Portada

PREMIO OSÍXENO 2002

Contacta con nós

Quen somos

Onde estamos

 

CAMIÑANDO POLO  MORRAZO:  “O CARBALLAL DE COIRO”

 

Bruxas  voando ao redor do campanario da igrexa de Coiro, aquelarres nos areais de Rodeira, Cangas invadida polos turcos, a batalla de Rande ... ¿Como empezar?... ¡Ah, xa está! Os achádegos do Paleolítico, Neolítico etc... expostos no museo de Pontevedra, as ducias de mámoas e petroglifos espallados por toda a comarca, ...... ou, mellor, comezar falando dos numerosos castros:  “Monte da Croa”, “Rigueiriño”, “Castro de Aldán” de “Cividá”, .....

Non. ¡Non pode ser!

Demasiadas ringleiras necesitariamos para contar o pouco que sabemos de todo iso. 

Centrémonos, pois, no tema que nos trae aquí: os espacios de interese natural e ecolóxico do Morrazo, sen esquecernos, por suposto, do noso rico patrimonio histórico e cultural, do que iremos dando as necesarias pinceladas segundo o roteiro proposto.

Dado que, por cuestion de espacio, enos imposible abordar tódolos lugares de interese natural da comarca nun só artigo, plantexámonos abordalos por etapas. Así, como o bo viño, irémolos paladeando detidamente, un por un, en posibles novas ocasións.

Os amantes da natureza disfrutamos de lugares como a enseada de San Simón e marismas de Vilaboa, cabo Udra, o espacio natural protexido de cabo Home, costa da Soavela e dunar de Nerga-Barra, ...

ESPACIOS DE INTERESE NO MORRAZO E SITUACIÓN DA ROTA

1.- Enseada de San Simón e marismas de Vilaboa.

2.- Cabo Udra.

3.- Costa de Soavela, cabo Home e dunar de Nerga-Barra.

4.- Carballal de Coiro.

Hoxe propoñemos unha rota que nos levará a percorrer os máis fermosos lugares do Carballal e Fraga de Coiro, un dos bosques que, coma reliquia do pasado, perdura no corazón da península. Asemade subiremos ás zonas altas, desde onde poderemos disfrutar de excelentes vistas da comarca e das rías.

Dentro deste angustioso mar de eucaliptos que inunda os montes do Morrazo, o Carballal de Coiro é  un arrecife de vida e cores; de beleza. Declarado Espacio Natural Protexido, conta cunha superficie aproximada de 365 Has. localizadas nos lindes dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña. A pesares das continuas agresións a que se ve sometido, (talas indiscriminadas de especies autóctonas e introducción de eucaliptos e piñeiros principalmente), merece a pena unha inmersión polas profundidades desta exquisita arboreda, unha sucesión ou mestura de bosques e árbores que se extende máis alá da zona inventariada como protexida. Falamos das carballeiras de Cela en Bueu, Pastoriza en Marín, as de Broullón ou o río da Fraga en Moaña.

A ROTA DO CARBALLAL

A rota discorre por camiños sombríos e frescos na maior parte, con algúns tramos algo dificultosos pola abundancia de maleza.  Non hai sinalización, polo que deberemos seguir con atención as indicacións dadas neste roteiro (ver o croquis na páxina seguinte).

Comezamos o camiño no “Igrexario de Coiro” (1). Igrexa barroca de 1784 situada nun outeiro dende o que se domina unha ampla panorámica da ría de Vigo. As pezas máis importantes desta igrexa son unha ara prerrománica e un chapitel visigótico con decoración de follas en dúas ordes. Antigo cemiterio no adro e casa rectoral anexa.

Sae o camiño por detrás da igrexa. Subimos entre casas deixando unha fonte con lavadeiro, á dereita, e máis adiante, un camiño que sae pola esquerda, cara unhas casas (2).

Seguimos de fronte, polo camiño que sube, e chegamos a un depósito de auga (3). Deixámolo á dereita, e nada máis superalo, apartámonos do camiño que sube para coller un carreiro que sae pola esquerda. Por el nos adentramos na fraga pasando por diversas instalacións de captación de augas, algunhas moi antigas.

Este vai ser o noso primeiro contacto coa fraga. Aquí descubriremos as carballeiras onde a árbore dominante é o carballo (Quercus robur). Acompañan a esta, árbores autóctonas como o castiñeiro e a cerdeira, e outras aloctonas, nesta mancha en concreto abonda a falsa acacia (Robinia pseudoacacia).

Loureiros, sanguiños, estripeiros, … son algúns dos arbustos que forman parte do sotobosque, sen esquecernos da xilbarbeira (Ruscus aculeatus) especie que forma a asociación vexetal que define científicamente as nosas carballeiras co nome de Rusco aculeati-Quercetum roboris.

