Balea Dous, segundo na 19ª Regata de Cruceiros de Aguete.

Celebrouse a pasada fin de semana, a clásica regata de cruceiros na ría de Pontevedra, cunha participación de 32 barcos entre as diferentes categorías, e dun nivel moi aceptable.

O Balea Dous, na clase Cruceiro, competiu contra outros dez barcos entre os que se atopaban o Arroas, Chispa Nejra, Deep Blue, Grifo, Margem do Azul, Pitoucho, entre outros, o que facía unha clase moi competida e con posibilidades para todos en función da méteo que se presentara.

A primeira manga, una costeira ata Camouco con volta por Mourisca, desenvolveuse cun vento de W-SW, duns 14 nós, dando lugar a unha regata rápida sen máis de 3 millas de cinguida das 18 que compoñía o total, polo que houbo poucas alternativas tácticas. O Balea por mor duns arranxos de última hora non fixo unha boa saída, polo que tivo que remontar na primeira cinguida ata Morrazán, ao paso da cal, xa era segundo da súa clase. Non houbo moita máis historia e rematou cun terceiro posto en compensado, por segundos de diferenza cos primeiros.

O segundo día, celebráronse dous barlo-sota, con menos vento e máis rolón. O Balea, nestas condicións amosou boa velocidade e mantívose navegando á cabeza da súa clase e entre os cruceiro-regata, conseguindo a victoria no primeiro bastón. Ao remate da segunda proba, o Balea era primeiro da clase, na xeral.

A terceira proba, comezou cunha baixada significativa do vento, que escaseaba por algunhas zonas do campo de regata. Ao paso pola boia de sotavento, tras recuperar a posición na empopada, o Balea viraba primeiro da clase, cando o Raygrass, barco da clase superior, tratando de meterse por dentro do Balea, sen ter preferencia para facelo por non estar en compromiso antes das dúas esloras, provocou unha colisión e o correspondente barullo en plena manobra de cambio de velas e cando se anunciaba un cambio de percorrido. A ocasión foi ben aproveitada polo segundo da clase que vindo de atrás collía vento limpo e pasaba a ocupar a cabeza e lograba gañar a proba.

RESULTADO FINAL DA CLASE CRUCEIRO:

1º .- Arroas.             2º .- Balea Dous.                3º .- Grifo.

A regata foi puntuable para a Copa de España de Cruceiros quedando así a clasificación:

Balea Dous gaña a XII Regata das Illas

Celebrouse un ano máis unha nova edición da clásica regata de cruceiros que organiza o Náutico Rodeira de Cangas, cunha participación algo inferior á de anos anteriores. A ponte de fin de semana, ou o desprazamento doutra regata das rías baixas a esta data, tradicionalmente ocupada por esta regata, puideron influír na participación, aínda que vén sendo tónica xeneralizada nas regatas que se realizan nos últimos meses. O que é seguro que non influíu, foi a meteoroloxía, cun excelente día de verán, con sol, calor e sobre todo, un vento óptimo para a práctica da navegación e o goce da competición.

O vento mantívose constante toda a tarde, con leves roles e aumentando de intensidade na zona exterior da ría, onde os anemómetros chegaron a rexistrar máis de 25 nós, facendo que o primeiro en completar o percorrido fixéseo en pouco máis de dúas horas cunha velocidade media de 7,5 nós.

Deuse a saída ás 15:30 h., con vento Norte fresquiño de máis de 15 nós, para facer un percorrido que levaba a virar Bondaña, Subrido, de novo Bondaña e chegada. Unhas 15 millas, 10 millas para os menores de 23 pés, que non repetían o paso por Bondaña.

Tras o paso de boia de desmarque tomou a dianteira o Balea Dous que en rápida empopada con spí plantouse primeiro en boia de Bondaña, fronte a Toralla. De aí a Subrido un bordo de cinguida con vento en ascenso e pouca onda. O Gran Fisgón facendo valer a súa gran eslora tomou a dianteira e virou Subrido en primeiro lugar, seguido de Balea Dous e Unus, posicións que xa non cambiarían até cruzar liña de meta. O Balea Dous, barco do Náutico Rodeira, alzouse coa vitoria absoluta en tempo compensado.

