2.554 Km, nova marca en recepción AIS de Borneira.

Bótanse de menos neste período xa case invernal as aperturas de propagación que eran tan habituais no verán.
Parece incrible as distancias a onde poden chegar as pouco potentes emisións de datos AIS, que utilizan a banda marina de VHF, cando as condicións troposféricas son favorables.
O sinal máis lonxano recibido pola Estación Borneira, situada en Cangas, chegou dende a distancia de 2554 Km, ou sexa, bastante máis ao sur das Illas Canarias.
Se no mes de Marzo parecíanos extraordinario recibir sinais dende Madeira, agora agardamos as próximas aperturas de propagación para chegar a recibir sinais de Cabo Verde.
Será o próximo obxectivo.

 www.localizatodo.com

Balea Dous, probador oficial de GPS Race Driver.

O Balea Dous entrou a formar parte dos probadores oficiais do GPS Race Driver, un novo sofware táctico para regatas de uso en PDA, e está deseñado para axudar a mellorar as decisións tácticas e o rendemento en regata.

Este programa permite definir un percorrido, optimizar un procedemento de saída, coñecer o bordo bo e o lado favorecido da saída, obter datos de VMG durante a regata, roles, rumbos, velocidade, estatísticas, tempo e distancia para chegar ao layline,…

Máis información en GPS Race Driver

 

XI Trofeo Porto de Vigo

Sábado, 14 de Novembro de 2009.-

Celébrase a primeira proba da tradicional serie de Outono que este ano está patrocinada polo Porto de Vigo, e pódese facer porque coincide xustamente na tarde do sábado, unha ventá meteorolóxica de relativa tranquilidade entre dúas frontes moi activas que nos deixan os primeiros temporais do outono, con fortes ventos e abundantes precipitacións. Así pois, atopámonos cunha tarde de condicións excelentes para a vela, con vento de SW que oscila entre os 15 e os 20 nós con algunha racha de algo máis, e unha boa marexada que deixou na ría o temporal de vento das últimas horas.

Con estas condicións, o Comité de Regata do R. C. Náutico de Vigo dispón que se faga o percorrido nº 1 previsto nas Instrucións de Regata: saída situada entre Trasatlánticos e O Con, baliza de desmarque nas proximidades do porto de Bouzas (Br), Lousal (Er), Bouzas (Er), Salgueirón (Br) e chegada en Bouzas.

Na ceñida de desmarque cóllennos a dianteira o Arroutado, Palanquín e Reira, e tras virar a boia a flota lánzase en popa cara o Lousal, con spís arriba e facendo boas puntas de velocidade. Viramos Lousal por diante do Reira e na ceñida de volta, preséntanse en principio dúas alternativas. Facer o bordo por Moaña, elección de Palanquín, Reira e Menudeta, entre outros, ou tirar cara o sur pola zona da Guía, opción que segue Arroutado e Balea detrás. Resultou ser esta a boa opción pois no primeiro cruce xa cruzamos por diante de Palanquín, Menudeta e Reira.

Tras dura ceñida ata Bouzas sen variacións entre os da clase, un descuartelar a Salgueirón e outro máis aberto de volta a Bouzas, remata a regata sen lugar a máis alternativas.

Entra diante o Arroutado que fai primeiro na clase e na xeral, detrás o Balea que non consegue suficiente vantaxe sobre Palanquín para evitar que este faga o segundo posto da clase.