“BALEA DOUS” REMATA A TEMPADA DE REGATAS AO MÁIS ALTO NIVEL

Coa entrega de premios celebrada o pasado sábado no RCN de Vigo deuse fin á tempada de regatas de Cruceiros das nosas rías, e neste acto, o “Balea  Dous”, barco que navega baixo a  grímpola do RCN  Rodeira de Cangas, recibiu o premio de vencedor da clase Cruceiro na Regata  Open de Inverno-Trofeo Repsol.

Con este premio a tripulación canguesa completa unha tempada dificilmente  superable, despois de disputar as regatas máis importantes das Rías Baixas e subir ao máis alto do podio noutros seis trofeos, ademais do último recibido.

Así pois, o “Balea  Dous” resultou vencedor no Trofeo Comunica, Trofeo Repsol-Regata Primavera e 33º Trofeo Príncipe de Asturias, organizados polo  MRCI de Baiona; Trofeo Repsol- Open de Inverno e 55ª Regata Rías Baixas, organizadas polo RCN de Vigo; Copa de España de Cruceiros do  RCM de  Aguete; 2ª Regata  Interclubes Ría de Vigo organizada por RCN de Vigo,  MRCI de Baiona e RCN  Rodeira, conxuntamente. Outros resultados meritorios foron un segundo posto no 43º Trofeo Conde de Gondomar do  MRCI de Baiona e un terceiro na 14ª Volta  ás  Illas do RCN  Rodeira.

Unha gran tempada que confirma ao barco de Cangas tras a súa traxectoria dos últimos anos, como o rival a bater na súa categoría, o que tamén supón para a súa tripulación un importante reto para as próximas regatas que empezarán a partir de mediados de Xaneiro.

Ao longo deste ano nas distintas regatas alternaron a tripulación do Balea Dous, ao mando de Luis Pérez: Suso Martínez, Julián Pereiro, Humberto Ferral, Manuel Cordeiro, Mauro Nogueira, David Rodríguez, Edu Maldonado e Mario Molina. Gran equipo e principais artífices dos logros conseguidos.