasou o contrario co que perdemos contacto coa cabeza. Entramos cuartos en real pero cun grupo de pequenos detrás que nos gañaron.

Na segunda proba só houbo unha cinguida de media milla, á boia de desmarque. Ese tramo fixémolo ben, deixando por detrás a todos menos «Ai Carmela». No tramo de Subrido a Salgueirón puxémonos primeiros en real pero acurtáronnos a regata a metade de percorrido. De haber algo de vento, se a regata continuase, poderiamos gañar máis distancia coa frota, pois sería todo cinguida. Ou non. Co segundo posto desta regata algo arranxamos a mala regata do día anterior, quedando cuartos na xeral, por detrás de Con Caalma, Ay Carmela e Deep Blue, pero deixando por detrás un importante grupo de competidores de moito nivel como o Margem, Chispa, Travesío, Aeris, Santiago Roma, Carpancho,…

Gran regata con moi boa organización e moito ambiente.