Portada

PREMIO OSÍXENO 2002

Contacta con nós

Quen somos

Onde estamos

VOLVER Á LISTA

Domingo, 7 de marzo de 2004

Ás 10 e media da mañá, diante do Concello de Moaña, concentración con posterior visita a xacementos arqueolóxicos afectados polas obras do Corredor do Morrazo. 

Contarase coa asistencia de arqueólogos e persoeiros da cultura galega, que entre todos farán público un manifesto de protesta polo lamentable tratamento que se está a dar ao Patrimonio Histórico por mor destas obras.


3 de decembro de 2003

O Parlamento Europeo considera admisible a nosa petición e decide comezar actuacións sobre os diferentes aspectos do problema. Recibimos comunicación de que a nosa petición foi examinada e consideradas admisibles as cuestións que expoñemos, de acordo co Regulamento do Parlamento Europeo, e dicir, que o obxecto da petición incide no ámbito da actividades da Unión Europea.

A Comisión de Peticións iniciou o examen da petición e decidiu pedir á Comisión Europea que adopte unha postura sobre os diferentes aspectos do problema. 


 22 de novembro de 2003

No verán de 2001 formulouse a Declaración de Impacto Ambiental (D.O.G. 16 de agosto de 2001), impoñendo unhas condicións para a protección das augas, da paisaxe, do patrimonio, etc., que se concretaban nunhas modificacións que habería que introducir no proxecto para a súa aprobación.

    Na mesma resolución da DIA concluíase que:

·         10.3. As condicións sinaladas nesta DIA, son de obrigado cumprimento. (...)

·         10.5. Calquera cambio no proxecto obxecto desta declaración deberá ser comunicado á DXCAA, que o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declarción ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

·         10.7. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de impacto severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da DXCAA, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e sexan corrixidas.

Dous anos despois, no verán de 2003, comezan as obras da vía rápida sen que a Consellería de Obras Públicas dea a coñecer o proxecto modificado do trazado nin o proxecto de obra, e iso séndolle solicitado por nós e polos Concellos de Moaña e Bueu. Esta ocultación por parte da administración, incomprensible nun estado que se di democrático, algunha escura componenda debería agachar para que a toda presa se lanzaran a abrir a fenda nos montes do Morrazo co absoluto descoñecemento do proxecto por parte de veciñanza e corporacións locais.

Agora podémolo confirmar. O coñecemento que tivemos dos planos actuais do trazado demostra que estamos ante unha obra ilegal porque contén modificacións contrarias ao estipulado na DIA, aumenta o impacto en relación ao proxecto presentado a exposición pública, non se protexen os elementos do patrimonio histórico e natural que coa declaración se trataban de preservar.

Ou sexa: non cumpre as condicións sinaladas na DIA (10.3), non se modificou a declaración por cambios habidos (10.5), non se suspendeu ao manifestarse outros impactos (10.7),.... ILEGAL!!!

Isto é a sinxela constatación de que a Consellería non tiña a mínima intención de facer a obra causando o mínimo impacto posible ao medio, e que todo o proceso de información pública foi un burdo paripé para cubrir o trámite. O seu único interese é poñer unha estrada ao pé das urbanizacións xa anunciadas nos montes de Aldán. Non lles importa o custe que esta obra terá para o resto da comarca. Nin os danos irreversibles ao ambiente natural, nin a perda do alto valor paisaxístico que o Morrazo posuía, nin a perda de elementos únicos do patrimonio histórico, nada para eles ten máis valor que facer a obra no menor tempo e co menor custe económico, ... INCONSTITUCIONAL!!! 

Establece a Constitución Española ( Art. 45 e 46) que a protección ambiental e a conservación do patrimonio artístico acadan a categoría de principios rectores da política social e económica” e dispón que, “o recoñecemento, respecto e protección do medio e do patrimonio debe informa-la lexislación positiva, a práctica xudicial e a actuación dos poderes públicos”.

¿Que podemos agardar xa os cidadáns?

Á vista dos últimos planos, e segundo se comproba na análise comparativa que acompañamos, despois de pasar a Declaración de Impacto Ambiental non teñen o menor escrúpulo en ignorar as condicións alí impostas, aumentar os volumes dos recheos e as superficies ocupadas, ou suprimir viaductos anteriormente proxectados. Chegan ao descaro de “conceder” como gran mellora, 180 metros máis no viaducto da Ameixoada mentras ocultan a eliminación duns 450 metros de viaductos, 120 metros na mesma Ameixoada, na valgada das Teixugueiras. É de destacar a eliminación de 350 m. de viaducto no Anguieiro, en Cangas, substituído por un recheo de 150 metros de ancho. Vese que en Cangas os veciños non protestan e ao Concello tanto lle ten.

