Balea Dous gaña o 42º Conde de Gondomar

Baiona, 22 de xullo de 2017.- Empezou con bo vento e unha gran expectación sobre a auga a cuadraxésimo segunda edición do Trofeo Conde de Gondomar, que se celebra ata o vindeiro martes nas Rías Baixas baixo a organización do Monte Real Club de Iates e co patrocinio de Banco Sabadell. Para a clase Coca Cola ORC 4, o comité de regata estableceu un trazado de algo máis de 29 millas de ida e volta ata o faro de Camouco, nas proximidades de illa de Ons. A frota saíu da baía de Baiona por Carallóns bastante áxil, impulsada por un vento do noroeste de entre 7 e 8 nós, pero xusto despois de tomar esa primeira baliza, unha encalmada estancou aos barcos durante case tres cuartos de hora. Finalmente entrou unha brisa polas Cíes e as tripulacións retomaron o ritmo de navegación.

Na clase Coca Cola ORC 4, as seis horas e vinte minutos que empregou o Balea Dous en completar a proba colócano, a día de hoxe, como favorito para subirse todo o máis alto do podio do Trofeo Conde de Gondomar. Ao barco do Real Club Náutico de Rodeira, patroneado por Luís María Pérez, séguenlle na clasificación dúas embarcacións do Monte Real, o Abal Avogados-Lagar de Pintos-Fanautic, de Mariano Dios; e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

Baiona, 24 de xullo de 2017.- A frota do Trofeo Conde de Gondomar deu este luns un gran espectáculo nas Rías Baixas na segunda e penúltima xornada de probas da competición organizada polo Monte Real Club de Iates co patrocinio de Banco Sabadell. Para os barcos máis pequenos, o comité de regata deseñou un percorrido de algo máis de 25 millas, saíndo de Baiona, percorrendo a ría de Vigo, virando a baliza do Lousal e finalizando fronte á illa sur de Cíes.

Na clase Coca Cola ORC 4, o Balea Dous, capitaneado por Luís María Pérez, segue sendo o protagonista indiscutible, con dúas vitorias nas dúas probas disputadas ata o momento. Non houbo cambios tampouco na segunda e terceira posición, que manteñen desde o primeiro día o Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios e o Margem do Azul III de Santiago Gómez.

Baiona, 25 de xullo de 2017.- Na clase Coca Cola ORC 4, tras as dúas últimas probas, dous bastóns montados no fondeadeiro de Cíes, o podio quedou conformado da seguinte maneira: a todo o máis alto elevouse o Balea Dous do Real Club Náutico de Rodeira. Con Luís María Pérez aos mandos, a tripulación asinou os mellores resultados da súa categoría, con tres primeiros postos nas catro probas disputadas. Os seguintes chanzos de gañadores cubríronos dous barcos do Monte Real, o Margem do Azul III de Santiago Gómez e Frederico Lopes; e o Abal Avogados/Lagar de Pintos/Fanautic de Mariano Dios.