Balea Dous de novo no podio da Conde de Gondomar

MRCY Baiona. 21/07/18.- Na clase Coca Cola ORC 4, o vencedor da xornada foi o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Iates. Empregou pouco máis de 5 horas en finalizar o percorrido e colocouse en primeira posición da clasificación provisional. Séguenlle, en segundo e terceiro posto, A Burla Negra do Club Náutico de Castrelo do Miño, capitaneada por Juan José Martínez; e os cangueses do Balea Dous, con Luís Pérez á cabeza.

MRCY Baiona. 22/07/18.- Un dos barcos que máis sufriu os caprichos do vento foi o Unus de Luís García Trigo, que tras asinar unha espectacular regata levando a toda a frota á súa popa, viuse relegado á última posición da táboa da clase Coca Cola ORC 4. Nesta mesma categoría, o Balea Dous de Rodeira, con Luís Pérez á fronte, logrou subir da terceira á primeira posición, facendo caer ao Fend la Bise de Jean Claude Sarrade (Monte Real Club de Iates) e A Burla Negra de Juan José Martínez (Club Náutico Castrelo de Miño) ao segundo e terceiro posto respectivamente.

MRCY Baiona. 25/07/18.- A clase Coca Cola ORC 4 foi a que máis variacións sufriu ao longo do campionato, pero houbo 3 barcos que destacaron por encima do resto e que finalmente coparon o podio de gañadores. Foron o Balea Dous de Rodeira, o Fend la Bise do Monte Real e A Burla Negra de Castrelo de Miño. Chegaron á final empatados a puntos, e a súa disputa no último bastón foi determinante para Jean Claude Sarrade, que liderou ao Fend la Bise do Monte Real  ao máis alto do podio. O Balea Dous de Luís Pérez e A Burla Negra de Juan José Martínez levaron o segundo e terceiro premio respectivamente.

 

Balea Dous campión da Interclubes da Ría de Vigo por segundo ano consecutivo.

Náutico Rodeira, 25/06/2018.- Esta fin de semana ponse en xogo o cetro da Ría de Vigo. O sábado dispútase a primeira proba da II Regata Interclubes que organizamos co Monte Real Club de Yates de Baiona e Real Club Náutico De Vigo, coa colaboración técnica de desmarque s.l..

01/07/2018.- Resumo da 1ª Regata do Trofeo Interclubes Ría de Vigo 2018.
Primeiros de clase e terceiros absolutos.

08/07/2018.- Este sábado disputamos a segunda regata do Trofeo Interclubes da Ría de Vigo, nesta ocasión organizada polo noso club, o RCN Rodeira. Deuse a saída ás tres da tarde cun ventiño de WSW que nos primeiros compases da regata sobrepasaba os 12 nós pero que logo foi a menos e coas típicas roladas á dereita no tramo Borneira-Subrido, levounos a facer un slalom entre as bateas de Liméns e con repetidos cruces cos barcos de clase 3, Unus e La Burla Negra. Viramos Subrido cuartos en tempo real detrás de Abril (First 44.7), Starfighter (First 40.7) e Unus (X332), mesma orde de entrada en meta tras 7 millas en rumbos de popa e través, en rápida navegación con puntas de 7-8 nós.
Tras a compensación de tempos, o resultado foi 1º de clase e 1º da xeral absoluta. A falta de unha regata para a conclusión do Trofeo Interclubes, somos primeiro de clase con dous puntos sobre o Deep Blue e segundo absoluto a un punto do Abril. Nada garantizado, todo por decidir. O próximo sábado a solución. #BaleaPower

16/07/2018.- Rematamos este sábado a Regata Interclubes Ría de Vigo, co resultado final de primeiro da clase ORC4 e segundo absoluto. A última regata desta serie desenvolveuse dun xeito similar ás dúas anteriores, con vento un pouco máis de SW e algo máis de forza no inicio, pero logo baixou por debaixo dos 12 nós. O segundo da clase ORC4 foi o DeepBlue e o vencedor absoluto, o Abril, tamén gañador de ORC1. En ORC3 gañou Unus.

Balea Dous alzouse co triunfo no Trofeo Repsol de Baiona

Na Clase Cruceiro invertíronse os papeis con respecto á edición de 2017. O Balea Dous de Rodeira, que quedara entón segundo, fíxose este ano coa vitoria; e o vencedor da anterior edición, o Fend la Bise de Jean Claude Sarrade, do Monte Real Club de Iates, fíxose coa prata. Ambos recibiron o seu premio de mans do alcalde de Baiona, Anxo Rodal, que entregou ademais o bronce ao Albarellos de Fernando Rei, do Club Náutico de Portonovo.

