Non decidimos a participación nesta regata ata última hora, pola falla de tripulación por navegar en días laborables, venres e sábado, e non contar algúns tripulantes con días libres. Ao final conseguimos que poida vir Suso, pero Mauro, Julián e David que traballan o venres pola mañán, non poden estar en Baiona antes das 14 h. A saída da primeira proba é ás 15 h. así que arriscámonos.
Saímos a lume de carosso de Baiona para o campo de regata, que esta vez está no medio da ría de Vigo, e dado o vento de SW, a zona de saída está situada máis perto de Liméns que de Baiona. Chegamos cando xa deron a saída e estaban preparando a dos J80. Primeira proba en modo espectador e 17 puntos, pois resulta que estamos en Clase 3-4, con 16 barcos dende o Cachete, Bon III, Sailway, dufoures varios ata nós que somos o barco máis lento da clase. Pois nada…, a seguir navegando sen ningunha presión.
Facemos a segunda proba da tarde, un trapecio (¿¿¿ ???) que ven sendo dúas ceñidas e dúas popas, na que despois da primeira ceñida hai que navegar media milla a un través ata un segundo campo para deixar o primeiro aos J80. Bo sistema para despexarlle o campo aos J80 e aforrar medios, pero para os ORC un offset tan longo, sobra.
Boa saída, acertamos no bordo, sen erros nas manobras e navegando acorde ás nosas condicións, resultado, un 11. Valeu para deixar o faroliño.
O sábado navegamos dúas probas con vento de NW, acadamos un 10 e un 11 co que subíamos ao posto 12 da xeral. Seguindo nesa liña de navegación, coas probas do domingo poderiamos subir un posto, como moito, pero non se poido comprobar porque as probas do domingo non se chegaron a realizar por inestabilidade do vento.
As cousas cambiaron en terra a última hora, pouco antes da entrega de premios. Por unhas protestas contra o comité por garreo da boia 2 e non compensar a redución do percorrido na proba nº 4. Resultado: anulación da proba nº 4.