Regata Open de Inverno 2009 – Última proba.

21 de marzo de 2009

REGATÓN DO BALEA DOUS QUE REMATA FACENDO UN PRIMEIRO

As previsións de vento para esta tarde eran bastante pesimistas. Non máis de 4 nós de NW rolando a NE. Fallaron outra vez. Tivemos un SW moi estable de 8 a 10 nós durante toda a regata.

O Comité de Regata repite percorrido por terceira vez consecutiva, montando unha Vigo-Tofiño-Vigo-Tofiño-Vigo, de unhas 10,5 Mn. O que sería aconsellable, é que este clásico percorrido, que con ventos de SW ben suple a un barlovento-sotavento, tivera a virada de Tofiño por babor para evitar os a veces complicados cruces nas proximidades da torre.

Moi boa saída do Balea Dous, con boa posición e velocidade, que dende os primeiros compases colócase na cabeza da súa clase e navegando á par de barcos de maior porte. Facemos un bordo longo pola zona de Rodeira que da moi bo resultado, virando en Tofiño á par do Reira e por diante do resto da clase.

A brisa fresquiña permite facer unha popa a case 150º con boa velocidade. Neste tramo, cara a metade, hai unha leve caída do vento. Alongamos o bordo a estribor, o que en principio nos vai ben, pero cara o final volve aumentar o vento aos que van máis ao norte, e perdemos algunha posición.

Segunda ceñida co mesmo vento que a primeira, facemos o mesmo bordo polo norte da ría e volve ser o bordo bo, pois viramos Tofiño por diante do Reira e co resto da clase bastante descolgada. Só faltaba facer unha boa popa, só preocupándose de sacar o máximo do barco e manter a posición. Coa baixada do vento, temos que navegar co aparente nos 120º, polo norte, conseguindo manter ao Reira, compañeiro inseparable nestas últimas regatas, na mesma posición, aínda que nos supera trala última trasluchada, para entrar en meta escasos segundos diante de nós.

O resultado da boa navegación realizada foi acadar o primeiro posto da clase e terceiro de toda a flota. Un premio que barco e tripulación merecíamos despois dunha segunda metade da serie, navegando a moi alto nivel.

CLASIFICACIÓNS:

Crónica de www.rcnauticovigo.com

Deixa unha resposta