Vitoria do Balea Dous no II Trofeo Comunica

O MBA venceu no percorrido Vigo-Baiona xunto co Balea Dous de Luís Pérez, que levou a Rodeira por segundo ano consecutivo un dos ouros da competición.

No trofeo, que este ano cambiou de deseño e celebrouse cun formato de dobre saída desde Sanxenxo e Vigo, participaron máis de 200 regatistas a bordo dos 34 barcos inscritos. Unha frota que tivo que facer fronte a unhas condicións complicadas polo vento, que desapareceu por momentos e deixounos flotando en encalmadas que chegaron a durar ata hora e media.
Máis curto foi o trazado para os veleiros que tomaron a saída en Vigo ás dúas da tarde, unha hora despois que os de Sanxenxo. Navegaron algo máis de 9 millas e media ata Carallones, onde o comité de regata decidiu acurtar percorrido tras sufrir unha gran encalmada en Toralla.
Divididos en dúas clases segundo a súa capacidade competitiva, os que finalmente levaron a vitoria foron o MBA Atlántico de Rui Ramada do Monte Real; e o Balea Dous de Luís Pérez, que veu disposto a repetir triunfo, e levou de novo a Rodeira o ouro que xa conseguira en 2017.

 

REGATA OPEN DE INVERNO-RCN DE VIGO

BALEA DOUS, CAMPIÓN DA REGATA OPEN DE INVERNO DE CRUCEIROS.
Rematada a primeira regata do ano, o «Balea Dous» faise co Trofeo Repsol da clase Cruceiro, na Regata Open de Inverno organizada polo RCN de Vigo.

A regata estaba organizada para facer catro probas, entre o 20 de xaneiro e o 3 de marzo, das que só contabilizaron dúas por circunstancias meteorolóxicas propias do inverno. A primeira proba non a rematou ningún barco por falta de vento e a última tivo que ser suspendida por alerta laranxa decretada na zona costeira.

Os resultados das dúas probas finalizadas deron lugar a un axustado empate na primeira praza da clase Cruceiro, entre o «Deep Blue» e o «Balea Dous» decantando o triunfo a favor do último por ter mellor resultado na última proba. O terceiro posto foi para o «Atria».

REGATA OPEN DE OUTONO. RCN DE VIGO.

«Balea Dous y Qtalento Consultores mantuvieron su liderato en triunfo final en ORC 3 y  Solitarios y a Dos»

Albarellos y Balea Dous disputando la empopada

Vigo, 9 de diciembre de 2017.- “Balea Dous” (Luis M. Pérez, RCN Rodeira) en ORC 3 y “Qtalento Consultores” (Javier Rey y Jorge Justo, MRCY Baiona) en Solitarios y a Dos se sumaron ayer a “Aceites Abril” (hermanos Pérez Canal, RCN Vigo) en ORC 1 y “Fend-la-bise” (Jean Claude Sarrade, MRCY Baiona) en ORC 2 como vencedores del Open de Otoño de vela de crucero, después de cuatro regatas en las que fueron superiores a sus rivales.

Trabajando la empopada con tiempo de invierno

Mientras, la batalla entre “Balea Dous” y “El Juliana” (Vicente Cid, RCN Vigo) en ORC 3 y el “Qtalento Consultores” y el “Fetch” (Jorge Lago y Jorge Mosquera, Liceo de Bouzas) en Solitarios y a Dos fue favorable a quienes comenzaban la jornada como líderes provisionales. Tenían ventaja y supieron manejarla con habilidad. Luis Pérez fue superior en real (1:53.55) y en compensado, pues Cid, tercero en tiempo real, perdió algo más de 9 minutos en los tiempos corregidos para acabar segundo del día. Necesitaba ganar y meter un barco entre ambos, pero no fue posible.

Entrega de premios: 1º clase ORC-3

Entrega de premios: 1º clase ORC-3

XIII Trofeo Vila de Bouzas

Participaron uns 35 barcos, divididos en varias clases: Solitarios, A dous, Cruceiros-A, Cruceiros-B e Sub-23.

