Portada

PREMIO OSÍXENO 2002

Contacta con nós

Quen somos

Onde estamos

INCUMPRIMENTOS NA VÍA DE ALTA CAPACIDADE DO MORRAZO

VER DETALLES EN:

 - ALDÁN  

 - A PORTELA

 - CARBALLAL

 - BOUZÓS

 - GONDARÁN

 - AMEIXOADA

 - BROULLÓN

 - A DEVESA

 - MONTEALEGRE

 

Dende esta Plataforma xa presentamos Recurso Contencioso Administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia polos graves defectos e irregularidades en que incurría o proxecto presentado a exposición pública no ano 2000. Irregularidades tan graves como a de presentar un Estudio de Impacto Ambiental vacío de contido, carente de rigor científico e con ausencia de estudios e documentos imprescindibles para a realización dun proxecto da magnitude e do elevado impacto sobre o medio que supón esta vía rápida. Só como exemplo sirva citar que tal estudio de impacto non contiña ningún estudio hidrolóxico, nada sobre as augas superficiais nin sobre a soterradas, nada sobre os caudais e cauces dos ríos, nada sobre os mananciais e traídas veciñais. A falta deste estudio está a ser ben notada hoxe que xa meteron as máquinas sen saber por onde afectarían a recursos tan esenciais para os bairros do Morrazo, con resultados xa irreparables en moitos casos.

    Con tódalas deficiencias do Estudio de Impacto Ambiental, formulouse a Declaración de Impacto Ambiental no verán de 2001 (D.O.G. 16 de agosto de 2001), impoñendo unhas condicións para a protección das augas, da paisaxe, do patrimonio, etc., que se concretaban nunhas modificacións que habería que introducir no proxecto para a súa aprobación.

    Na mesma resolución da D.I.A. concluíase que:

  • 10.3. As condicións sinaladas nesta DIA, son de obrigado cumprimento. (...)

  • 10.5. Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberá ser comunicado á DXCAA, que o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declarción ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

  • 10.7. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da DXCAA, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e sexan corrixidas.

    Dous anos despois, no verán de 2003, comezan as obras da vía rápida sen que a Consellería de Obras Públicas dea a coñecer o proxecto modificado do trazado nin o proxecto de obra, e iso séndolle solicitado por nós e polos Concellos de Moaña e Bueu. Esta ocultación por parte da administración, incomprensible nun estado que se di democrático, algunha escura componenda debería agachar para que a toda presa se lanzaran a abrir a fenda nos montes do Morrazo co absoluto descoñecemento do proxecto por parte de veciñanza e corporacións locais.

    Agora podémolo confirmar. O coñecemento que tivemos dos planos actuais do trazado demostra que estamos ante unha obra ilegal porque contén modificacións contrarias ao estipulado na DIA, aumenta o impacto en relación ao proxecto presentado a exposición pública, non se protexen os elementos do patrimonio histórico e natural que coa declaración se trataban de preservar.

Ou sexa: non cumpre as condicións sinaladas na DIA (10.3), non se modificou a declaración por cambios habidos (10.5), non se suspendeu ao manifestarse outros impactos (10.7),.... ILEGAL!!!

    Isto é a sinxela constatación de que a Consellería non tiña a mínima intención de facer a obra causando o mínimo impacto posible ao medio, e que todo o proceso de información pública foi un burdo paripé para cubrir o trámite. O seu único interese é poñer unha estrada ao pé das urbanizacións xa anunciadas nos montes de Aldán. Non lles importa o custe que esta obra terá para o resto da comarca. Nin os danos irreversibles ao ambiente natural, nin a perda do alto valor paisaxístico que o Morrazo posuía, nin a perda de elementos únicos do patrimonio histórico, nada para eles ten máis valor que facer a obra no menor tempo e co menor custe económico, ... INCONSTITUCIONAL!!! 

    Establece a Constitución Española ( Art. 45 e 46) que a protección ambiental e a conservación do patrimonio artístico acadan a categoría de principios rectores da política social e económica” e dispón que, “o recoñecemento, respecto e protección do medio e do patrimonio debe informa-la lexislación positiva, a práctica xudicial e a actuación dos poderes públicos”.

    ¿Que podemos agardar xa os cidadáns?

    Á vista dos últimos planos, e segundo se comproba na análise comparativa que acompañamos, despois de pasar a Declaración de Impacto Ambiental non teñen o menor escrúpulo en ignorar as condicións alí impostas, aumentar os volumes dos recheos e as superficies ocupadas, ou suprimir viaductos anteriormente proxectados. Chegan ao descaro de “conceder” como gran mellora, 180 metros máis no viaducto da Ameixoada mentras ocultan a eliminación duns 450 metros de viaductos, 120 metros na mesma Ameixoada, na valgada das Teixugueiras. É de destacar a eliminación de 350 m. de viaducto no Anguieiro, en Cangas, substituído por un recheo de 150 metros de ancho. Vese que en Cangas os veciños non protestan e ao Concello tanto lle ten.

    Enos moi dificil de entender o papel que están a xogar os concellos do Morrazo, que nuns casos abandonan totalmente a defensa do territorio e dos intereses veciñais, e noutros amosan posturas indefinidas, un día favorables á vía rápida e outro secundando protestas veciñais polo danos da obra, pero eludindo a responsabilidade de exercer as súas competencias e esixir contundentemente o cumprimento da legalidade.

    Co que xa sabemos e co que se está vendo, que aínda agrava o reflectido nos planos, hai sobrados fundamentos para actuar pola vía legal en prevención de males maiores.