Meteoclimatic

 


 

Datos actuais

Max/Min Mes/Ano

Histórico de datos

Meses anteriores

Efemérides

Resumo climatolóxico

Características da estación

Observación

Predición

Álbum

Contacto

---------------------------

Colaborador de:

Meteoclimatic

 

 

 

 

 

 

 

 

CANGAS - 2012 - EFEMÉRIDES

29/12/2012 – VIOLENTO REFACHO DE VENTO EN CANGAS

O día 29 de Decembro de 2012, espertáronnos coas noticias dun grande desastre no Porto Deportivo de Cangas, causado por un vento de inusitada violencia que, arredor das seis e media da mañá, destrozou a nave de deportes náuticos, levando polo aire máis de 1.000 metros cadrados de cuberta de chapa metálica, que impactando contra os barcos amarrados no porto, causou graves desperfectos nas xarcias e cascos de medio centenar deles.

Despois de ler a prensa e vendo os danos causados por este vento en distintos lugares da localidade, podemos trazar a liña do seu percorrido, que foi rectilíneo e en dirección SW-NE:

 

Os efectos deste fenómeno atmosférico, circunscritos á liña estreita por onde pasou, fan descartar que fóra un típico temporal de SW.

A estación meteorolóxica MeteoCangas (punto vermello), situada a 300 metros do probable percorrido do fenómeno, detectou o refacho máximo de 57,9 Km/h ás 6,40 h., o que está bastante lonxe da forza que tivo que traer, a xuzgar polos efectos producidos.

Pero si ben no rexistro de velocidade do vento non se detecta nada extraordinario, analizando a evolución doutras variables meteorolóxicas nese período de tempo, entre as 6 e as 7 horas da mañá, podemos deducir que algo gordo pasou por aí abaixo.

Na seguinte gráfica observamos unha caída brusca de temperatura entre as 5,40 h. e as 7 h., de 13,9 ºC a 10,6 ºC., para logo volver ao seu valor normal, ao tempo que a humidade relativa do aire sube ao 92 % no tempo dunha hora.

A presión atmosférica detivo o seu descenso ás 6 h., momento en que comeza a chover e chega a facelo con forte intensidade, chegando ás 6,40 h., a facelo a razón de 121 l/m2 e hora.

Na análise do vento, obsérvase o pico de forza ás 6,40 h. que logo cae bruscamente, mentres cambia a dirección de un SSE a WNW.

Onde si atopamos datos de vento máis significativos é no recollido polas estacións de Meteogalicia en Illas Cíes e Faro Borneira (punto laranxa na foto satélite), que nos deixan esta gráfica:

En Cíes, entre 6,20 e 6,30 h., o refacho de vento chega a rebasar por pouco os 100 Km/h, mentras en Faro Borneira ás 6,30 h, acada os 115 Km/h, practicamente á mesma hora que suceden os  danos no porto de Cangas. Tendo en conta a distancia entre Cíes e Borneira, de 6 millas náuticas (11 Km), e que o refacho máximo neses dous puntos sucede nun intervalo de 10 minutos, cremos que é base suficiente para descartar a opción da tromba mariña pois o seu desprazamento é moito máis lento e non coñecemos casos en que se mantivera activa en tanta distancia.

Máis coherente parece a teoría manexada por meteorólogos da AEMET, que relaciona o fenómeno cun “vórtice de refacho” (gustnadoes), que se xeneran asociados a frontes de choiva e discorren paralelos á liña da fronte, de aí a aliñación dos danos e a confusión cun tornado. Os danos en terra son parecidos aos dun tornado débil (EF-0) e raramente superan os 110 Km/h.

Nesta imaxe do radar da AEMET pódese ver sinalada a fronte de choiva que a esa hora se formou sobre O Morrazo e que sería a orixe do vórtice de refacho que discorreu pola liña da fronte e que se corresponde cos danos producidos.

------------------------------------------------ 

Danos no porto deportivo de Cangas:

https://picasaweb.google.com/101067718046927734345/29DeDiciembreDe2012_PortoDeCangas?authuser=0&authkey=Gv1sRgCKXKndTtzbCjUQ&feat=directlink

 

25-04-2012.- BORRASCA PETRA

  • Caída de presión de 20 mb en menos de 24 horas e subida progresiva do vento coincidindo no tempo ambos picos.

  • Refacho máximo de 75,6 Km/h. Compoñente W.

  • Precipitación: 24 l/m2

 

CANGAS - 2011 - EFEMÉRIDES

 

7-01-2011.- INTENSAS PRECIPITACIÓNS NO MORRAZO

Ás 8:45 h. comezou un fenómeno de precipitación que continuou, practicamente sen interrupción ata as 11:40 h. Neste período de tres horas, nesta estación recolléronse 34,8 mm.

A intensidade da precipitación foi moi forte en varios dos momentos. Ás 9:30 h a intensidade da choiva foi de 151,6 mm/h, e dez minutos antes das 11 h choveu a razón de 167 mm/h.

O fenómeno foi acompañado de aparato eléctrico e forte vento do SW, acadando o máximo refacho a velocidade de 78,9 Km/h, ás 9:50 h da mañá.

Neste episodio de precipitación, que dura cinco días, recolléronse xa 133,4 mm, cantidade próxima a todo o que choveu no pasado mes de Decembro.

Gráfica da precipitación instantánea arredor das 11 h.

Gráfica da precipitación total ata as 14 h.

...................................................................................

O PRIMEIRO TEMPORAL DO OUTONO 2011

Cumprindo as predicións de días pasados, o domingo 23 de outubro chegounos a primeira borrasca do outono. A presión atmosférica tivo unha baixada ordenada e regular de 17 mb en 24 horas. Ás tres da madrugada do 24, empezou a subir.

O vento arreciou entre as 12 e as 18,30 h., sen baixar, practicamente, dos 50 Km/h, e chegando aos 74 Km/h, ás 16,30 h.

A choiva foi significativa  a partir das 14,30 h., chegando a arreciar sobre as 18,30 h., acadando unha intensidade de 174,6 litros por hora. En total, entre as 12 h. e as 6 h. do día 24, recolléronse 44 l/m2.

...................................................................................

 

UN MES DE OUTUBRO CALOROSO

Este mes de Outubro de 2011 si que vai batendo records.

Polo momento, primeira quincena do mes, e xa temos record de temperatura máxima e de seguir así, non se albiscan cambios a curto prazo, bateremos outros tamén.

Estamos falando, claro está, sobre datos recollidos na Estación Meteorolóxica de Cangas no período dos últimos 25 anos. Podemos resumilo nunha táboa:     

TEMPERATURAS OUTUBRO
 CANGAS HISTÓRICO 2011
Máxima Absoluta 30º 32,8º
Media das Máximas 20,6º 26,7º
Media 16º 21,1º
Media das Mínimas 11,5º 16,9º
Mínima Absoluta 3,5º 13,3º

E das precipitacións xa falaremos, porque a data de hoxe, o mes históricamente máis chuvioso do ano, cunha media de 195,3 l/m2, leva nesta estación un rexistro de 0,0 l/m2

MeteoCangas, 14 de outubro de 2011

...................................................................................

UN MES DE SETEMBRO SECO

O pasado xoves, 29 de setembro de 2011, publicaba o Faro de Vigo un artigo co seguinte titular: "El septiembre más seco en 40 años". Se o que se busca é chamar a atención, sensacionalismo, vale, pero a afirmación é falsa e os datos que aporta no artigo, confusos: unha erronea interpretación do que son valores medios.

Na estación de Cangas recollemos datos dende fai 25 anos, e o setembro deste ano non foi o máis seco. Vexamos en que lugar está:


1º.- 1989 con 5,2 l/m2
2º.- 1988 con 11 l/m2
3º.- 1997 con 12 l/m2
4º.- 2007 con 12 l/m2
5º.- 2011 con 16,8 l/m2


Hai tres anos máis con menos de 20 l/m2.
Outra cousa é a precipitación media, que no mes de Setembro en Cangas é de 69,4 l/m2. Isto quere dicir que é un mes irregular en precipitacións. Así como a terceira parte dos anos non chegou aos 20 l/m2, outra terceira parte dos anos pasou dos 90 l/m2.

Resumindo: o mes de setembro pasado non foi excepcional.
 
O ano actual está sendo, polo momento, máis seco que a media. Levamos recollidos 531 l/m2 cando os datos medios ata esta data, serían de 703 l/m2. Veremos como veñen os seguintes meses, que soen ser os máis chuviosos do ano, para ver en que queda.
O ano que menos choveu foron 740 l/m2. Se non chegaramos a esa cantidade, si que teriamos o ano máis seco dos últimos 25.
Pero quedan tres meses que ningún ten unha media de menos de 150 l/m2.

Que chova!

...................................................................................

 

PRECIPITACIÓN RECOLLIDA NA SEMANA DO 3 AO 9 DE XANEIRO de 2011 = 162 mm

Noticias de prensa:

Galicia va recobrando la normalidad al remitir el temporal

El desbordamiento del río Bouzós cierra Cangas

El Bouzós se desborda y siembra el caos en Cangas

Inundaciones de bajos y viales en O Val Miñor y O Morrazo

Tres días de aguacero para sumar el 50% de lo llovido en España

Nuevo episodio de fuertes lluvias para el sábado

La Xunta alerta de un episodio de fuertes lluvias para la jornada de mañana en Galicia

CANGAS - 2010 - EFEMÉRIDES

27 Febreiro: CICLÓN EXTRATROPICAL "XYNTHIA"

O sábado 27 de febreiro de 2010 formábase una depresión ou borrasca ao oeste das Illas Canarias cun centro de 990 mb de presión. Tan só 18 horas despois xa estaba situada no Cantábrico cun centro de 970 mb de presión. É dicir, en menos de 24 horas a presión descendeu máis de 20 mb e a borrasca percorreu miles de km a moita velocidade. Ese sábado, en Galicia, houbo refachos de vento de máis de 130 km/h, chuvias intensas e temporal forte no mar, aínda que as consecuencias máis devastadoras chegaron a Francia con decenas de persoas falecidas.

A cicloxénese explosiva fai referencia á creación dun ciclón (ou borrasca cando a latitude é media) de maneira moi rápida (en cuestión de horas) e de xeito moi intenso (con caídas de presión moi bruscas). No ano 1980 Sanders e Gyakum caracterizaron as cicloxéneses explosivas como aquelas nas que no seu centro a caída da presión é de aproximadamente 20 milibares en 24 horas (para latitudes coma a de Galicia).

No paso do Xynthia rexistrado en Cangas, a caída de presión foi de 32 mb en 14 horas. A baixa veu precedida dunha advección térmica que provocou unha subida repentina de 7 ºC.

PRESIÓN ATMOSFÉRICA E TEMPERATURA

MAX: 17,7 ºC MIN: 9,1 ºC

PRESIÓN MAX:

1006 PRESIÓN MÍN: 974 mb

PRESIÓN ATMOSFÉRICA E VENTO
VENTO MAX: 69,2 Km/h

PRESIÓN MAX:

1006 PRESIÓN MÍN: 974 mb

SEMANA 22-28 FEBREIRO - CHOIVA

CHOIVA:

81,2 L/M2