Baixo esta cuberta vexetal viven distintas especies de flora e fauna que nutren de vida estes bosques. Paxariños coma os pimpíns, ferreiriños, gabeadores; aves de rapina diurnas coma o azor, gabián, miñato; nocturnas como a avelaiona ou o moucho de orellas, a curuxa, son algúns dos representantes da avifauna.

Entre os mamíferos citamos a presencia do raposo, xabarín, teixugo, xeneta, esquío, … ademáis da comunidade de roedores e micromamíferos como os musgaños.  

Pasado o río (4), o camiño afea e baixa. Observamos a notable diferencia que existe entre o bosque autóctono que deixamos atrás, e este monte inzado de eucaliptos. Seguimos as marcas de rodas de tractor ata divisar diante do camiño un grupo de casas, “Carballal”. Cen metros antes de chegar ás primeiras (5), tomamos un camiño que sube pola dereita. Sae en ángulo contrario, non se ve facilmente. (Se o pasaramos, poderemos subir entre as casas: baixar pista asfaltada. Na casa nº 8, carreiro á dereita. Na casa nº 34, subir á dereita. Saír por carreiro angosto entre viñedos.)

A 20 m. do final do camiño, atopamos unha fonte con estanque, no medio dunha área de repouso, "Os Lagos". Despois de refrescarnos e recuperar forzas, voltamos ao camiño. Poñéndonos fronte ao caño da fonte, imos polo que sae cara á dereita, que seguiremos sen coller ningún desvío de baixada.

De aí a pouco pasamos por "A Coviña" (7). Fonte, estanque, repoboación de bosque autóctono. Todas estas intervencións que atopamos, como as zonas recuperadas ou repoboadas con especies autóctonas por onde iremos pasando, débense á constante e loable labor de moitos anos xa,  da Xunta de Montes dos Veciños de Coiro.

Continuamos polo mesmo camiño, despois de cargar as cantimploras, pois agárdanos unha longa subida.

Só temos que poñer atención nunha curva pechada á esquerda (8), onde quizais as pernas nos queiran levar polo camiño horizontal que temos ao fronte. Seguimos subindo pola pista ata chegar a outra máis ancha. Aí tomamos á dereita.

O son do río anúncianos a presencia das “Fervenzas do Río Bouzós”. Neste punto collemos río arriba para facer a R.C, e a R.B. Continuamos a pista, para facer a R.A. En calquera caso, é obrigado disfrutar da maravilla que a natureza nos ofrece neste lugar, ata uns cen metros río arriba.

Observamos aquí cambios na vexetación. A beira do río ocúpanna principalmente amieiros e salgueiros. Miramos tamén bidueiros, algún que outro freixo e varias especies de fentos e outras plantas como o couselo (Umbilicus pendulinus). Estas e outras especies forman o chamado bosque de ribeira, que asociado aos cursos de auga e lugares encharcados está formado por unha flora e fauna que precisa da humidade para o seu desenrolo. Entre a fauna cabe subliñar a presencia da saramaganta (Chioglossa lusitanica), endemismo do noroeste ibérico ou a toupa de río (Galemys pyrenaicus) outro endemismo de dificil observación.

Subimos pola esquerda do río (10). Nunhas árbores caídas, cruzamos á dereita. Nalgún tramo, camiño e río comparten percorrido. Ao atopar de fronte un grande amieiro de tres troncos, cruzamos á esquerda e subimos, deixando xa o río. Seguimos este camiño que deixa veigas á dereita e monte á esquerda. Estamos na chan de “Esperón”.

Chegamos a un cruce de camiños (11).  Pola dereita, R.B: seguimos sen desvíos ata Área de Repouso "Pouso das Cruces".

Pola esquerda, R.C: subida a Ermelo. Subimos sen desviarnos, disfrutando deste tramo de camiño, profundo, sombrío, unha das poucas reliquias que foron respetadas polas excavadoras onde podemos imaxinar, ¿quizais escoitar?, os vellos carros de bois laiándose da súa pesada carga. Chegamos á pista asfaltada. Nas primeiras casas, temos o camiño que baixa á dereita, á fonte (12). 

Percorremos a aldea de “Ermelo”. Un vello núcleo rural que segue a manter todo o encanto de tempos xa pasados.

 O primeiro asentamento de vida monacal na Península do Morrazo aparece vinculado xa no século VI ó priorato de Ermelo, de fundación benedictina. Aquí morou na primeira metade do século XVIII o frade Martín Pelagio, do que se contaba que acudía ás xuntanzas das meigas cando a campá da igrexa de Coiro soaba soa os sábados ás doce da noite. Foi condeado pola Inquisición «después de ser juzgado por el delito de brujería y manifiestas prácticas hechiceras».

Como resto do antigo mosteiro, queda algún muro da casa prioral e unha igrexa á advocación de Santiago Apóstol, emprazada, posiblemente, no lugar dun vello templo románico do que só quedan vestixios da porta e arcos semicirculares. Sufriu restauración total de muros e cuberta. Os muros e bóvedas son do século XIX. Chapiteis de tipo barroco do século XVIII.

