Balea Dous gaña a 54ª Rías Baixas

Comentarios de prensa:

12/08/2017: En ORC 4 tan só catro barcos finalizaban a etapa con vitoria para o cangués “Balea Dous” de Luís Pérez, quen investía un pouco máis de seis horas en completar a etapa por diante do “Carpancho V” do Náutico da Coruña, e o “El Juliana By Deep Blue” de Vicente Cid.

13/08/2017: “Balea Dous”, en ORC 4, único barco que repite liderado. Rifada etapa nesta clase do ORC 4, onde o primeiro en chegar á Pobra era o “Balea Dous” de Luís Pérez con algo máis de dous minutos sobre o “Santiago Roma Rías Baixas” que tras as compensacións era gañador desta segunda etapa por diante do barco do Náutico Rodeira. Terceiro en cruzar a liña de chegada era o “Carpancho V” pero como lle sucedía ao “Balea Dous” as compensacións deixábano como cuarto sendo terceiro finalmente “El Juliana By Deep Blue” do Náutico de Vigo.

14/08/2017: Non cede ante os seus rivais o cangués “Balea Dous” que levaba o triunfo en Sanxenxo nesta clase do ORC 4 e mantense como líder tras tres regatas. Segundo en entrar na chegada era o “Albarellos” de Fernando Rei, por diante do asturiano “Silfo” do R.C. Astur de Regatas. Tras esta terceira proba o “Balea Dous” aumenta a súa vantaxe sobre o “Santiago Roma Rías Baixas” ao que agora ten a seis puntos e oito sobre o vigués “El Juliana By Deep Blue”.15/08/2017: Entre os ORC 4 o dominio do “Balea” de Luís Pérez foi abafador con tres primeiros e un segundo. Os do Náutico Rodeira volvían cruzar  primeiros na liña de chegada por diante do “Albarellos” quen finalizaba como terceiro a etapa e do “Carpancho V” do Náutico da Coruña. “Balea Dous” gañaba a etapa, segunda consecutiva, e mostrábase como o máis sólido de todos os campións desta edición.

No podio final da clase acompañaban ao “Balea Dous”, o “Santiago Roma Rías Baixas” de Iñaki Carbajo e Vicente Cid co seu “El Juliana By Deep Blue”.

Resumo en fotos:

https://goo.gl/photos/DW141J8dGzvd1yvk7

Clasificación final:

Balea Dous gaña o 42º Conde de Gondomar

Baiona, 22 de xullo de 2017.- Empezou con bo vento e unha gran expectación sobre a auga a cuadraxésimo segunda edición do Trofeo Conde de Gondomar, que se celebra ata o vindeiro martes nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Iates e co patrocinio de Banco Sabadell. Para a clase Coca Cola ORC 4, o comité de regata estableceu un trazado de algo máis de 29 millas de ida e volta ata o faro de Camouco, nas proximidades de illa de Ons. A frota saíu da baía de Baiona por Carallóns bastante áxil, impulsada por un vento do noroeste de entre 7 e 8 nós, pero xusto despois de tomar esa primeira baliza, unha encalmada estancou aos barcos durante case tres cuartos de hora. Finalmente entrou unha brisa polas Cíes e as tripulacións retomaron o ritmo de navegación.

Na clase Coca Cola ORC 4, as seis horas e vinte minutos que empregou o Balea Dous en completar a proba colócano, a día de hoxe, como favorito para subirse todo o máis alto do podio do Trofeo Conde de Gondomar. Ao barco do Real Club Náutico de Rodeira, patroneado por Luís María Pérez, séguenlle na clasificación dúas embarcacións do Monte Real, o Abal Avogados-Lagar de Pintos-Fanautic, de Mariano Dios; e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

Baiona, 24 de xullo de 2017.- A frota do Trofeo Conde de Gondomar deu este luns un gran espectáculo nas Rías Baixas na segunda e penúltima xornada de probas da competición organizada polo Monte Real Club de Iates co patrocinio de Banco Sabadell. Para os barcos máis pequenos, o comité de regata deseñou un percorrido de algo máis de 25 millas, saíndo de Baiona, percorrendo a ría de Vigo, virando a baliza do Lousal e finalizando fronte á illa sur de Cíes.

Na clase Coca Cola ORC 4, o Balea Dous, capitaneado por Luís María Pérez, segue sendo o protagonista indiscutible, con dúas vitorias nas dúas probas disputadas ata o momento. Non houbo cambios tampouco na segunda e terceira posición, que manteñen desde o primeiro día o Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

Baiona, 25 de xullo de 2017.- Na clase Coca Cola ORC 4, tras as dúas últimas probas, dous bastóns montados no fondeadeiro de Cíes, o podio quedou conformado da seguinte maneira: a todo o máis alto elevouse o Balea Dous do Real Club Náutico de Rodeira. Con Luís María Pérez aos mandos, a tripulación asinou os mellores resultados da súa categoría, con tres primeiros postos nas catro probas disputadas. Os seguintes chanzos de gañadores cubríronos dous barcos do Monte Real, o Margem do Azul III de Santiago Gómez e Frederico Lopes; e o Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios.