«Balea Dous» gaña a Interclubs da Ría de Vigo por terceiro ano consecutivo

Vigo, 23 de xuño de 2019.- Os líderes provisionais da III Regata Interclubs Ría de Vigo certificaron na terceira e última proba este sábado o seu triunfo final. O evento, que organizaron conxuntamente Real Club Náutico de Vigo, Monte Real Club de Iates de Baiona e Real Club Náutico Rodeira co patrocinio de Mitsubishi Motors e Conservas Orbe, pechouse con vitoria parcial de “Starfighter” (Xulio Rodríguez, RCN Vigo) no grupo 1, “Fend-la-Bise” (Jean Claude Sarrade, MRCY Baiona) no 2, e o “Balea Dous” (Luís María Pérez, RCN Rodeira) no grupo 3, que os consolidou tamén como gañadores da xeral.

Un percorrido costeiro de 8,5 millas, desde o Peirao de Transatlánticos até a baliza de Bondaña, en Toralla, gozou de bos ventos do suroeste, con 12 nós, e só unha encalmada á altura de Cangas para o “Starfighter” provocou que a súa vitoria en tempo real (1h.28.32) fose apretada ante o “Fend-la-Bise” (1h.31.30) e o “Deep Blue 2.0” de Vicente Cid e grímpola do náutico vigués (1h.33.24).

Despois de tres xornadas disputadas por unha frota de 18 unidades, o, “Starfighter” releva ao “Aceites Abril” como campión do grupo 1 e o “Balea Dous” reedita título de anteriores edicións con pleno (1-1-1). No grupo 2, Sarrade (1-3-1) levou o triunfo co seu ILC 30, mentres que “A Burla Negra” (Juan J. Martínez, CN Castrelo de Miño), que ía líder, non disputou esta proba, perdendo toda opción.

A entrega de premios, no Náutico, pechou a competición.