Enos moi dificil de entender o papel que están a xogar os concellos do Morrazo, que nuns casos abandonan totalmente a defensa do territorio e dos intereses veciñais, e noutros amosan posturas indefinidas, un día favorables á vía rápida e outro secundando protestas veciñais polo danos da obra, pero eludindo a responsabilidade de exercer as súas competencias e esixir contundentemente o cumprimento da legalidade.

Co que xa sabemos e co que se está vendo, que aínda agrava o reflectido nos planos, hai sobrados fundamentos para actuar pola vía legal en prevención de males maiores.


5 de setembro de 2003

A Plataforma Anti-Vía Rápida do Morrazo, diante dos últimos acontecementos que se están a producir coa realización das obras da VR, queremos manifestar o seguinte:

Asistimos perplexos a esta parodia de mobilización contra as obras da vía rápida, agora cando se comezan a sufrir os primeiros desperfectos, cando se comproba a barbarie que realmente supón esta obra sobre os montes e vales do Morrazo. Estamos perplexos porque cando nós anunciamos que isto ía ser así, e pior que será o que está por vir, escoitousenos con indiferencia, incredulidade e por suposto, pasividade.

Agora se vai tendo unha idea do que vai supor para o territorio, e máis adiante se comprobará que toda esta barbaridade non ten por finalidade solucionar os problemas de comunicación da comarca, senón que servirá a uns intereses inmobiliarios sobre terreos de Aldán. 

O conseguirán, e nunca pensaron os especuladores contar con tanta e boa axuda. Primeiro desmobilizando e impedindo a unión da xente da comarca contra esta obra, obxectivo que tratou de acadar esta Plataforma en varias ocasións, e que non se logrou polas posturas manipuladoras de persoas do ámbito do BNG.

Seguen a contar coa axuda dos concellos do Morrazo, cando permiten comezar unhas obras sen a preceptiva presentación dos proxectos de trazado nin a declaración dos bens públicos afectados. Un Concello que defende aos veciños non pode permitir unhas obras que non se sabe por onde van, nin a que afectan, nin como se van repoñer os servicios afectados.

Seguirán a contar coa axuda do Concello de Moaña, pois como toda medida se propón gastar 9 millóns das vellas pesetas, en “vigilar que las obras se adecuen al informe de impacto ambiental” (Faro de Vigo, 29/08/03), que é o mesmo que nada, pois precisamente temos denunciado no Tribunal Superior de Xustiza, que o Estudio de Impacto Ambiental realizado para esta obra incumple a normativa legal, non é un estudio válido para salvagardar o territorio pois é un documento feito de trámite, vacío de contido, falto de rigor,... toda unha burla. Tan inutil vai ser gastar eses cartos, que esixindo o cumprimento da Declaración de Impacto Ambiental, non se pode evitar o aterramento da Ameixoada, nin o desmonte dos Remedios, nin sequera o respeto dos regos e mananciais, pois xa denunciamos que non fixeron ningún estudio da hidroloxía da comarca.

Eses cartos estarían mellor gastados encargando un auténtico e rigoroso Estudio de Impacto Ambiental, demostrar que o que fixeron para este proxecto é un fraude, e logo, esixindo por vía xudicial un proxecto acorde con el.

Mentras tanto só se poden evitar piores danos, paralizando as obras como se deben parar: por orden do Alcalde, sen meter aos veciños por diante.


10 de xullo de 2003

A Plataforma Anti Vía Rápida do Morrazo mantivo unha xuntanza co novo equipo de goberno do concello de Moaña o xoves da semana pasada. Nela se lle comunicou a intención de non integrarse na comisión de seguimento por entender que esta se constitue asumindo a construcción do vial cando a posición da Plataforma é totalmente contraria á súa construcción, engadindo ademais que vai contra o modelo de transporte que os colectivos integrantes defenden.

