Trofeo Open de Outono 2023-RCN de Vigo

Participamos na última regata do ano, o Trofeo Open de Outono do RCN de Vigo, celebrada en catro sábados de novembro e decembro. (18 e 25/11, 2 e 9/12).
Boa participación, con 6 barcos en categoría A-2, 10 barcos a tripulación completa divididos en dúas clases: CRU-1 e CRU-2. Engadindo os 20 barcos inscritos en Concentración, categoría non competitiva, déuselle color e ambiente á ría nestes sábados outonais.

As tres primeiras regatas celebráronse con moi pouco vento, escaso e xusto para poder realizar un percorrido de 7 millas, que a maioría puideron rematar. A última proba foi a única que disputamos con bo vento, aínda que, fora pola ponte da Constitución ou polo invernal do día, a participación foi menor.

Aínda sendo diferentes as condicións nas catro probas, o curioso é que todas se fixeron co mesmo percorrido: Saída – Tofiño Bb – Guixar Bb – Chegada. Sinxelo pero eficaz, pois coas condicións tan escasas conseguimos rematar as catro.
A primeira proba veuse alterada pola entrada dun mercante que obrigou a despexar a zona sur da ría cando xa estabamos no tramo Tofiño-Guixar. Os que levabamos a empopada pola costa viguesa tivemos que cambiar a estratexia gañando a zona norte da ría.

Tras virar Guixar na popa do Esquío, quedaba un tramo de ceñida no que tratamos de adiantar ao rival con viradas e reviradas sempre ben contestadas o que non nos permitiu pasalos, pero tampouco perder a súa popa, o que foi suficiente para gañar en compensado.

Na terceira proba, no aprazamento de media hora e na zona próxima á saída, damos cun grupo de ramas de árbore, duns 4 ou 5 metros cada unha, que engarzadas, poderían supoñer un risco para algún barco. Damos aviso por radio ao comité informando das coordenadas para que os participantes o teñan en conta e avisen a seguridade marítima, se lles parece preciso. En cinco minutos chama Vigo Tráfico polo canal da regata, piden cambiar ao canal 10. Falamos, repito o que informei anteriormente. Me pide un teléfono para deixar libre o canal. Non entendo por que é preciso pero llo dou. Chama por teléfono e o amable funcionario di: “Por que no recogió usted las ramas? ….. ….. ….. …..

 Saída da terceira proba.

 A cuarta proba estivo ben servida de vento e choiva. Vemos na gráfica a situación entre as 3 e as 5 da tarde, tempo en que se navegou a regata. Comezamos con vento de 20 nós que foi progresivamente baixando ata os 13 nós. Xusto nesas dúas horas, o vento rolou de SW a W. A liña azul indica a choiva que foi persistente ata as 5 e media da tarde.

Video da empopada entre Tofiño e Guixar na que acadamos no Balea Dous os 9,5 nós de corredeira.

 Balea Dous, o Sun Fast 32i gañador da clase CRU-2, que, baixo a grímpola do CN Rodeira de Cangas, tripulan David Rodríguez, Mauro Nogueira, Manuel Cordeiro, Julián Pereiro e Luis Pérez.

 Esquío, o Ro 330 dos irmáns Castro, segundo clasificado na categoría CRU 2, e apretando cada vez un pouco máis.

 Salao, o Yatlant 24 de Juan Carlos Sicre, do LM de Bouzas.

 Salaño, un Sun Fast 36 con Jacobo Vecino e Brenda Maure, campións da categoría A-2, coma sempre, raiando na perfección.

 Vértigo Sailing, Sun Fast 36,  con Alfonso Crespo e Alejandro Busto, segundo clasificado na categoría A-2, e acechando de cerca ao experimentado Jacobo Vecino.

 Bonaventure, terceiro clasificado na categoría A-2, con José L. Ríos e Mª Jesús Montes, que están levando este Dufour 360 a postos destacados.

 Alalunga, First 32s5, e Aquilón, Fortuna 9, en segundo término.

 Virando Tofiño con pouco vento.

 

Mariavera, o Sun 2000 de Carlos Costas, da categoría Concentración.

(Este artigo conta coas imaxes obtidas no "Balea Dous" e as cedidas por "Coveliño")

Clasificación da clase A-2.

 

Clasificación da clase CRU-1.

 

Clasificación da clase CRU-2.

 

Clasificación conxunta de CRU-1 e CRU-2.

Os comentarios están pechados.