Os cruceiros con tripulación eramos uns 16, polo que fixeron dous grupos por GPH. Tocounos no grupo B, sendo o segundo barco «máis pequeno». Ou sexa que competimos contra barcos de clase 2 e 3 de moita calidade como o Sun Legend 41, Menudeta, o D34,  «La Burla Negra», o X332, Unus, un J80, e o caso insólito, un J70, o Marnatura, competindo como cruceiro ORC. Isto non gustou entre os cruceiros pois é un barco que non cumpre o Regulamento Técnico de Cruceiros nin, que conste, está entre os barcos autorizados a exhibir publicidade no nome e no casco. Xa rozando o ridículo, a burda chapuza montada con ventosas de ducha para simular un púlpito de proa e un pasamanos que en ningún caso sería legal pois nin é de aceiro, nin é contínuo ao longo do costado, nin ten a altura mínima esixida. Pois nada, competiron, gañaron a clase, levaron o trofeo, saiu a marca comercial nos titulares,… Por vergoña allea non vou dicir o nome que ten isto.

Con estes rivais, o sábado fixemos unha regata discreta, quedando no posto que nos correspondía. Complicáronnos o tramo de desmarque entre varios barcos grandes e quedamos algo descolgados. Ao ser tanta a diferenza entre barcos, fóronsenos pronto e tratamos de buscar sorte fóra do seu ronsel pero non saíu a rolada que nos podería beneficiar.

O domingo foi outra historia. Boa saída e boa elección de rumbo co que a 3 millas da saída con 10 nd de vento, xa tiñamos a todo o noso grupo por detrás. Nun cambio de vento á altura de Salaiño, rolada a dereita e aumento a 14 nd, pasáronnos o SL41 e o D34, pero seguimos no seu ronsel e sen que se largasen moito. Través con spi, que tivemos que arriar ao sur de Cíes por refachos que chegaban aos 20 nd.  e subida ata Bouzas con bo vento ao descuartelar. Faltando pouco para meta, pasounos o J70 e practicamente na linea, o X332. Total: Primeiros. No global do trofeo, quedamos 3º o que nos soubo a vitoria, dado o grupo que tiñamos.

32º Trofeo Príncipe de Asturias

Este ano tocou facer o programa de regatas do Monte Real Club de Iates de Baiona, que remataba co clásico Principe de Asturias.

Estabamos todos os importantes e xa falabamos entre nós que podería ser un auténtico campionato galego de ORC 4, pero fallou o fundamental: o vento. Foron dous días de vento moi escaso, rolón e inestable. Déronnos a saída da primeira proba con 4 nós de vento e o NW previsto nunca entrou. Pola contra entrou un SW frouxiño que non se chegou a establecer na ría co que nunhas zonas si e noutras non. Estabamos á par do Margem cando entrou o SW, trasluchamos para ir ao centro da ría esperando que afrescara pero pasou o contrario co que perdemos contacto coa cabeza. Entramos cuartos en real pero cun grupo de pequenos detrás que nos gañaron.

Na segunda proba só houbo unha cinguida de media milla, á boia de desmarque. Ese tramo fixémolo ben, deixando por detrás a todos menos «Ai Carmela». No tramo de Subrido a Salgueirón puxémonos primeiros en real pero acurtáronnos a regata a metade de percorrido. De haber algo de vento, se a regata continuase, poderiamos gañar máis distancia coa frota, pois sería todo cinguida. Ou non. Co segundo posto desta regata algo arranxamos a mala regata do día anterior, quedando cuartos na xeral, por detrás de Con Caalma, Ay Carmela e Deep Blue, pero deixando por detrás un importante grupo de competidores de moito nivel como o Margem, Chispa, Travesío, Aeris, Santiago Roma, Carpancho,…

Gran regata con moi boa organización e moito ambiente.

Balea Dous gaña a 54ª Rías Baixas

Comentarios de prensa:

12/08/2017: En ORC 4 tan só catro barcos finalizaban a etapa con vitoria para o cangués “Balea Dous” de Luís Pérez, quen investía un pouco máis de seis horas en completar a etapa por diante do “Carpancho V” do Náutico da Coruña, e o “El Juliana By Deep Blue” de Vicente Cid.

13/08/2017: “Balea Dous”, en ORC 4, único barco que repite liderado. Rifada etapa nesta clase do ORC 4, onde o primeiro en chegar á Pobra era o “Balea Dous” de Luís Pérez con algo máis de dous minutos sobre o “Santiago Roma Rías Baixas” que tras as compensacións era gañador desta segunda etapa por diante do barco do Náutico Rodeira. Terceiro en cruzar a liña de chegada era o “Carpancho V” pero como lle sucedía ao “Balea Dous” as compensacións deixábano como cuarto sendo terceiro finalmente “El Juliana By Deep Blue” do Náutico de Vigo.