 Se lle requeríu ó concello que velara pola legalidade das obras que  están a comezar sen a mínima garantía de protección do patrimonio público, civil, natural e histórico, como supón o feito de que aínda non se coñece o trazado definitivo, por ser alterado despois de ser exposto publicamente, e se requiriu presionaran a paralización das obras en tanto non se coñezan aspectos básicos como trazado exacto, bens e servicios afectados así como os plans de protección e reposición, como legalmente procede.

 Deuse coñecemento dos atentados que xa se están a realizar contra o patrimonio histórico e cultural, ó estar destragando zonas arqueolóxicas catalogadas sen ter realizadas as previas prospeccións arqueolóxicas ás que a lei lles obriga. Por exemplo en Domaio foron destrozados xa algúns muíños no río da Freixa; na Borna está a ser destrozada a antiga calzada que transcorre a escasos metros dos petroglifos; no Outeiro do Cruceiro, en San Martiño e a escasos metros da fonte da Peroxa, está a ser utilizado pola maquinaria o antigo camiño de subida, destrozando ó seu paso os muros e o piso de pedra existente; no monte Gagán está a ser afectado o entorno dun petroglifo de recente descubrimento situado entre os xa catalogados da Escada e Pozo Garrido, tamén afectados polo paso do trazado.

 Se lles recordou que a Plataforma mantén a súa alternativa para mellorar as comunicacións da comarca sen que teñamos que pagar estes elevados custos que xamais amortizaremos, polo que se lles solicitou comezasen pola xestión das melloras da C‑550, a circunvalación do núcleo urbano, a potenciación do transporte colectivo, tanto marítimo como terrestre, incluída a subvención económica e rebaixa das tarifas, ou a necesaria consecución de servicios sociais, culturais e sanitarios no concello e comarca para evitar máis desprazamentos dos cidadáns por estrada, melloras todas elas necesarias para a mellor calidade de vida na comarca.

 Para rematar quixemos deixar constancia de que este proxecto é ilegal, que por moitas modificacións que se fagan non se van correxir as graves irregularidades e impactos de base que conleva, facendo especial fincapé nas afeccións futuras e irreversibeis no réxime hidrolóxico do que non fixeron ningún estudio, irregularidades que esta Plataforma veu denunciando insistentemente e das que agardamos resolución por parte das institucións europeas e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que se terá que pronunciar sobre a paralización cautelar das obras solicitada no Recurso Contencioso Administrativo.


Abril de 2003

A CONSELLERÍA DE OBRAS PÚBLICAS BÚRLASE DO MORRAZO

 Non é novo que os Estudios de Impacto Ambiental que a dita consellería fai sobre as obras que leva a cabo son os documentos máis inútiles que existen debido á súa pobre documentación, ao falseamento de datos, á falla de rigor, ... en definitiva ao incumprimento da lexislación que os regulamenta, convertendo así un proceso obrigatorio para a defensa do medio afectado pola obra nun basto fraude, pois precisamente deixa indefenso todo aquelo que se debe protexer.

Isto non é novo e parece ser un fraude asumido por tódolos estamentos pois ninguén pon freo a semellante engano. Pero a Consellería non queda aí, chega ao estremo de modificar aspectos do proxecto despois da Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

Así está a suceder no proxecto de vía rápida do Morrazo, xa que cando se aproba a DIA (DOG de 16 de agosto de 2001) faise coa imposición dunhas modificacións tales como apartar o trazado cara o norte para non afectar ao Castro de Montealegre, a construcción dun falso túnel en Broullón para reducir o impacto visual e acústico sobre a poboación do lugar que atravesa,... entre outras. Pois ben, estas modificacións non se executarán por decisión da CPTOPV, sen consultar nin informar ó órgano ambiental que aprobou a DIA, como é preceptivo, e se isto se sabe non é porque o fagan público, se non polos informes que lle reclamou o Valedor do Pobo ante unha reclamación nosa. Do mesmo xeito sabemos, que estando xa adxudicada a obra e as empresas xa instaladas na comarca, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental di descoñecer “o proxecto de trazado nin o resto da documentación adicional requirida”.

Para tremer!

Mentres agardamos o pronunciamento da Dirección Xeral de Patrimonio Histórico, do Consello da Cultura Galega, da UNESCO, da Comisión Europea,... , ou a recibir o expediente da CPTOPV e poder presentar a demanda no contencioso que interpuxemos no Tribunal Superior de Xustiza en decembro de 2001,  presentamos agora unha petición ao Parlamento Europeo agardando aínda atopar xustiza.