Entre os menores de 23 pés, o Mariavera e o Coveliño, ambos os do RCN Rodeira, tiveron que empregarse a fondo cun vento por momentos excesivo para o seu tamaño, completando o seu percorrido nunhas dúas horas e media, con vitoria clara para o segundo.

Finalizada a regata as tripulacións compartiron animadamente as experiencias da xornada ante un buffet frío ofrecido polo club organizador no seu local social e procedeuse á entrega de premios, consistentes en reproducións da escultura A Buguina, realizadas nos talleres da Asociación Xoán XXIII de Cangas.

Clasificacións:

ORC 1
1º.- UNUS. M.R.C.Y. de Baiona
2º.- GRAN FISGÓN. R.C.N. de Palma
3º.- ATRIA. R.C.N. de Vigo
ORC 2
1º.- BALEA DOUS. R.C.N. Rodeira
2º.- NAVIDAD. R.C.N. Rodeira
3º.- DROOPY UNO. L.M. de Bouzas
MINI 23
1º.- COVELIÑO. R.C.N. Rodeira
2º.- MARIAVERA. R.C.N. Rodeira

XXIV REGATA GUARDIAMARINA (21-22/05/2016)

BALEA DOUS, terceiro na clase Regata-Cruceiro

Celebrouse a pasada fin de semana a edición XXIV da clásica Guardiamarina, regata que organizan conxuntamente o RCN de Vigo e a ENM de Marín para barcos de clase Cruceiro, cos percorridos habituais dos últimos anos: Marín-Vigo e Vigo-Marín.

A etapa do sábado comezou na hora programada, 12:30, cun lixeiro vento de N que se sabía duraría pouco pois estaba prevista a entrada de SW forte, pola tarde. A saída da ría de Pontevedra foi lenta ata pasado Morrazán onde comezou a entrar o vento S, aínda pouco estable en intensidade e dirección. Xa na Costa da Vela entablouse un SW forte que chegou aos 25-30 nós, co que a flota entrou na ría de Vigo subindo spís e acadando altas velocidades sobre as olas. O Balea Dous, dos medianos da flota, rexistrou dentro da ría o refacho máximo de 29,9 nós, facendo o tramo de Subrido a Vigo en menos de 50 minutos, a unha velocidade media de 8,5 nós. O barco máis rápido da clase Regata foi o Sirius V, que completou o percorrido entre Marín e Vigo en 3 h 2 m.

O domingo, deuse saída de Vigo ás 12 h., cun vento NW de 10-12 nós, e previsión de afrescar ao longo do día. A saída da ría de Vigo foi traballosa pola inestabilidade do vento, con moitos roles, ata que pasado Cabo Home entablouse o NW agardado, que pasado cabo Udra, levou aos barcos en popa ata Marín, con boa velocidade, pero sen chegar ás rexistradas no día anterior. Non obstante, o vento máis constante dende a saída, fixo que se completara o percorrido en menos tempo que o día anterior. O Sirius V, completouno en 2h 40 m.

Tras as dúas mangas, destacamos o bo resultado do Balea Dous, con grímpola e tripulación do Náutico Rodeira, que desprazado a unha categoría superior á que lle corresponde, acadou un meritorio posto no podio en dura competencia con barcos superiores.

Os resultados finais quedaron así:

CLASE REGATA.-
1.- PAIRO 8. RCN de Vigo.
2.- DON PEDRO. RCN de Vigo.
3.- SIRIUS V. CNR de Cádiz.
CLASE REGATA-CRUCERO.-
1.- ORAL GROUP. CN de Portosín.
2.- OZOAQUA. LM de Bouzas.
3.- BALEA DOUS. RCN Rodeira de Cangas
CLASE CRUCERO.-
1.- FETCH. LM de Bouzas.
2.- FIRME. ENM de Marín.
3.- DILIGENTE. ENM de Marín.

