XVIII Regata Guardiamarina – 2010.

Os días 18 e 19 de setembro celebrouse a edición anual da Regata Guardiamarina que xa hai 18 anos que veñen organizando conxuntamente o RCN de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín.

Nesta ocasión repetiuse o formato do ano pasado, de facer a regata á inversa de como era tradicional, ou sexa, empezar a primeira etapa en Marín. Tradicionalmente a regata compúñase de dúas etapas, a Vigo-Marín e a Marín-Vigo. Pois ben, co novo formato, decidido para poder facilitar a participación aos barcos que a semana anterior estiveron regateando en Sanxenxo, vemos que non se consigue o obxectivo de contar con maior participación. Ao contrario, xa o ano pasado, e máis neste, a participación vai decaendo a cotas nunca antes vistas. Contra os 40 barcos participantes de anos atrás, o ano pasado non se pasou de 25 barcos e neste de 20. A baixa participación dos habituais da ría de Vigo pode deberse a que non é doado contar cun día de semana para trasladar o barco a Marín. Debería ser esta unha cuestión a analizar pola organización.

Primeira proba: Marín-Vigo.

Clásica etapa coas habituais condicións meteorolóxicas. Coma sempre toca agardar polo vento para dar a saída, e cando salta, é NW frouxo indo a máis. Típica trampa na Costa de Soavela, aínda que nesta ocasión agárdanos máis abaixo. Xusto no Cabo Home, o pozo sin vento súmase a unha forte baixada de maré que fai que aos barcos que van máis a terra lles coste saír dalí.

Pasado Subrido, de novo o vento NW fresco enche os spís polo través levándonos con puntas de 9 nós moi rápidos ata Vigo. Facemos terceiros en compensado.

Segunda proba: Vigo-Vigo.

Tras un dos habituais percorridos polas balizas da ría, mesmo resultado do día  anterior, terceiros.

Ao final, 3º posto da clase na Xeral-Final e trofeo. Esta vez un bonito reloxo que vai facer compañía ao barómetro gañado na anterior edición. Esméranse os organizadores nos trofeos e é de agradecer.

Conclusión: Facendo unha seria autocrítica, temos que recoñecer que non andamos o que deberamos andar. O gañador da clase, o platú Petrilla, que en GPH ten que darnos 7 segundos por milla, chegou a sacarnos máis de 80 segundos cada milla, e iso só quere dicir que os rapaces do Petrilla levan o barco moi ben e nós moi mal. Ten que ser iso.

Tampouco nos foi ben con relación ao barco máis lento da flota, o Enxuto, que por GPH fai unha milla en máis de 701 segundos. Nós teriamos que sacarlle 17 segundos por milla para gañarlle, e só fomos quen de sacarlle 10 segundos en cada milla. Mal, moi mal.

Pero bueno, o importante é que disfrutamos navegando, que en cada regata aprendemos e que seguiremos a mellorar tanto o patrón, que mete moitas pifias, como a tripulación, cada día máis segura e compenetrada, como o Balea Dous cada vez mellor equipado e preparado para a mellor navegación posible. Se ademais de pasalo ben, acadamos resultados nas regatas,… que máis podemos pedir?

 

Deixa unha resposta