46ª REGATA DE PRIMAVERA

28-05-2024.- Este domingo finalizou en Baiona unha nova edición do Trofeo Repsol, a histórica Regata de Primavera do Monte Real Club de Iates, que neste 2024 cumpriu a súa 46ª edición con medio centenar de barcos regateando pola vitoria en tres xornadas de competición. Os cruceiros entraron en liza o sábado coa regata Baiona-Sanxenxo para rematar o domingo coa regata de volta, Sanxenxo-Baiona. En ambas as probas o vento tardou en entrar provocando adiamento na saída, pero púidose gozar dunha boa navegación, sobre todo o segundo día con ventos de NW de 14-15 nós de intensidade. En ORC-5, a vitoria levoulla o Balea Dous, do Club Náutico Rodeira, liderado por Luís Pérez. Tras vencer no Trofeo CdeC, a tripulación canguesa, cun primeiro e un segundo nas costeiras disputadas, meteuse unha nova vitoria no peto. Impúxose sobre o Nahela de Víctor Álvarez, do Club Deportivo Alagua, que quedou segundo, e o Travesío do Real Club Náutico de Sanxenxo, que quedou terceiro con César Martínez aos mandos.

 

 

TROFEO CdeC

20/04/2024.- A canguesa tripulación do Balea Dous leva o ouro en Baiona.

50 veleiros de España e Portugal disputáronse o pasado sábado nas Rías Baixas o Trofeo CdeC, a primeira do cinco regatas de vela pesada que o Monte Real Club de Iates ten programadas para este 2024. O MRCYB puxo en xogo a competición con dous percorridos diferentes, un máis longo entre Combarro e Baiona, e outro máis curto entre Vigo e Baiona. A regata correuse con vento moi frouxo o que dificultou a progresión da frota e fixo que o Comité de Regata decidise acurtar os percorridos, quedando o final da proba de Combarro á altura do illote Viños, fronte ás Cíes, onde conseguiuse chegar tras máis de cinco horas de complicada navegación. Nesta proba, a tripulación do Balea Dous, liderada por Luís Pérez, colocou a grímpola do Club Náutico Rodeira no máis alto do podio. A segunda posición foi para o Ronáutica Mariñas de Jorge Carneiro (CN San Telmo); e o Vagalume de Luís Vidal, que correu como independente, quedou terceiro. Na regata de Vigo a Baiona, os Aceites Abril dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canle, que foi o máis rápido en completar o percorrido, logrou imporse tamén tras a compensación de tempos.

10ª INTERCLUBES DA RÍA DE PONTEVEDRA

A Regata Interclubes Ría de Pontevedra pechou a súa décima edición coa última etapa –que ía organizar a Comisión Naval de Regatas de Marín– suspendida debido ao forte vento, de máis de 30 nós de intensidade.

Así, as clasificacións non se moveron e o Orión de Javier Pérez (MRCYB) venceu en Clase 1; O Ronáutica Mariñas de Jorge Carneiro (Ro Yachts Club) fixo o propio en Clase 2, co Balea Dous de Luis Pérez (RCN Rodeira) terceiro; en Clase 3 venceu o Javitudo de Pedro Barbosa (Atlántico) co Espita de José Luis Lastra (Náutico Beluso) terceiro; En Clase 4 impúxose o Orlando de Gerardo Sánchez (Ro Yachts Club) co Cinco Illas Seida de Iñaki Carbajo e o Trotto de Ernesto Smyth (Beluso) segundo e terceiro. O Samoa venceu en Clase 5, e o Iasi e o Peregrina-Cobre San Rafael en Clásicos e Veteranos.