Non deixamos “Ermelo” sen disfrutar da vista do “Miradoiro da Esculca”. A pequena subida que aínda queda, ben vale a pena. Nun día claro, quedamos abraiados ante a vista, que abarca dende o cabo Silleiro ata o cabo Finisterre.

Para seguir a rota voltamos á fonte (12). Dende aí, a 200 m. pola pista asfaltada e pasada unha curva, tomamos camiño á dereita. Non é fácil explicar o camino por aquí. Hai varios cruces e algúns camiños anegados de auga. Hai que ir subindo e gañando a dereita. Podemos seguir marcas de bicicletas. De calquera xeito, anque sexa cun pequeno rodeo, chegamos sen dificultade a unha chan, no alto, sen arborado. Buscamos unha antena cara ao sur. Ao lado unha cruz de madeira.

Estamos no “Miradoiro da Cruz do Xestoso” (13) dende onde contemplamos a ampla panorámica do val de Moaña e da Ría de Vigo, coas fermosas illas Cíes na súa boca. Logo podemos choutar polos enormes penedos de todo este lexendario monte “Paralaia”. Segundo unha das moitas lendas, hai aquí tres pedras iguais que di a tradición que corresponden a tres princesas mouras encantadas. O que se sinta valente pode desencantalas se vai ás doce da noite de San Xoán, …¡e non se asusta de nada do que mire!

 Dende aquí comezamos a baixada, por ancha pista, e de seguida chegamos ao "Pouso das Cruces" (14). Área de repouso na que conflúen a R.B e a R.C. Segue o camiño baixando pola pista ata chegar a unha explanada con fonte e estanque (15) onde conflúen varios camiños. Collemos pola pista da dereita e non tardamos en ver, algo apartado á dereita do camiño, un grande e redondo penedo: a "Pena de Coiro".

É este  outro dos lugares ricos en lendas. Algunhas falan de xuntanzas de bruxas que na noite de San Xoán danzan arredor da peneda ou de luces que se ven na Noiteboa. Outra di que as rochas deste lugar abríanse e aparecía unha virxe peiteándose e cantando. Toda persoa que a escoitaba dirixíase enfeitizada cara a fenda. Quen lograba adentrarse, endexamáis voltaba. ¡Vaia con ollo o camiñante!

Chegamos a outro cruce de tres pistas (16). Aquí conflúen a R.A e a R.C. Seguindo a pista que baixa, chegamos á “Área de Espiñeiro”. Fonte, mesas, repoboación de bosque autóctono.

A baixada para o Igrexario de Coiro, quedou un pouquiño atrás. Na curva anterior a Espiñeiro (17), nun claro, sae o carreiro de baixada. Por este e máis abaixo, atopamos un desvío á esquerda que non tomamos. Chegamos ao depósito xa coñecido (3) e desandamos o camiño inicial ata o Igrexario.

Descansamos e comentamos satisfeitos, os avatares da longa camiñada, mentras disfrutamos da vista que ata o mar nos ofrece o fermoso val de Coiro.

DESCRICIÓN XERAL DA ROTA

 

Dificultade media.

Cartografía de apoio: Mapa Topográfico, 1:25.000, folla 223-I: Cangas

 

Alternativas:

A rota completa (R.C), é circular con comezo e remate no Igrexario de Coiro. Compre dispoñer do día enteiro. Hai variantes para facer en medio día (R.B / R.A). Temos outras rotas posibles se partimos de Ermelo.

 

Lonxitudes e tempos aproximados:

Altitudes:

R.A :          5 Km.    / 2 horas.

Igrexario-Coiro :           120 m.

R.B :          6,5 Km. / 3,5 horas.

Ermelo (Pobo) :            360 m.

R.C :          8,5 Km. / 5 horas.

A Esculca de Ermelo:     400 m.

(Tempos sen paradas)

Cruz do Xestoso:          445 m.

 

Consellos:

 Levar calzado para auga e pantalón longo. (Mato espiñento)

 Non perder de vista ningún membro do grupo. Pódese perder.

 Non debemos alterar o silencio do bosque, as plantas e animais, os cultivos, ... , e se podemos deixalo todo algo máis limpo do que estaba, mellor para todos.

Deseño  da rota: “O Carballal”

Textos: Juan A. Tomé (Grupo “Luita Verde”)

             Luís Mª Pérez  (Asoc. “O Carballal”)

Fotos: David Midleton

Abrir roteiro en pdf

Mapa do Espacio Natural protexido

 

Ver máis sobre: CARBALLEIRAS -  BOSQUES DE RIBEIRA - LITORAL - HUMEDAIS

 

                                                                                                                     
 

 
 Fondo sonoro: "Pasacorredoiras do Choqueiro" (Un gaiteiro de Cangas).