Balea Dous, segundo na 19ª Regata de Cruceiros de Aguete.

Celebrouse a pasada fin de semana, a clásica regata de cruceiros na ría de Pontevedra, cunha participación de 32 barcos entre as diferentes categorías, e dun nivel moi aceptable.

O Balea Dous, na clase Cruceiro, competiu contra outros dez barcos entre os que se atopaban o Arroas, Chispa Nejra, Deep Blue, Grifo, Margem do Azul, Pitoucho, entre outros, o que facía unha clase moi competida e con posibilidades para todos en función da méteo que se presentara.

A primeira manga, una costeira ata Camouco con volta por Mourisca, desenvolveuse cun vento de W-SW, duns 14 nós, dando lugar a unha regata rápida sen máis de 3 millas de cinguida das 18 que compoñía o total, polo que houbo poucas alternativas tácticas. O Balea por mor duns arranxos de última hora non fixo unha boa saída, polo que tivo que remontar na primeira cinguida ata Morrazán, ao paso da cal, xa era segundo da súa clase. Non houbo moita máis historia e rematou cun terceiro posto en compensado, por segundos de diferenza cos primeiros.

O segundo día, celebráronse dous barlo-sota, con menos vento e máis rolón. O Balea, nestas condicións amosou boa velocidade e mantívose navegando á cabeza da súa clase e entre os cruceiro-regata, conseguindo a victoria no primeiro bastón. Ao remate da segunda proba, o Balea era primeiro da clase, na xeral.

A terceira proba, comezou cunha baixada significativa do vento, que escaseaba por algunhas zonas do campo de regata. Ao paso pola boia de sotavento, tras recuperar a posición na empopada, o Balea viraba primeiro da clase, cando o Raygrass, barco da clase superior, tratando de meterse por dentro do Balea, sen ter preferencia para facelo por non estar en compromiso antes das dúas esloras, provocou unha colisión e o correspondente barullo en plena manobra de cambio de velas e cando se anunciaba un cambio de percorrido. A ocasión foi ben aproveitada polo segundo da clase que vindo de atrás collía vento limpo e pasaba a ocupar a cabeza e lograba gañar a proba.

RESULTADO FINAL DA CLASE CRUCEIRO:

1º .- Arroas.             2º .- Balea Dous.                3º .- Grifo.

A regata foi puntuable para a Copa de España de Cruceiros quedando así a clasificación:

Os comentarios están pechados.