14/08/2017: Non cede ante os seus rivais o cangués “Balea Dous” que levaba o triunfo en Sanxenxo nesta clase do ORC 4 e mantense como líder tras tres regatas. Segundo en entrar na chegada era o “Albarellos” de Fernando Rei, por diante do asturiano “Silfo” do R.C. Astur de Regatas. Tras esta terceira proba o “Balea Dous” aumenta a súa vantaxe sobre o “Santiago Roma Rías Baixas” ao que agora ten a seis puntos e oito sobre o vigués “El Juliana By Deep Blue”.15/08/2017: Entre os ORC 4 o dominio do “Balea” de Luís Pérez foi abafador con tres primeiros e un segundo. Os do Náutico Rodeira volvían cruzar  primeiros na liña de chegada por diante do “Albarellos” quen finalizaba como terceiro a etapa e do “Carpancho V” do Náutico da Coruña. “Balea Dous” gañaba a etapa, segunda consecutiva, e mostrábase como o máis sólido de todos os campións desta edición.

No podio final da clase acompañaban ao “Balea Dous”, o “Santiago Roma Rías Baixas” de Iñaki Carbajo e Vicente Cid co seu “El Juliana By Deep Blue”.

Resumo en fotos:

https://goo.gl/photos/DW141J8dGzvd1yvk7

Clasificación final:

Balea Dous gaña o 42º Conde de Gondomar

Baiona, 22 de xullo de 2017.- Empezou con bo vento e unha gran expectación sobre a auga a cuadraxésimo segunda edición do Trofeo Conde de Gondomar, que se celebra ata o vindeiro martes nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Iates e co patrocinio de Banco Sabadell. Para a clase Coca Cola ORC 4, o comité de regata estableceu un trazado de algo máis de 29 millas de ida e volta ata o faro de Camouco, nas proximidades de illa de Ons. A frota saíu da baía de Baiona por Carallóns bastante áxil, impulsada por un vento do noroeste de entre 7 e 8 nós, pero xusto despois de tomar esa primeira baliza, unha encalmada estancou aos barcos durante case tres cuartos de hora. Finalmente entrou unha brisa polas Cíes e as tripulacións retomaron o ritmo de navegación.

Na clase Coca Cola ORC 4, as seis horas e vinte minutos que empregou o Balea Dous en completar a proba colócano, a día de hoxe, como favorito para subirse todo o máis alto do podio do Trofeo Conde de Gondomar. Ao barco do Real Club Náutico de Rodeira, patroneado por Luís María Pérez, séguenlle na clasificación dúas embarcacións do Monte Real, o Abal Avogados-Lagar de Pintos-Fanautic, de Mariano Dios; e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

Baiona, 24 de xullo de 2017.- A frota do Trofeo Conde de Gondomar deu este luns un gran espectáculo nas Rías Baixas na segunda e penúltima xornada de probas da competición organizada polo Monte Real Club de Iates co patrocinio de Banco Sabadell. Para os barcos máis pequenos, o comité de regata deseñou un percorrido de algo máis de 25 millas, saíndo de Baiona, percorrendo a ría de Vigo, virando a baliza do Lousal e finalizando fronte á illa sur de Cíes.

Na clase Coca Cola ORC 4, o Balea Dous, capitaneado por Luís María Pérez, segue sendo o protagonista indiscutible, con dúas vitorias nas dúas probas disputadas ata o momento. Non houbo cambios tampouco na segunda e terceira posición, que manteñen desde o primeiro día o Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

Baiona, 25 de xullo de 2017.- Na clase Coca Cola ORC 4, tras as dúas últimas probas, dous bastóns montados no fondeadeiro de Cíes, o podio quedou conformado da seguinte maneira: a todo o máis alto elevouse o Balea Dous do Real Club Náutico de Rodeira. Con Luís María Pérez aos mandos, a tripulación asinou os mellores resultados da súa categoría, con tres primeiros postos nas catro probas disputadas. Os seguintes chanzos de gañadores cubríronos dous barcos do Monte Real, o Margem do Azul III de Santiago Gómez e Frederico Lopes; e o Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios.