Portada

PREMIO OSÍXENO 2002

Contacta con nós

Quen somos

Onde estamos

CARACTERÍSTICAS DA VÍA DE ALTA CAPACIDADE DO MORRAZO

     

A seguinte descrición corresponde ó último proxecto presentado no verán do 2000:   
  • Lonxitude total, Ponte de Rande-Gandón (Aldán) = 18,3 Km

    • 15,650 Km de Corredor (Calzadas separadas)

    • 2,709 Km de Vía Rápida (Unha única calzada)

  • Anchura total da capa asfáltica:

    •  24 m en Corredor

    • 12 m en Vía Rápida e ramais de enlace

  • Proxectada para unha velocidade de: 80 Km/h

  • Vía pechada con control total de accesos. As conexións coa rede de estradas da comarca queda reducida aos accesos das cabeceiras, Ponte de Rande e Gandón, e ós intermedios de: Pombal, Broullón, Outeiro do Cruceiro e A Portela.

Resólvense parte dos cruces cos viais existentes por medio de pasos superiores e inferiores:   

  • 14 pasos superiores, entre 20 e 40 m de lonxitude.

  • 7 pasos inferiores, entre 15 e 35 m de lonxitude.

  • Máis de 20 camiños quedan cortados pola obra.

As irregularidades do terreo resólvense con viaductos, desmontes e terrapléns:   

  • 1 viaducto de 240 m sobre o río da Fraga

  • 3.942.179 metros cúbicos de terrapléns. (Recheos)

  • 4.374.576 metros cúbicos de desmontes. (Excavacións)

  • Superficie que ocupa: 1.242.000 m2

  • A construcción da vía afectará a un número indeterminado de edificacións. (Non especifican) Recoñecen a expropiación de 1.040 m2 de edificacións, segundo cálculos feitos sobre unha cartografía obsoleta. Hai bastantes máis casas afectadas e incluso unha fábrica de conservas coa que non contaban.

  • Quedarán tamén afectadas, a disposición de futuras ampliacións da vía, tódalas propiedades que queden a menos de 50 m do borde, por cada lado da vía.

  • Afecta a un total de 20 xacimentos arqueolóxicos de grande relevancia e interese cultural. Nove deles, son gravados ou conxuntos rupestres catalogados e declarados Bens de Interes Cultural (B.I.C.)

  • Atravesa a Fraga de Coiro e toca o espacio Montes do Morrazo, declarados Espacios Naturais Protexidos. (Decreto 242/1989 da Xunta de Galicia)


IMPACTO DA VÍA RÁPIDA DO MORRAZO  

Resumido:  

  • Degradación de toda a franxa costeira.
  • Afección a ducias de camiños que quedarían cortados.
  • Excesiva ocupación de terreo forestal e agrícola.
  • Alteración grave do réxime de augas. 
  • Alteracións na paisaxe gravísimas e irreversibles,
  • Afección a espacios naturais do Morrazo.
  • Impacto sobre o Patrimonio Histórico.
  • Impacto sobre a poboación.
  • Custo económico.
   Detallado:  

Esta vía rápida sería o principal atentado ambiental dos últimos anos no Morrazo, tanto polas afeccións directas da vía como polas indirectas que conleva, e quizabes definitivo para varios espacios naturais xa bastante degradados.  

  • Esta vía rápida propiciaría a degradación de toda a franxa costeira, en especial as zonas de praias, que non en balde son o principal atractivo turístico do Morrazo. A zona de praias é limitada e a súa capacidade de acollida a persoas e vehículos tamén. Non cabe proxectar traer a milleiros de visitantes máis a pasar o día, sen antes estudiar esa capacidade e ordenar os recursos e os accesos a eles en función da súa conservación, pois doutro xeito estaríase a matar a galiña dos ovos de ouro.

  • É fácil decatarnos de que en zonas como a de Barra non collen xa os coches que hai no veran. En poucos anos o máis importante ecosistema dunar da provincia pódese convertir nun aparcamento. (Esto xa está a pasar hoxe) 
     
  • A vía rápida, por cortar ducias de camiños, incluída a Ecorruta do Morrazo, roteiro de longo percorrido homologado (G.R. 59), e polos danos ecolóxicos que conleva, viría a hipotecar o desenvolvemento dun plano turístico de futuro, baseado na promoción dos recursos naturais do Morrazo e no sendeirismo, ademáis de limitar moito o uso social do monte e os seus traballos tradicionais, producindo un maior desligamento entre natureza e sociedade.
  • Produciríase unha excesiva ocupación de terreo forestal e agrícola, aterrando vales como o de Anguieiro en Coiro. Estas zonas son ecosistemas antrópicos tradicionais do Morrazo fundamentais para soster as economías familiares, ademáis de numerosas formas de vida de especies vexetais e aínda animais.

A afección forestal é importante, levando grandes extensións de bosque repoboado con especies autóctonas, co esforzo de moitos anos de traballo dos comuneiros das parroquias do Morrazo, ademáis de áreas de lecer situadas en fermosos e tranquilos lugares, como a dos Lagos, en Carballal, Coiro.

  • As alteracións na paisaxe serían gravísimas e irreversibles, recoñecendo no propio proxecto o seu carácter crítico, e isto, a pesar de que en todo momento tratan nese estudio de quitar importancia aos valores estéticos e paisaxísticos do Morrazo. A obra movería da orde dos 267 metros cúbicos de terra por cada metro lineal, o que na práctica traduciríase en fortes desmontes e terrapléns que provocarían unha longa fenda a media ladeira dos nosos montes.

A continuación pode verse o corte que se daría ao monte do Castro Liboreiro en A Portela (Bueu). Unha zanxa de 110 m de ancho por 80 m de fondo, cinco metros por detrás das últimas casas de A Portela.

  • Con cortes coma este, especialmente afectado veríase o réxime hidrolóxico, tanto das augas superficiais como das freáticas, ao cortarse o seu fluxo natural. 

    Isto, por unha banda, faría baixar o nivel dos pozos, fontes e mananciais, podendo chegar a secalos no verán.   
    E por outra, ao encauzar todalas augas que corta, ademáis das que recolle a propia vía, e conducilas aos pequenos ríos existentes, aumentaría a posibilidade de provocar riadas e asolagamentos nas zonas baixas. (Ver en detalle)

  • Tres espacios naturais do Morrazo que a Xunta inventariou no seu día como espacios protexibles, xunto con outros 61 do resto da Galiza (Caurel, Ancares, Caaveiro,...), e que en teoría teñen xa unha protección, veríanse fortemente alterados pola vía rápida. Estamos a falar do dunar "Nerga-Barra", dos "Montes do Morrazo" e do "Carballal de Coiro", a maior carballeira costeira das Rías Baixas. E non queda aí a cousa. Tamén arrasa zonas como o Río da Fraga ou a Poza da Moura, uns dos principais referentes paisaxístico-culturais do Morrazo.

  • Impacto sobre o Patrimonio Histórico. Afecta a 20 xacimentos arqueolóxicos. Castros (Montealegre, As Cidades), petroglifos (Devesa de Abaixo, As Abelaires,...), xacimentos, muíños,  etc.

  • Impacto sobre a poboación. Destrucción de vivendas e anexos, ocupación de solo agrícola, desvalorización de terreos, dificultades de comunicación.

  • Custo económico. O feito de que esta obra custe máis de 10.000 millóns de pesetas, debera ser argumento suficiente para buscar outras solucións.

  •  


¿SABÍAS QUE ...

... a vía "rápida" do Morrazo está proxectada para unha velocidade de 80 kilómetros por hora?  

... a distancia entre Cangas e a Ponte de Rande pola vía rápida, serían 17 kilómetros, mentras que pola C-550 son 14 kilómetros?  

... os prezos establecidos para expropiacións son de 700 pesetas o metro cadrado de terreo agrícola, e de 400 pesetas para o forestal?  

... a superficie ocupada no Morrazo pola vía rápida, sería semellante á de 174 campos de fútbol reglamentarios?  

... con toda a terra (e pedra) que sacarían, se a botaran dentro do Estadio de Balaídos, acadaríase a altura dun edificio de 70 pisos?  

... os petroglifos de A Borna, As Abelaires,... que soportaron o paso de máis de 3.000 anos de historia, desaparecerían por imperativo do "progreso"?  

... con esta obra deixarían máis de vinte camiños cortados?  

... a causa da construcción de obras semellantes, as persoas dos lugares situados por debaixo (Teis, Beade, Bembrive, Carballo, ...) veñen sufrindo riadas e inundacións nunca antes ocurridas?  

... pretenden gastar máis de 10.000.000.000 (dez mil millóns de pesetas), nunha estrada de 24 metros de ancho, cando a maior parte das que temos que usar a diario, malamente pasan dos 4 metros? 

... a autoestrada que a Xunta construiu entre A Coruña e Carballo, costou un 50% máis do previsto ? ¿Canto acabaría costando esta?  

... hai solucións para mellorar o tráfico, que repercutirían nun mellor servicio para todos os habitantes da comarca? 
 


Fondo sonoro: Do repertorio do Choqueiro (Gaiteiro de Cangas).