46ª REGATA DE PRIMAVERA

28-05-2024.- Este domingo finalizou en Baiona unha nova edición do Trofeo Repsol, a histórica Regata de Primavera do Monte Real Club de Iates, que neste 2024 cumpriu a súa 46ª edición con medio centenar de barcos regateando pola vitoria en tres xornadas de competición. Os cruceiros entraron en liza o sábado coa regata Baiona-Sanxenxo para rematar o domingo coa regata de volta, Sanxenxo-Baiona. En ambas as probas o vento tardou en entrar provocando adiamento na saída, pero púidose gozar dunha boa navegación, sobre todo o segundo día con ventos de NW de 14-15 nós de intensidade. En ORC-5, a vitoria levoulla o Balea Dous, do Club Náutico Rodeira, liderado por Luís Pérez. Tras vencer no Trofeo CdeC, a tripulación canguesa, cun primeiro e un segundo nas costeiras disputadas, meteuse unha nova vitoria no peto. Impúxose sobre o Nahela de Víctor Álvarez, do Club Deportivo Alagua, que quedou segundo, e o Travesío do Real Club Náutico de Sanxenxo, que quedou terceiro con César Martínez aos mandos.