28 de marzo de 2003

A Plataforma Anti-Vía Rápida do Morrazo recibiu recentemente resposta do Valedor do Pobo á última reclamación que se fixo en xuño de 2002 denunciando o incumprimento por parte da CPTOPV das condicións establecidas na D.I.A.

§ Por medio desta resposta sabemos que a Consellería introduciu modificacións de trazado despois da exposición pública do estudio informativo e que non ten intención de realizar estudio de impacto das mesmas nin nova exposición pública.

1. Non se despraza o trazado cara ao norte  para evita-la afección ao Castro de Montealegre, procédese a “deseñar un túnel” o que significará unha importante variación do trazado e do nivel da estrada que afectará a un extenso tramo da vía.

2. Non se constrúe o falso túnel de Broullón, mellora que se anunciara para facilitar a comunicación no val e reduci-lo impacto visual e acústico.

3. Das outras modificacións propostas na DIA, como evitar o enterramento dos muíños do río da Freixa, afasta-lo trazado da zona habitada do Carballal ademais de falso túnel para preserva-la Fraga de Coiro, ou evitar a afección ao petroglifo de Gondarán, que non foron introducidas no proxecto de trazado, non comentan nada.

§ Estas modificacións que quedaran recollidas na DIA, e feitas públicas en novembro de 2001 non se realizarán, contrariamente ao establecido na Resolución de 27 de xullo de 2001 publicada no DOG de 16 de agosto de 2001. Esta alteración do proxecto realizada por decisión unilateral da Consellería, é ilegal por non contar cos preceptivos informes e autorizacións da Consellería de Medio Ambiente (Art. 10.5. do condicionado da DIA).

§ A raíz das nosas denuncias sobre as carencias legais do proxecto, a Consellería, facendo unha interpretación interesada e incorrecta do Decreto 442/1990, pretende xustificar a inclusión de documentos e informes despois da exposición pública do estudio informativo, cando xa non poden ser alegados, e sendo documentos que poderían modificar o resultado da DIA.

§ A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, “aínda non recibiu os informes e documentación adicional solicitados na DIA” e nin sequera coñece o proxecto de trazado (aprobado en agosto de 2001).

§ Denunciamos a descoordinación das institucións implicadas, e por todas estas irregularidades, solicitamos agora ao Valedor do Pobo, que sen máis dilación, se inste ás consellerías de Medio Ambiente e de Cultura a esixir o estricto cumprimento das condicións impostas na DIA, e á Consellería de Obras Públicas a cumprir a legalidade completando o Estudio de Impacto Ambiental e a pertinente exposición pública de modificacións e novos documentos engadidos, en defensa do Patrimonio Cultural e Natural, e dos dereitos dos cidadáns. 

§ A Plataforma abre nestes momentos outra vía de reclamación, formulando unha petición ao Parlamento Europeo para que se interese pola denuncia que tramita a Dirección Xeral do Medio Ambiente da Comisión Europea, que examine o fondo da cuestión, e á luz da lexislación comunitaria se ordene a paralización do proxecto, a fin de preservar e protexer o valioso patrimonio histórico, cultural e natural da  comarca do Morrazo que se pode ver gravemente danado por unha obra que, a causa das graves irregularidades de procedemento, non pode garantir  a súa conservación.

Para o seguimento desta petición de control, xa se tiveron contactos co coordinador do grupo parlamentario Os Verdes, Gianluca Solera e con varios deputados, José Mª Mendiluce, Jan Dhaene, Inger Schörling e Marie Anne Isler. 

§ Sobre o Recurso Contencioso Administrativo que interpuxemos contra a Consellería de Obras Públicas, temos que denunciar o labor de obstrucción da xustiza que practica a Consellería, negando e atrasando o envío do expediente solicitado polo Tribunal, debido ao cal, aínda a día de hoxe non puidemos formular a demanda.

Estamos á espera da resolución da petición de suspensión cautelar. Polo escrito remitido pola Consellería ao Tribunal, vennos a dicir que non temos por que reclamar sobre o proxecto coñecido porque ese non é o definitivo. Nos preguntamos: ¿Por onde acabará indo a vía rápida? ¿Para que foron as exposicións públicas do proxecto, exposición de planos, etc?

§ Poñéndonos ao nivel do goberno que padecemos podemos dicir que:

A vía rápida podería pasar polos terreos expropiados, ...

e tamén podería non pasar polos terreos expropiados.