XXIV REGATA GUARDIAMARINA (21-22/05/2016)

BALEA DOUS, terceiro na clase Regata-Cruceiro

Celebrouse a pasada fin de semana a edición XXIV da clásica Guardiamarina, regata que organizan conxuntamente o RCN de Vigo e a ENM de Marín para barcos de clase Cruceiro, cos percorridos habituais dos últimos anos: Marín-Vigo e Vigo-Marín.

A etapa do sábado comezou na hora programada, 12:30, cun lixeiro vento de N que se sabía duraría pouco pois estaba prevista a entrada de SW forte, pola tarde. A saída da ría de Pontevedra foi lenta ata pasado Morrazán onde comezou a entrar o vento S, aínda pouco estable en intensidade e dirección. Xa na Costa da Vela entablouse un SW forte que chegou aos 25-30 nós, co que a flota entrou na ría de Vigo subindo spís e acadando altas velocidades sobre as olas. O Balea Dous, dos medianos da flota, rexistrou dentro da ría o refacho máximo de 29,9 nós, facendo o tramo de Subrido a Vigo en menos de 50 minutos, a unha velocidade media de 8,5 nós. O barco máis rápido da clase Regata foi o Sirius V, que completou o percorrido entre Marín e Vigo en 3 h 2 m.

O domingo, deuse saída de Vigo ás 12 h., cun vento NW de 10-12 nós, e previsión de afrescar ao longo do día. A saída da ría de Vigo foi traballosa pola inestabilidade do vento, con moitos roles, ata que pasado Cabo Home entablouse o NW agardado, que pasado cabo Udra, levou aos barcos en popa ata Marín, con boa velocidade, pero sen chegar ás rexistradas no día anterior. Non obstante, o vento máis constante dende a saída, fixo que se completara o percorrido en menos tempo que o día anterior. O Sirius V, completouno en 2h 40 m.

Tras as dúas mangas, destacamos o bo resultado do Balea Dous, con grímpola e tripulación do Náutico Rodeira, que desprazado a unha categoría superior á que lle corresponde, acadou un meritorio posto no podio en dura competencia con barcos superiores.

Os resultados finais quedaron así:

CLASE REGATA.-
1.- PAIRO 8. RCN de Vigo.
2.- DON PEDRO. RCN de Vigo.
3.- SIRIUS V. CNR de Cádiz.
CLASE REGATA-CRUCERO.-
1.- ORAL GROUP. CN de Portosín.
2.- OZOAQUA. LM de Bouzas.
3.- BALEA DOUS. RCN Rodeira de Cangas
CLASE CRUCERO.-
1.- FETCH. LM de Bouzas.
2.- FIRME. ENM de Marín.
3.- DILIGENTE. ENM de Marín.

Os comentarios están pechados.