BALEA DOUS vencedor na 51ª Regata Rías Baixas-2014

O barco de Cangas gañou con autoridade a clase ORC4 tras dúas vitorias parciais e un claro dominio sobre os seus rivais.

O Balea Dous, finalizou a recente edición da 51 Regata Rías Baixas como brillante vencedor da clase ORC4, vencendo por cinco puntos de diferenza ao Arroas da E.V. Mar de Arousa, vencedor de tres edicións anteriores, e á Chispa Nejra, do C.N. de Beluso, tamén vencedor dunha anterior edición.

A regata que organiza o R.C.N. de Vigo, disputouse en catro etapas con finais en Sanxenxo, Pobra do Caramiñal, Combarro e Vigo, e cunha participación duns 70 barcos distribuídos en cinco clases. A clase ORC4, con 20 barcos inscritos, só tivo un líder desde o primeiro até o último día, o Balea Dous, patroneado por Luís Pérez e contando cos tripulantes, Suso Martínez, Humberto Ferral, Adrián Neira, Abel Pereira e Manuel Cordeiro, todos membros do Real Club Náutico Rodeira.


I Regata Concello de Poio – Solitarios e A Dous.

O día 17 de abril de 2011 o Club Náutico de Combarro organizou a súa primeira proba oficial. A I Regata Concello de Poio, puntuable para o circuíto galego de solitarios e a dous, tivo unha participación de 30 embarcacións entre as dúas categorías.
O Balea Dous participou tripulado por Suso Martínez Barreiro e Luis Pérez González.

Na seguinte imaxe, o percorrido realizado polo Balea Dous, recollido por telemetría.

Na saída, despois dun pequeno tramo de desmarque, comezamos cunha empopada con ventro frouxo, e o Balea xa foi ocupando as prazas de cabeza xunto cos grandes da proba.

A dúas millas da saída, encabezando a flota.

Chegando á boia de Morrazán, só temos por diante ao Melges 32.

A posición do Balea Dous con respecto ao resto da flota era moi destacada.

Despois de virar Morrazán, con rumbo a Picamillo e por diante, só o Melges 32.

En Montalvo caeu o vento e o resto da flota comezou a achegarse. Reagrupamento ata Cabicastro onde salta unha brisa fresca de Oeste que xa nos leva rápido ata o Camouco.
Viramos Camouco entre os cinco primeiros e poñemos rumbo a Mourisca.
Pasada a metade do tramo, vemos parar aos grandes de diante, xa non da tempo a manobrar, caemos no pozo.
Os de atrás cerran rumbo e van pasando todos, cuarto de milla máis afora.
Cando entrou o vento saímos do pozo e despois de virar Mourisca dirixímonos a Combarro nunha rápida empopada na que fixemos puntas de máis de oito nós.
Non acadamos un bo resultado pero si a satisfación dunha boa navegación nun excelente día de primavera e da tripulación a dous realizada con eficacia.
Felicitamos ao Enxuto, incuestionable vencedor e ao resto dos gañadores.
Tamén temos que facer unha mención especial á organización do Club Náutico de Combarro con Sandra Azón á cabeza, que puxeron o mellor deles para que non fallara nada nin na terra nin no mar.
Noraboa e contade con nós para a próxima.

Semana do Atlántico 2010 – Regata A Dous.

Os días 16 e 17 de outubro de 2010 o Balea Dous participou na regata A Dous da Semana do Atlántico que organiza cada ano o RCN de Vigo.
Con Jesús Martínez Barreiro e Luís Pérez como tripulantes, o Balea Dous conseguiu na primeira proba unha traballada victoria absoluta.
Na segunda proba, disputada nunhas condicións de vento escaso, os pequenos Yatlant fixeron valer o seu potencial nestas circunstancias, conseguindo as dúas primeiras prazas da clasificación xeral.
Con todo, o Balea conseguiu rematar a proba en tempo, e facer un moi bo resultado final: terceiro.